miércoles, 24 de enero de 2018

FALLADOS OS PREMIOS DO CONCURSO VINDEVIDEOS SOBRE O PERGAMEO VINDEL

Coincidindo coa chegada a Galicia do Pergameo Vindel (manuscrito do século XIII do trobador Martín Codax), o noso cole amigo, o CPI As Mirandas de Ares, presentouse ao Certame Vindevideos coa finalidade de que o alumnado poidese achegarse ás cantigas medievais galego-portuguesas e ao universo trobadoresco a través da linguaxe audiovisual.    E aínda que non gañaron, queren compartir con nós a súa peza audiovisual,un estupendo traballo no que souberon amosar estupendamente as súas dotes interpretativas superando o vento e a choiva que os acompañou o día da grabación no adro da igrexa de Lubre.
Queremos, así mesmo,  dar os nosos parabéns aos centros gañadores: o IES Francisco Asorey de Cambados (Pontevedra) e o CEIP do Carballal de Marín (Pontevedra). Tamén felicitar polo segundo premio ao Peque Coro do Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol.
Aquívos deixamos o vídeo realizado polos nosos alumn@s de 4º de primaria. 

      

RADIO INTERXERACIONAL




       Este é o segundo ano que se celebra o obradoiro de radio entre diferentes xeracións. Veciños e veciñas da zona achéganse a aula de 1º da ESO para traballar o proxecto deste ano do cole: A Auga. Xuntos traballando no proceso de investigación, creación do guión para acadar o podcast final. Esta actividade permite romper estereotipos, xerar aprendizaxes interxeracionais, fomentar espazos inclusivos, promover o traballo cooperativo e contribuír a xerar unha sociedade para tódalas idades. 

       O pasado ano o programa final versou sobre o patrimonio cultural inmaterial que foi realizado polo alumnado de 4º de Primaria no marco dunha investigación financiada pola Deputación da Coruña. Confirmado o beneficio que ten esta actividade para ambos colectivos e o impacto que supón para comunidade, desde o CPI Virxe da Cela seguimos apostando coa colaboración de Ayuda en Acción e o labor do Laboratorio de Radio por esta actividade pioneira no eido educativo da nosa comunidade. 

      Atentamente, Equipo do www.laboratorioderadio.com

PANXOLIÑA DE NADAL: AS PANTASMAS DE SCROOGE

Como cada ano, chega o Nadal e na redacción do CPI Virxe da Cela tiña ganas de interpretar a famosa 'Panxoliña de Nadal', de Charles Dickens. Por iso, desde o Laboratorio Radiofónico púxemonos máns a obra e fixemos esta libre adaptación na que o alumnado de 3º e 4º de Primaria coñecen de primeira voz a historia de Scrooge.

 







martes, 23 de enero de 2018

AS IMAXES DO PATRIMONIO: CERTAME DE RECOLLA DE IMAXES

      O Patrimonio Cultural Inmaterial está constituído, segundo a UNESCO, polas tradicións orais, as artes do espectáculo, os usos sociais, rituais, actos festivos, coñecementos e prácticas relativas á natureza e ao universo e os saberes e técnicas vinculados á artesanía tradicional”. Dende principios do século XX, este conxunto de expresións, herdadas do pasado e transmitidas de forma oral, atoparon na fotografía un valioso rexistro documental e moitas foron as imaxes que se tomaron das expresións culturais espalladas ao longo da Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal.
     A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! leva moitos anos defendendo a recuperación e transmisión do Patrimonio Cultural Inmaterial común en Galicia e no Norte de Portugal. Unha forma de divulgalo é incorporalo ás programacións educativas e presentarllo ás escolas como material que poida ser utilizado na súa dinámica de traballo. Ponte...nas ondas! pretende, con esta iniciativa, que se recuperen e difundan fotografías antigas con valor patrimonial para que poidan ser usadas no ámbito escolar e seren coñecidas polo público en xeral. Para esta actividade será imprescindible a colaboración das familias do alumnado, así como, do profesorado dos centros educativos.

 

viernes, 19 de enero de 2018

CERTAME "LINGUA DE NAMORAR"

Tamén vos informamos de que a Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, o certame Lingua de namorar. O obxectivo desta iniciativa é dinamizar o uso do galego entre os mozos e mozas nas súas relacións persoais a través das novas tecnoloxías. Trátase dun concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos. O prazo para enviar os traballos remata o luns 29 de xaneiro.
 

XORNADA LITERARIA COCACOLA

     A Fundación Cocacola coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de convocar a 10.ª edición do Concurso Coca-cola Novos Talentos Premio Relato Curto! para o alumnado de 2.º da ESO. A inscrición debe facela o profesorado de Lingua e Literatura logo de seleccionar dous novos talentos por cada clase. A data da proba escrita será o venres, 9 de marzo. Aqueles docentes que inscriban o seu centro no concurso poderán participar na xornada literaria para o profesorado que terá lugar o venres, 2 de febreiro, no salón de actos do Pazo de San Roque coas escritoras Ledicia Costas e Rosalía Fdez. Rial. O prazo de inscrición nesta xornada remata o venres, 26 de xaneiro de 2018.




domingo, 14 de enero de 2018

50 ANIVERSARIO "OS SOÑOS NA GAIOLA"

A Fundación Manuel María vén de tirar un calendario dixital, con ilustracións de Leandro Lamas, para conmemorar os 50 anos da aparición do poemario Os soños na gaiola, obra emblemática de Manuel María que inaugurou a poesía en galego para a xente nova.




sábado, 13 de enero de 2018

MARUJA MALLO.

Durante o primeiro trimestre na aula de 2º de Primaria estivemos aprendendo moitas cousas da vida e da obra da pintora galega Maruja Mallo, traballo incluido dentro do Proxecto DONAS DE SI. Algúns nenos trouxeron fotos da pintora e amosaronas ao resto da clase. Debuxaron autorretratos e puxéronse nomes artísticos. E, finalmente, convertíronse en pintores e pintoras de verdade pintando a Estrela Mariña.
O seguinte mural resume os seus traballos.

domingo, 7 de enero de 2018

PROTOESQUEMA

O alumnado de 1º EP seguindo co coñecemento de “Mulleres bravas da nosa historia” fixemos o noso cadro de Protoesquema de Maruja Mallo no que representa as caracolas e as ondas do mar que tanto lle gustaba. Así tamén nos iniciamos no proxecto Somos auga no que imos a relacionar a importancia da auga na vida e na obra de diferentes mulleres.


ACTUACIÓN DE XOAN CURIEL E JARA

O luns 18 de decembro tivemos a visita de Xoan Curiel e Jara que nos fixeron un percorrido por diferentes estilos musicais. Xoan co ukelele e a guitarra aprendeunos a diferenciar o blues, reggae, rock ou a bossa nova e Jara iniciounos nas distintas formas de tocar a pandeireta, con ela escoitamos a muiñeira, a jota ou a rumba. Despois tocaron xuntos unhas pezas e algúns compañeiros axudáronlles no escenario a preparar a coreografía. Pasámolo fenomenal!!!