sábado, 31 de enero de 2015

CONCURSO DE DESEÑO DO CARTEL DA XIX MOSTRA DE TEATRO DO ENSINO SECUNDARIO

     "Aprezadas compañeiras e compañeiros, desde o IES María Soliño queremos facervos chegar as bases para participar no Concurso de Carteis da XIX Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo que este ano se celebra no noso centro. Como veredes hai dúas categorías: ESO e Bacharelato e Ciclos. Animade ao alumnado a participar. E para calquera cousa que queirades saber da Mostra, enviádenos un correo a esta mesmo enderezo. Moitas grazas".
       Saúdos, Pedro P. Riobó

 

martes, 27 de enero de 2015

PRESENTACIÓN DE DRAGAL POR ELENA GALEGO ABAD

Como ben indica a nota de prensa oficial publicada neste mesmo espazo divulgativo, o xoves 22 de xaneiro de 2015 contamos coa visita de Elena Gallego Abad ao CPI Virxe da Cela. A charla foi introducida por Pura Galán, coordinadora territorial dos equipos de dinamización da lingua galega, quen fixo moito énfase na importancia da participación do alumnado e o profesorado de 1º e 2º da ESO no proxecto Dragal. Este proxecto, coordinado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega,  a máis da lectura do libro “Dragal: A Herdanza do Dragón” (actividade supervisada polo departamento de Lingua Galega) contará coas colaboracións doutros profesores/as e departamentos (Plástica, Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Relixión, Música),  así como da Biblioteca Escolar, e durará todo o curso académico 2014-2015.

Inmerso o público nunha espectacular escenografía que ambientaba o mundo fantástico de dragóns e outros seres fantásticos e iluminada por o feble resplandor de velas, Elena Gallego explicou con todo tipo de detalles un proceso creativo que comezou cun  curioso “enfado” ata converterse nunha auténtica saga na que xa van ser catro os libros publicados. Animou a todo o alumnado de 1º e 2º da ESO non soamente a gozar da maxia da lectura, senón a dar un paso máis alá e comezar a escribir historias e dar forma a outras realidades posibles. A súa charla estivo acompañada do visionado de múltiples imaxes que facían referencia a elementos da historia, da arte e da iconografía relixiosa galega, recursos fundamentais nas súas novelas, tratando de valorar o noso propio patrimonio tanto material como inmaterial como fonte de auténtica riqueza. 








lunes, 26 de enero de 2015

I ANTE AQUEL SILENCIO MUDO



O sábado 31 de xaneiro, a AS-PG presenta na Coruña, no CGAI ás 18:00 h. o seu último traballo audiovisual I ante aquel silencio mudo. Rosalía e Cantares Gallegos.

jueves, 22 de enero de 2015

VISITA DE ELENA GALLEGO ABAD AO CPI VIRXE DA CELA



      A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dá un paso máis no desenvolvemento da segunda edición do proxecto de dinamización lingüística Dragal ao organizar entre o 19 e o 29 de xaneiro visitas da escritora Elena Gallego Abad, autora da triloxía en que se basea o proxecto, aos 11 CPI e institutos participantes, duplicando case o número do curso pasado. Os encontros coa escritora son unha das novidades con que conta o Proxecto Dragal este ano, pero non a única. Entre marzo e maio os centros de secundaria participantes recibirán a visita dun contacontos profesional que lle poñerá o ramo á actividade “detective de lendas”, coa que o alumnado se achegará á investigación arredor da Galicia máxica. Ademais, o wiki do proxecto, onde os estudantes realizan e comparten os seus traballos, renóvase este curso incorporando novas funcionalidades que o fan máis atractivo, áxil e eficaz. 

         Da man do Proxecto Dragal, a escritora Elena Gallego visitou este luns 19 de xaneiro o IES de Valga e o IES A Pobra do Caramiñal, o martes 20 estivo no IES Alfoz-Valadouro e o mércores no IES de Becerreá. Esta mesma tarde, visitará o CPI Virxe da Cela de Monfero e, na vindeira semana, o IES Castro Alobre e o IES Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa (27 de xaneiro), o CPI da Cañiza (28 de xaneiro), o IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia e o IES Taboada Chivite de Verín (ambos o 29 de xaneiro). O percorrido pecharase coa participación da escritora nunha videoconferencia que poñerá en contacto o alumnado dos 11 centros educativos que participan no Proxecto Dragal. Durante as visitas, a escritora é presentada no instituto polo coordinador ou coordinadora territorial dos equipos de dinamización da lingua galega, percorre o centro para apreciar o labor de ambientación ou dragalización realizado polo alumnado no primeiro trimestre e mantén un encontro cos estudantes no curso do cal comparte co alumnado as razóns que a levaron a abordar na triloxía Dragal a temática dos dragóns e analiza elementos da cultura galega en que esta está presente. Refírese tamén a autora ao labor de documentación previo á escrita das novelas en que se basea o proxecto.


martes, 13 de enero de 2015

ROSALÍA SEMPRE VIVA

Coa finalidade de conmemorar o aniversario de Rosalía de Castro, a nosa escritora máis universal, a Fundación Manuel María lanza o concurso escolar de recitado de poesía "Rosalía sempre viva", dirixido a todo o alumnado do ensino non universitario de Galiza. Se premedes na imaxe inferior poderedes acceder directamente á web da Fundación Manuel María para consultar as bases do concurso. 


lunes, 12 de enero de 2015

CONCURSO LITERARIO CARLOS CASARES

13 FEBREIRO: DÍA MUNDIAL DA RADIO

Acolléndose á proposta da UNESCO, a asociación cultural Ponte... nas Ondas!! celebra o Día Mundial da Radio (13 de febreiro) coa seguinte proposta. Se premedes na imaxe inferior poderedes acceder á páxina web do Día Mundial da Radio 2015.






viernes, 9 de enero de 2015

7º OBRADOIRO GALEGO DE ROBÓTICA









Os alumnos/as de 2º, 3º e 4º de ESO do CPI Virxe da Cela participaron o 18 de novembro de 2014 no Obradorio de Sensores organizado por Igaciencia na Deputación de Lugo. Por este obradoiro pasaron ao longo dunha semana 526 alumnos e profesores de ESO e Bacherelato. Aproveitamos a viaxe para visitar o Museo Iterativo da Historia de Lugo (MIHL).

Contido do obradoiro. Aspectos iniciais, competicións e tempos de reaccións. Tratábase de determinar, usando aparatos de medida e de datos LEGO NXT, quen era capaz de facer máis pulsacións en 10 segundos, quen era capaz de facer máis ruido en 10 segundos, quen tiña mellor tempo de reacción a un sinal luminoso ou a un efecto sonoro. Ademais de ver de forma práctica lectura de gráficas e programación do robot LEGO. Os alumnos tiveron a ocasión de facer medicións, por exemplo, medir o volume dun líquido en función da distancia do sensor á súa superficie, medir temperaturas e velocidades de rotación, a altura dos participantes, o período dun péndulo, do movemento harmónico simple, e outras máis. Logo, na Exposición, foi posible ver as obras artísticas gobernadas ou en conxunción con sensores Arduino, Kinect e Leap Motion. Esta actividade verase completada coa participación destes mesmos alumnos no VII Concurso de Robótica que terá lugar na Fundación Barrié no mes de febreiro.