jueves, 24 de noviembre de 2011

MONOGRÁFICO PARA O NADAL

Por segundo ano consecutivo, a CGENDL pon á disposición da comunidade educativa un monografico para o Nadal . Deste modo, dende a Coordinadora ofrece a súa páxina como unha plataforma web colaborativa que recolle recursos e materiais elaborados nos propios centros escolares. Os monográficos de Nadal, Entroido, Letras Galegas, etc. completan o espazo de recursos xeral ( http://ir.gl/8b9eb4 ), de acceso para os membros do colectivo, que na actualidade conta cunhas 200 entradas. No especial de Nadal podedes atopar:

1.- Recursos para traballar nas aulas: escolma de recursos elaborados por docentes, institucións e asociacións. Inclúe unidades didácticas, actividades en liña, manualidades, vilancicos, contos, modelos de cartas para enviar aos Reis Magos e o Apalpador, o refraneiro, bases de concursos, etc.
Enderezo: http://www.coordinadoraendl.org/nadal2011/recursos/index.php

2.- Postais elaboradas polo alumnado: espazo destinado a recoller as felicitacións feitas polo alumnado que, unha vez dixitalizadas, poden ser enviadas, a través da rede e de modo moi sinxelo, polo propio alumnado e as súas familias para felicitar as festas e o novo ano. O prazo de recepción de postais continuará aberto ata o 19 de decembro.
Enderezo: http://www.coordinadoraendl.org/nadal2011/index11.php



lunes, 14 de noviembre de 2011

CONCURSO EXPOSICIÓN LETRAS GALEGAS 2012

CONCURSO DE PRESENTACIÓNS ELECTRÓNICAS PARA FELICITAR O NADAL

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso de presentacións electrónicas para felicitar o Nadal en lingua galega. Logo da ampla participación acadada na primeira edición da iniciativa, en 2010, con máis dun cento de propostas recibidas, a secretaría xeral pon de novo en marcha este concurso, co que busca promover a presenza do galego na comunicación propia das festas de Nadal e tamén no ámbito das tecnoloxías.
Os traballos que participen no concurso deben facer referencia a un tema vinculado con estas datas, para felicitar o Aninovo, o Día de Reis ou as festas de Nadal en xeral. Ademais do tema, valorarase o enxeño e o coidado estético e lingüístico das propostas. A extensión máxima das presentacións é de 10 diapositivas e o peso non deberá exceder os 10 Mb, para favorecer o seu envío por medios electrónicos comúns.

lunes, 7 de noviembre de 2011

CONCURSO DE PEÓNS

POLO SAN MARTIÑO PEÓNS Ó CAMIÑO!!!

O día 8 de novembro os nenos e nenas de Educación Primaria e Infantil do noso centro fixeron unha exhibición de baile de peóns e posteriormente realizaron  unha exposición de todos os peóns que eles mesmos decoraron.
Se queredes coñecer mais a fondo o mundo dos peóns, picade enriba da imaxe.




SAMAÍN 2011

Mouchos, curuxas, sapos, bruxas e cabazas...

O alumnado de Educación Primaria e Educación Infantil realizou con motivo do Samaín unha exposición de cabazas decoradas e elaboradas polos rapaces e rapazas. Tamén pintáronse a cara con maquillaxe , pero como di o refrán… “unha imaxe vale mais que mil verbas”. Así que aquí vos deixamos  un vídeo feito pola profe Camino no que podedes ver as espectaculares cabazas feitas polo alumnado e a sesión de maquillaxe dos nenos e nenas. A verdade é que algúns daban medo de verdade!!!


O alumnado de 4º da ESO decorou a súa aula para recrear a ambientación do Samaín utilizando cabazas, teas de araña e outros elementos decorativos.


APLICACIÓNS DA INVESTIGACIÓN XENÉTICA



"Aplicacións da investigación xenética: o seu uso na práctica policial" é o título da segunda videoconferencia organizada pola CGEDLG con motivo da celebración do II Día da Ciencia en Galego, impartida por Ángel Carracedo, Catedrático de Medicina Legal e director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC.Esta segunda videoconferencia tivo lugar de 12:30 a 13:30 horas o venres 4 de novembro de 2011, e a ela asistiron o alumnado da ESO. Unha introdución sobre o ADN foi o punto de partida para achegar as aplicacións da xenética no campo da investigación forense, área no que os grupos de investigadores liderados por Ángel Carracedo lideran a produción científica mundial. Os departamentos de CCNN e Matemáticas mostraron grande interese na participación no esta actividade, que ao igual que a primeira videoconferencia dirixida para o alumnado de 2º e 3º ciclo de primaria, foi todo un éxito. De novo, tras a conferencia, o alumnado tivo a oportunidade de lanzar a súas preguntas a través dun chat.



ANO INTERNACIONAL DAS ÁRBORES


"Sabes por que 2011 é o Ano Internacional dos Bosques?" é a pregunta a través da cal Mª Isabel Fraga Vila, profesora e membro da cátedra de Botánica da USC e directora do Museo de Historia Natural da universidade, introduciu a súa ponencia, enmarcada dentro das actividades promovidas pola CGEDLG para celebrar o II Día da Ciencia en Galego. O alumnado de 2º e 3º ciclo de EP asistiron a esta videoconferencia que tivo lugar entre as 10:30 e 11:30 da mañá do venres 4 de novembro de 2011. Tras a interesante charla sobre os bosques como parte integrante do desenvolvemento sostible do planeta e os seus beneficios económicos, socioculturais e ambientais, o alumnado tivo a oportunidade de interactuar formulando preguntas a través dun chat, que Mª Isabel Fraga Vila foi respondendo dunha maneira moi didáctica. Tanto o alumnado como o profesorado participante nesta actividade mostrou o seu interese por repetir. Os nosos parabéns á CGEDLG!!!

sábado, 5 de noviembre de 2011

E CO OUTONO...CHEGA O MAGOSTO

Presentación feita por Natalia Rodriguez e Elisa Fernández de 3º da ESO sobre o magosto e a súa orixe. (Picade enriba da imaxe para ver en grande a presentación).