jueves, 21 de abril de 2022

CONTACONTOS CON ANA MEILÁN

 Xoves 21 de abril 2022. A escritora Ana Meilán contou historias aos nenas e nenos de educación infantil.









CERTAME DE RECOLLA DAS IMAXES DO PATRIMONIO

5ª edición do Certame de Recolla das Imaxes do Patrimonio.

Diptico Certame 2022.GAL by veracruces on Scribd

miércoles, 20 de abril de 2022

RADIO XESTEIRA

 

    Un curso máis, Radio Xesteira, a radio do CPI Virxe da Cela de Monfero continúa nas ondas grazas a todo o traballo realizado polo alumnado e profesorado, o Laboratorio de Radio e a colaboración de Ayuda en Acción, Fundación Repsol e Fundación La Caixa. Neste curso 21-22, os cursos de primeiro a sexto de educación primaria prepararon cadanseu programiña sonoro... queredes saber de que tratan? Pois contámosvos!

    As nenas e nenos de primeiro estiveron traballando en pequenos equipos nos que, sacando toda a súa creatividade e imaxinación, prepararon historias sonoras cos elementos imprescindibles para poder facer radio: A voz, o silencio, a música e os efectos de son. Nalgunhas sesións estiveron argallando sons con diferentes instrumentos feitos de elementos naturais e materiais de refugallo, que logo serviron para sonorizar as súas historias, porque xa sabedes, en radio necesitamos efectos de son para saber o que estamos a representar.

    Así fixeron as nenas e nenos de segundo, que tamén utilizaron os efectos de son para dar vida a varios guións que prepararon sobre... A contaminación nas fragas do Eume, a natureza nos libros da biblioteca, historias como: “Os leóns popoteiros”, “Os paxaros revíranse á escopeta”, “Os cabalos, o martelo e o mosquito”, entre outras moitas!

    Xa en terceiro, e seguindo a temática da natureza e o medioambiente, o alumnado entrevistou a Cristina Pérez, de Requeixo Restrebas, coñecendo como se elaboran produtos que saen da nosa contorna próxima. Tamén prepararon outra entrevista a Carlos Franco, técnico medioambiental do Parque Nacional das Fragas do Eume. Este grupo é todo un experto ambiental!

    Os grupos de cuarto, quinto e sexto estiveron traballando nun programa sonoro, un xogo de escape, no que cada clase realizaría un itinerario: cuarto de primaria: Itinerario medioambiental; quinto de primaria: a saúde alimentaria e sexto de primaria: arte no rural.

    Así, cuarto preparou unha entrevista a Cristina Basteiro, responsable da Aula da Natureza de Chelo, no río Mandeo, en Coirós; e logo, nunha visita convidadas/os por Cristina, puideron recoller sons do río e da contorna. Así, tras contactar cos Axentes medioambientais da zona, puideron prepararlles unhas canta preguntas e coa gravadora en man, realizalas á carón do río. Os axentes falaron do seu traballo e da importancia de coidar o medioambiente, e ata trouxeron a Carroceta coa que apagan os incendios forestais, o coche co que traballan e os artiluxios de rescate de animais en perigo.

    O grupo de quinto continuou co seu programa sobre a Oca do Camiño de Santiago, un verdadeiro reto que comezaron o curso anterior, no que atendendo ao valor patrimonial e cultural do Camiño, trasladaron á radio un Xogo da Oca do Camiño, co cal aprenderon os contidos de xeito interdisciplinar e global. Logo deste gran traballo, tamén prepararon unha entrevista e posterior visita a Joaquín Barral, responsable de produción vexetal de Orballo, en Paderne, empresa que se adica á elaboración de tés con cultivos propio, naturais, e de proximidade. Así, tamén teñen moi en conta o “residuo cero” polo tanto o empaquetado dos produtos leva materiais biodegradables. Aprendemos moito!

    O grupo de sexto, co itinerario sobre “arte no rural” estivo traballando en pequenos equipos as obras de arte no rural vendo autoras/es como Davila ou Joseba MB así como Irene Sanjuán ou Diego AS. Logo da preparación e elaboración do guión, Irene Sanjuán, ilustradora e pintora coruñesa veu ata o cole a falarnos de todo o seu traballo e dar consellos! Así, logo dunha análise e propostas de mellora, continuamos a actividade coa posta en práctica da improvisación, a través de pequenos audios aos cales o alumnado debía responder logo de escoitalos, achegando as súas opinións e consideracións ao respecto, dentro da educación en valores.

    E polo medio do curso, o alumnado de sexto entrevistou ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, quen visitou o cole e trouxo consigo unha carta que o alumnado lle enviara ó inicio do curso. Unha experiencia máis na que enfrontarse aos micros e desenvolver a importancia do traballo en equipo.

    Xa de volta na temática, continuaron coa preparación da entrevista a Diego AS, grafiteiro lucense e gañador de múltiples premios. Un dos seus últimos: Xulio César, á carón da muralla de Lugo. O alumnado preguntou sobre os seus comezos no mundo da arte do graffiti e tamén sobre as súas preferencias en canto á pintura e espazos a utilizar.

    Todas as actividades e propostas non terían sentido sen a importancia da ESCOITA ACTIVA e do TRABALLO EN EQUIPO, porque en radio, como na vida, as relacións sociais son imprescindibles.