Páginas

jueves, 12 de junio de 2025

Ambientes na etapa da Ed. Infantil: mes de maio

No ambiente simbólico-construtivo, ao longo do mes de maio, contamos con diferentes propostas de construción con pezas de madeira que nos permitiron explorar, descubrir e crear minimundos. Montamos unha floristería para facer os nosos propios ramos e arranxos florais con flores naturais, convertémonos en auténticos carpinteiros e carpinteiras xogando co material de carpintería e levamos a cabo actividades de vida práctica creando un túnel de lavado de coches. Foi todo un éxito!

No ambiente de luces e sombras este mes contamos con diversas propostas, a mesa de luz chea de un campo de flores co que traballar a motricidade fina, os trasvases e o conteo, un cubo con bolboretas de cores translúcidas e lanternas para experimentar coas súas cores, formas e texturas, papel continuo, lámpadas e animais para realizar siluetas no chan e xogar coas dimensións e tamaños, e por último, un mural no que traballar con pintura fluorescente e desenvolver toda a nosa creatividade coa axuda da luz negra.

No ambiente artístico e sensorial, desenvolvemos a nosa faceta mais sensorial, coa mesa de experimentación, empregando serraxe, café, pan raiado… realizando transvases con diferentes botes e tamaños.Non deixamos de lado a motricidade fina, utilizando coladores, pinzas, embudos… por outra banda a nivel artístico, modificamos imaxes típicas de Monfero con papel cebola. Tamén, practicamos a estampación con selos de cartón con tempera sólida. Desenvolvemos a nosa ruta auditiva, empregando o Makey-Makey tocando un piano virtual. Por último, pintamos paus con temperas e pinceis, facendo centros moi decorativos e significativos.

Por último, no ambiente de lecto, mates e ciencia puidemos empregar a ruleta para xogar cun bingo de letras. Tamén traballamos os números grazas ao dominó ou ao xogo de Cerrar a caixa; lanzamos o dado, no que escribimos nós mesmos as letras, para intentar escribir coa axuda dos selos palabras que comezaran pola letra indicada. Ah! Ao sumo descubrimos o fenómeno da refracción e debuxamos o observado.

Para o vindeiro curso seguiremos! 





No hay comentarios:

Publicar un comentario