martes, 26 de febrero de 2019

DÍA DE ROSALÍA NO CPI VIRXE DA CELA




Un ano máis dedicamos á ben merecida poetisa galega Rosalía un recuncho da nosa escola para conmemorar a súa figura  non so como creadora, senón como muller loitadora que rompeu moitas barreiras. Un panel con diferentes poemas e cidas sobre a autora galega, así como unha selección da súa obra literaria están á vosa disposición nos corredores do edificio de secundaria. Celebremos xuntos o Día de Rosalía, 24 de febreiro 2019. 


viernes, 22 de febrero de 2019

ROSALÍA ETERNA. DÍA DE ROSALÍA

Este domingo, 24 de febreiro, lembramos a figura da nosa poeta máis universal, Rosalía de Castro, a escritora máis representativa da língua e da literatura galegas, pois asumíu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento.
Por iso, para expandir o poder da súa palabra queremos compartir este pequeno vídeo- feito polo alumnado do CPI As Mirandas de Ares- e amosar e reivindicar a esa Rosalía que, adiantada ao seu tempo, mobilizou as conciencias colectivas defendendo os dereitos das mulleres. O feito é que, sobre todo na súa pouco coñecida prosa, Rosalía foi unha abandeirada do feminismo. O prólogo de La hija del mar, un dos seus libros máis intimista, supón todo un alegato de empoderamento feminino e reivindicativo. "Porque todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben”, afirmaría no texto, publicado en 1859.
O certo é que a preocupación constante pola condición feminina impregnou a súa obra. Ela representa, en suma, o inicio da modernidade galega.

       

jueves, 21 de febrero de 2019

PREMIOS ARI(T)MAR

Premios aRi[t]mar galiza e portugal, unha iniciativa promovida pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela que ten por obxectivo difundir a poesía e a música editadas en Galicia e en Portugal cada ano. Logo da 1.ª fase, na que o xurado seleccionou as dez mellores cancións en galego e as dez mellores cancións en portugués, ábrese o prazo das votacións virtuais para elixir a gañadora de cada modalidade. Todas as persoas que queiran participar na selección poden votar a través do web http://www.edu.xunta.gal/centros/eoidesantiago/node/655, ata o día 20 de marzo.


II PREMIO DE POESÍA ESTRATOSFÉRICA

II Premio de Poesía Estratosférica, un concurso de temática cósmica que convoca a Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA) en colaboración cos IES Plurilingüe Maruxa Mallo, Miraflores, Marco do Camballón, Xelmírez II e Ferrol Vello e co CPI Plurilingüe O Cruce co gallo do lanzamento da sonda estratosférica MarumaSat IV. Pode participar alumnado da ESO e bacharelato de todos os centros públicos galegos. Os poemas, dunha páxina como máximo, deben presentarse ata o 15 de marzo. Atoparedes as bases en: http://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/equipos-de-dinamizacion-da-lingua-galega/iniciativas-de-dinamizacion/_/contido_1063/premio-poesia-estratosférica
 

LINGUA DE NAMORAR

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza, xunto coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a 8.ª edición do concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega Lingua de namorar, dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos. O obxectivo destes premios é dinamizar o uso da lingua galega entre a xente nova nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente, na Internet e na mensaxaría instantánea. O prazo para enviar as mensaxes remata o 28 de febreiro. Tedes toda a información na seguinte ligazón:

http://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias/_/Premios/convocatoria_0084/lingua-namorar-2019



viernes, 15 de febrero de 2019

DÍA DE ROSALÍA 2019

      A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro. Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web. 
      Para a edición de 2019 Ana Romaní é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, que terá lugar o propio domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións, centros de ensino.



jueves, 14 de febrero de 2019

RADIO FEROUTA NO DÍA MUNDIAL DA RADIO

     

O alumnado de 5º de Primaria do CEIP Barouta e o CPI Virxe da Cela emitirán un programa dende Radio Ames o día 13 de febreiro.

     As escolas de Barouta e Monfero unen forzas para levar adiante un programa de radio que fala sobre o medio dende diversas perspectivas. Esta iniciativa pretende poñer en valor a radio como ferramenta educativa e "promover a socialización e o intercambio de coñecementos", tal e como sinala Sergio Pascual, cofundador do Laboratorio de Radio e un dos coordinadores da actividade.
     Nesta experiencia participan dez alumnos/as de Barouta e dez de Monfero a través da aportación de ideas e a creación e produción do guión. Ademais, as súas voces poderán escoitarse a través da emisora municipal de Ames o propio día 13 de febreiro, Día Mundial da Radio. 
     Neste programa, o alumnado fala sobre a importancia das radios escolares, entrevista ao xornalista Gorka Zumeta e a Nazaret López, presentadora do espazo ‘Somos Ames’, de Radio Ames e fai unha reportaxe sobre o labor inclusivo da radio realizado pola Radio de los Gatos, promovida por ASPACE Coruña. 
    Ademais de falar da radio como medio dinamizador dos centros escolares, o programa ten presente os temas propostos pola Unesco para celebrar o día mundial deste medio que cumpre 108 anos. Paz, diálogo e tolerancia son os eixos temáticos sobre os que xira o programa no que se fala sobre a carreira solidaria organizada cada ano polo CEIP Barouta para recadar alimentos e a iniciativa Monferosolidario que abrangue diferentes actos e accións dende o CPI Virxe da Cela de Monfero. 
     A coprodución entre escolas recibe o nome de Radio Ferouta e é froito da colaboración de ambos e da iniciativa do CPI Virxe da Cela pola radio para ensinar valores e coñecemento, proxecto que comezou en 2014 da man do Laboratorio de Radio como un xeito diferente de adquirir competencias comunicativas a través dun medio tan flexible e lúdico como é a radio. Actualmente, a actividade conta co apoio da Fundación Repsol, Fundación LaCaixa e Axuda en Acción que fan posible o desenvolvemento desta actividade no centro educativo de Monfero (A Coruña).




miércoles, 13 de febrero de 2019

DÍA MUNDIAL DA RADIO 2019

Hoxe, mércores 13 de febreiro de 2019, a UNESCO celebra a octava edición do Día Mundial da Raido. Este día é unha oportunidade para que o mundo celebre a radio e o seu impacto nas nosas vidas. A radio infórmanos, transfórmanos e tamén únenos. Reúne a comunidades de todas as profesións e condicións sociais para promover un diálogo construtivo para o desenvolvemento. Máis concretamente, a radio é o medio ideal para pedir o fin da violencia e dos conflitos. 
Sobre esta base o tema do Día Mundial da Radio 2019 será "Diálogo, Tolerancia e Paz". Ao proporcionar unha plataforma para o diálogo e o debate democrático sobre temas de actualidade, como a migración ou a violencia contra as mulleres, a radio pode axudar a sensibilizar e difundir novas perspectivas positivas. A radio tamén pode axudar a difundir a tolerancia e superar as diferencias para reunir ás persoas en torno a obxectivos e causas comúns, como o dereito á educación e a saúde para todos/as. 


OBRADOIRO CON ANXO FARIÑA


Este luns 4 de febreiro tivemos o enorme privilexio de ter connosco a Anxo Fariña, ilustrador, escritor e deseñador de libros infantís e xuvenís. A súa obra máis coñecida é a colección de Os Megatoxos, pero tamén é autor das coleccións:
•  Antón e Pompón.
•  Don Quixote e Breogán.
•  As linguas dos animais.
•  O pelelliño …
•  A Monstroescola.
•  Gliz, o pastor de nubes.
ademais doutras obras soltas, guías de viaxes e libros de texto.
Mirar as caras do noso alumnado xa nos di como acolleron a súa visita. Ollos abertos coma pratos para non perderse nada, miradas que ían máis aló do que Anxo nos contaba, quizais soñando xa en vivir as aventuras dos Megatoxos, eses rapaces con poderes especiais..., quizá... vai ti saber...! e se o día de mañá son capaz eu de escribir un libro ou mesmo ilustrar os de outro autor?
Xa vimos como nacen os libros... nacen dunha idea que vai medrando día a día, que ás veces para de crecer e ten que durmir nun caixón durante un tempo ata que está madura.... pero o escritor ten que seguir traballando, vivindo e observando a realidade da que saca as súas historias. Todas esas observacións as garda nunha pequena libreta no seu bolsillo. E sabedes como as plasma Anxo Fariña? Maiormente sen palabras. Ser ilustrador permítelle ter un mundo de debuxos que co tempo se transformarán nun libro.

Foi unha tarde máxica na que Anxo nos deixou un fermoso agasallo... o retrato dun alumno que ficará por anos nun lugar privilexiado do cole: a nosa biblioteca. Pero o máis importante foron as risas e a imaxinación que despertou en nós... Moitas grazas, Anxo... xa te estamos esperando de novo... Non tardes tanto!!!

Por certo, se queredes coñecer algo máis do noso invitado por que non facedes unha pequena viaxe á súa páxina web?

http://www.anxofarina.com/blog/







martes, 12 de febrero de 2019

GALICIA, AGUA, LITERATURA E RAP

Nova edición do concurso "Galicia,auga, literatura e rap", organizado por Viaqua e La Voz de Galicia. Descubre como participar en www.prensaescuela.es, dentro do apartado Concursos.