Páginas

jueves, 17 de marzo de 2016

LITERATURA DE TRADICIÓN ORAL DA AELG

    Achegámoslles noticia da incorporación de dúas novas unidades didácticas ao Espazo Didáctico da web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), unha plataforma para a divulgación de contidos pedagóxicos e experiencias didácticas relativos ao feito literario nas diferentes etapas educativas (primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato, sen esquecer aquel alumnado con necesidades educativas específicas. 

   Con estas novas incorporacións a AELG, coa colaboración de Deputación Provincial de Lugo, pretende achegar un material complementario que sirva para traballar o apartado da literatura popular na materia de Lingua e Literatura Galega nos cursos de 1° e 2° de ESO e 1º de Bacharelato. Son as seguintes, ambas baseadas no material videográfico recollido no Arquivo de Literatura de Tradición Oral da web da AELG: 

 • A literatura popular nas Polafías, elaborada por Xosé Manuel Varela. Unha unidade didáctica que incide nos xéneros da narrativa e da poesía e que ten, entre outros, o obxectivo de dar a coñecer e valorar os aspectos básicos do patrimonio lingüístico, cultural, histórico e artístico de Galicia, participar na súa conservación e mellora e respectar a diversidade lingüística e cultural como dereito dos pobos e das persoas, desenvolvendo actitudes de interese e respecto cara ao exercicio deste dereito. 

• Patrimonio vivo: Mestras e Mestres da Memoria, elaborada por Antonio Reigosa. Unidade didáctica para complementar os contidos das unidades da materia de Lingua e Literatura que tratan a oralidade na comunicación e como soporte de creación literaria. Incide nas formas de expresión oral de uso máis común (narración, diálogo, entrevista…), no coñecemento da literatura oral e os seus principais xéneros (mito, lenda, conto, romance…) e a súa conexión coa literatura escrita ou culta. Ademais, chama a atención e singulariza as persoas da comunidade, con nome e apelidos, aquí denominadas Mestres e Mestras da Memoria, que se expresan e comunican case en exclusiva de forma oral, e que teñen que facer uso desta facultade humana para transvasar desde a xeración anterior á posterior (e, de camiño, recrear e actualizar) historia, literatura e outros moitos coñecementos. 

    Agardamos que esta información resulte do seu interese, e pregamos que a transmitan ao profesorado que imparte estes contidos. Un ben cordial saúdo en nome do Consello Directivo da AELG


Pulsar a imaxe para acceder á web 

No hay comentarios:

Publicar un comentario