miércoles, 16 de julio de 2025
Renovación do patio de infantil
sábado, 21 de junio de 2025
Unha gradación chea de emoción e ledicia: 4º da ESO despide unha etapa inesquecible
Unha gradación chea de emoción e ledicia: 4º da ESO despide unha etapa inesquecible
Este venres vivimos un acto de gradación cargado de sentimentos. O alumnado de 4º da ESO do CPI Plurilingüe Virxe da Cela celebrou o peche dunha etapa fundamental das súas vidas, rodeado de familias, profesorado, compañeiros e compañeiras e representantes dos concellos de Monfero e Irixoa.
Tras semanas de esforzo, exames e dedicación, chegou o momento máis agardado: despedir un capítulo cheo de aprendizaxes, amizades e vivencias que acompañarán para sempre. Entre as paredes do noso centro, estas rapazas e rapaces medraron, e hoxe levan consigo a pegada imborrable da súa casa educativa.
A cerimonia foi un reflexo das súas traxectorias: nervios transformados en orgullo, alegría mesturada con agradecemento. Compartimos palabras fermosas, lembramos anécdotas, sorrimos... e mesmo algunha bágoa, porque despedir o vivido nunca é doado. A mesma, organizada polo alumnado de 3º da ESO e polo profesorado do centro con moito agarimo.
![]() |
Imaxe autoeditada dos momentos finais da celegración. |
Desde o CPI Plurilingüe Virxe da Cela:
Queremos expresar o noso máis sincero grazas. Grazas por compartir este camiño, pola vosa ilusión e pola marca que deixades nestas aulas. Que esta casa siga sendo sempre o voso fogar.
Á promoción 2025:
Desexámosvos toda a sorte do mundo nesta nova etapa. Enfrontádea coa mesma valentía e forza que vos trouxo ata aquí. E recordade: as nosas portas estarán sempre abertas. Porque, máis aló do tempo, sodes parte imborrable da nosa historia.
Boa viaxe, querida promoción. Ata sempre.
![]() |
Imaxe autoeditada dos momentos finais da celegración. |
martes, 17 de junio de 2025
ENTREGA DE PREMIOS III CONCURSO AUDIOVISUAL ANPAS GALEGAS "SOMOS RURAL"
Fai meses o noso centro participou no III Concurso Audiovisual ANPAS Galegas "Somos Rural" coa proposta "Lendas do Mosteiro: Unha viaxe inmersiva ao pasado", un proxecto interdisciplinar levado a cabo co alumnado de 3º da ESO. Aínda que non recaeu o premio neste proxecto, igualmente asistimos ao acto de entrega de premios que tivo lugar o luns 16 de Xuño de 2025 no CEIP Os Casais de Fene (centro gañador nesta edición do concurso), un acto moi entrañable no que prevaleceu o espírito de comunidade para tecer redes e defender o rural como un valor non so humano, senón pedagóxico. A presentación do acto e do concurso recaeu na presidenta das ANPAS Galegas (Isabel Calvete) e o presidente da Federación de ANPAS de Ferrolterra (Jaime Acuña). Acto seguido pasouse a unha interesada e animada conversa sobre os hórreos (elemento protagonista do proxecto gañador) por parte de Manuel Pico da Asociación Veciñal de Magalofes, Henrique Sanfiz de RadioFene e Laura Bouza de Laudas Calamity, laboratorio de creación artística, Bruno Lopes e Mª José Vila por parte das familias e o centro.
Todos/as os/as asistentes ao acto de entrega tivemos posteriormente a oportunidade de facer un visionado conxunto de todos os traballos participantes, de diferentes centros da xeografía galega, e cada cal centrado en diferentes elementos do noso patrimonio material ou inmaterial, entre eles o do noso centro CPI Virxe da Cela, que é unha chamada de atención ao deterioro do Mosteiro de Monfero, unha auténtica xoia en ruínas que esmorece no corazón das Fragas do Eume. Recibimos o diploma por parte da presidenta das ANPAS Galegas (Isabel Calvete) e do presidente da Federación de ANPAS de Ferrolterra (Jaime Acuña), e finalmente clausuraron o acto Mª José Vila (coordinadora) e Lorena Pita (Directora) do centro gañador.
Aproveitando a nosa visita a esta bonita escola rural, Mª José Vila ofreceunos un interesante "tour" polas instalacións, que destacan pola súa decoración e colorido, parte dela realizada por membros da ANPA volcados en construír unha atmósfera amigable para que os seus fillos gocen os anos que van estar escolarizados e que quedará para futuras xeracións. Parabéns por ese centro tan acolledor, tanto a nivel material como humano.
jueves, 12 de junio de 2025
Ambientes na etapa da Ed. Infantil: mes de maio
No ambiente simbólico-construtivo, ao longo do mes de maio, contamos con diferentes propostas de construción con pezas de madeira que nos permitiron explorar, descubrir e crear minimundos. Montamos unha floristería para facer os nosos propios ramos e arranxos florais con flores naturais, convertémonos en auténticos carpinteiros e carpinteiras xogando co material de carpintería e levamos a cabo actividades de vida práctica creando un túnel de lavado de coches. Foi todo un éxito!
No ambiente de luces e sombras este mes contamos con diversas propostas, a mesa de luz chea de un campo de flores co que traballar a motricidade fina, os trasvases e o conteo, un cubo con bolboretas de cores translúcidas e lanternas para experimentar coas súas cores, formas e texturas, papel continuo, lámpadas e animais para realizar siluetas no chan e xogar coas dimensións e tamaños, e por último, un mural no que traballar con pintura fluorescente e desenvolver toda a nosa creatividade coa axuda da luz negra.
No ambiente artístico e sensorial, desenvolvemos a nosa faceta mais sensorial, coa mesa de experimentación, empregando serraxe, café, pan raiado… realizando transvases con diferentes botes e tamaños.Non deixamos de lado a motricidade fina, utilizando coladores, pinzas, embudos… por outra banda a nivel artístico, modificamos imaxes típicas de Monfero con papel cebola. Tamén, practicamos a estampación con selos de cartón con tempera sólida. Desenvolvemos a nosa ruta auditiva, empregando o Makey-Makey tocando un piano virtual. Por último, pintamos paus con temperas e pinceis, facendo centros moi decorativos e significativos.
Por último, no ambiente de lecto, mates e ciencia puidemos empregar a ruleta para xogar cun bingo de letras. Tamén traballamos os números grazas ao dominó ou ao xogo de Cerrar a caixa; lanzamos o dado, no que escribimos nós mesmos as letras, para intentar escribir coa axuda dos selos palabras que comezaran pola letra indicada. Ah! Ao sumo descubrimos o fenómeno da refracción e debuxamos o observado.
Para o vindeiro curso seguiremos!
miércoles, 11 de junio de 2025
VISITA QUEIXOS CAGIAO. Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo
O luns, día 9, o alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria visitaron Granxas Cagiao, situada en Paderne, co fin de coñecer o proceso de elaboración do queixo e tamén facer unha visita pola granxa.
Os seus produtos recóllense dentro da marca Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo é un distintivo que recoñece aos produtos agroalimentarios e servizos do territorio que ofrecen uns valores acordes co espazo no que que se desenvolven.
Créase coa finalidade de diferenciar, engadir valor, promocionar e difundir os recursos locais, produtos e servizos que potencian as actividades económicas tradicionais e a economía social no marco da sustentabilidade do territorio amparado.
En definitiva, estamos ante unha empresa local baseada na promoción e defensa da calidade, garantía e orixe dos produtos da área da Reserva, obtidos a partir dun saber facer responsable e respectuoso co medio ambiente.
Porque outro futuro é posible!!
Ao rematar foron tomar a merenda á Área Recreativa de Medín e puideron xogar un pouquiño antes de volver para o colexio.
Produto final programa Obseva- Acción. Fase IV. Internalización.
Chega o remate da nosa participación dentro do programa Obseva- Acción. Esta última etapa (Fase IV. Internalización) deixa un produto final no que quixemos sintetizar as aprendizaxes adquiridas e a sús repercusión nas nosas aulas e na súa calidade educativa.
Moitas grazas a todos os centros de formación do profesorado (en especial ao CAFI e ao CFR de Ferrol) que fixeron que está experiencia de aprendizaxe sexa inesquecible!!!
Fancine Enraizadas, xa o temos aquí!!!
O traballado nos tres centros educativos en Enraizadas (CEIP de Andrade, o CEIP Mosteiro de Caaveiro e o CPI Plurilingüe Virxe da Cela Virxe da Cela) ten a súa posta en común neste Fancine en prol da igualdade.
Observa, pregunta e reflexiona e se precisas máis información non dúbides en consultar ao alumnado perticipante.
No CPI Plurilingüe Virxe da Cela Virxe da Cela temos o alumnado do 5º curso da Ed. Primaria.