martes, 28 de febrero de 2023

FESTA DE CLAUSURA 21 DÍAS CO GALEGO E + EN SANTIAGO

 Martes 28 febreiro 2023. Esther Estevez. Dígocho Eu.







jueves, 23 de febrero de 2023

23 DE FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA

 


Para conmemorar o Día de Rosalía (23 de febreiro), o alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI Plurilingüe Virxe da Cela, realizou na materia de Relixión un vistoso mural. Seguindo a proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que utiliza este ano o lema  #cumpriuseaxustiza, o collage denuncia as inxustizas do mundo, plantexando a pregunta... "Que diría Rosalía"?.
 
A rapazada buscou na prensa imaxes de conflitos bélicos de hoxe, da inmigración no mundo, da explotación no traballo, os prezos da vivenda... e plasmouno no mural ilustrando as imaxes con palabras que nos deben facer reflexionar, e que ben poderían ser ditas por Rosalía, hoxe en día:  xustiza social, loita, lei, aldraxe, desigualdade, inxustizas, dignidade, solidariedade, conciencia, moral...
 
 Ademais do mural en papel, esta actividade ten un formato dixital, compartindo a nosa proposta nas redes sociais. 


CONCURSO LITERARIO DE "CONCURSO NACIONAL DE CONTOS DE NENOS PARA NENOS"

Recuperados en 2008 os premios literarios que desde os anos sesenta convocou O FACHO e nos que participaron ou gañaron moitos dos escritores e escritoras que hoxe fan posíbel con a súa obra unha literatura galega de calidade e de grande importancia nas letras universais, realizase a convocatoria para 2023 do Concurso Literario de “Contos de Nenos para Nenos” Por favor, para a súa difusión entre os rapaces e rapzas, pregamos difusión do cartaz e do diptico adxuntados. "CONCURSO NACIONAL DE “CONTOS DE NENOS PARA NENOS” CONVOCADO POLA AGRUPACIÓN CULTURAL O FACHO, CONVOCATORIA 2023.


Cartaz CONCURSO LITERARIO "CONTOS DE NENOS PARA NENOS" by veracruces on Scribd

sábado, 18 de febrero de 2023

ENTROIDO 2023 NO CPIP VIRXE DA CELA

Celebramos o Entroido o venres 17 de febreiro, e nesta ocasión centrámonos na temática do cómic. Foi un festival multicolor, no que os alumnos/as e profesores/as exhibiron os seus fantásticos disfraces. Iniciamos o acto cun desfile de todos os grupos . Pola pista desfilaron os Simpsons,  os Pokemon, os Minions, Doraemon, Bop Esponja, Os picapedra, os Pitufos e pitufiñas, Panteiras Rosas, Mikies e moitos máis. Acto seguido contamos coa presenza dunha representación do Entroido tradicional de Samede (Paderne)  que nos acompañaron coas súas danzas e bailes aos cales nos unimos.

Rematamos a xornada coa queima do meco.

10:30. Presentación e benvida 

10:35: Desfile do alumnado de Educación Infantil 

10:45: Desfile do alumnado de 1º Educación Primaria 

10:55. Desfile do alumnado de 2º Educación Primaria 

11:05. Desfile do alumnado de 3º Educación Primaria 

11:15. Desfile do alumnado de 4º Educación Primaria 

11:25 Desfile e representación do alumnado de 5º Educación Primaria 

11:40 Desfile e representación do alumnado de 6º Educación Primaria 

11:55. Desfile do alumnado de 1º Educación Secundaria Obrigatoria 

11:55 Desfile do alumnado de 2º Educación Secundaria Obrigatoria 

12:00 Desfile do alumnado de 3º Educación Secundaria Obrigatoria 

12:05 Desfile do alumnado de 4º Educación Secundaria Obrigatoria 

12:15 Entrega de premios en recoñecemento á participación do alumnado, que realizarán nais representantes da ANPA 

12: 25 Lecer 

12:40 Actuación do grupo de Paderne que recupera o entroido de Samede e acompañamento do grupo folclórico Virxe da Cela. 

13:30 . Despedida do Entroido.


 Parte I  (Desfile)


Parte 2 (Entroido Samede e queima do meco)




Parte 3 (Galería de imaxes)



Sobre o Entroido tradicional de Samede
Samede é unha parroquia dentro do Concello de Paderne, que se atopa situado ao carón do Concello de Monfero. Nesta pequena aldea, a veciñanza realizaba fai moitos anos unha festa de Entroido cun baile moi particular chamado “Muiñeira Cruzada” e mesmo aparecían diversas personaxes con traxes moi peculiares. Un grupo de veciñas e veciños comezaron a recompilar información, pois esta festa tradicional perderase no tempo, para conseguir recuperala e poder celebrar de novo, a día de hoxe, o Entroido en Samede.

viernes, 17 de febrero de 2023

I CONCURSO AUDIOVISUAL "ANPAS GALEGAS SOMOS RURAL"

A Confederación ANPAS GALEGAS organizan o “ I CONCURSO AUDIOVISUAL - ANPAS GALEGAS SOMOS RURAL” para todo o alumnado dos centros de ensino público galegos, co obxectivo de contribuir á difusión, coñecemento e posta en valor do incríbel patrimonio cultural e paisaxístico do noso rural.

Tedes toda a información na  web específica: https://somosrural.anpasgalegas.gal/concurso/ 

É preciso que facer unha pre-inscripción, con prazo até o 28 de febreiro. Unha vez acepten a  solicitude, estará dispoñible até o o 15 de abril para presentar os proxectos.





Bases Legais i Concurso Anpas Galegas-somos Rural by veracruces on Scribd

martes, 14 de febrero de 2023

O ENTROIDO A TRAVÉS DAS MÁSCARAS

 Departamento de Plástica organizou unha exposisión de máscaras de Entroido realizadas polo alumnado da ESO. Está á vosa disposición no panel que hai na entrada da Biblioteca Castelao.

lunes, 13 de febrero de 2023

CLAUSURA DE 21 DÍAS CO GALEGO NO CPI VIRXE DA CELA

Que mellor que un menú degustación da cultura galega para clausurar o programa "21 Días co Galego e +" no CPI  Virxe da Cela.! Empanadas e bica galega, regada coa mellor música tradicional interpretada pola Asociación Folclórica, Cultural e Deportiva Virxe da Cela para dar hoxe (luns 13 de febreiro de 2023) o peche a estes 21 días nos que alumnado, profesorado e familias reflexionaron sobre a nosa lingua galega e a utilizaron a diario no centro educativo. 










13 FEBREIRO: DÍA MUNDIAL DA RADIO

PONTE NAS ONDAS quere celebrar con vós o Dia mundial da radio que a UNESCO dedica á temática da RADIO e a PAZ. Toda a programación vai ser emitida desde o portal web ESCOLAS NAS ONDAS (www.escolasnasondas.com). Gustaríanos divulgar esta composición realizada para Ponte...nas ondas! por artistas da lusofonia: https://youtu.be/aM7udB8aYI8

 

QUE SABEDES DO ENTROIDO GALEGO?

Achegamos material didáctico, elaborado polo EDLG do CEIP Emilia Pardo Bazán, da Coruña, que vos pode servir para as actividades relacionadas coa celebración do entroido.Este material é o seguinte: 

1. Díptico personalizable con catro textos sobre o entroido, en formato PDF e tamaño A4
2. Genially cun pasapalabra con vocabulario do entroido e dirixido ao alumnado de Ed. Primaria.

https://view.genial.ly/63e40a75eceeb000188efbcd


DÍPTICO ENTROIDO 2023 by veracruces on Scribd

CLAUSURA, REFLEXIÓN E VALORACIÓN DE 21 DÍAS CO GALEGO E +


Pouco a pouco chegamos ao final dos 21 días co galego e + 2023. Hoxe tócanos gozar da clausura e realizar a última reflexión e logo, nas vindeiras semanas, deberás realizar o cuestionario de valoración do alumnado participante que has atopar na segunda parte desta entrada.

FALAMOS – REFLEXIÓN 3

Hoxe tócache realizar a túa terceira e última gravación de reflexión: neste caso trátase dunha reflexión especial coa que se pretende que realices unha análise xeral da túa participación no proxecto. Para iso queremos que fagas memoria e que lembres como comezaches. Recorda que, nestas gravacións, que deberás gravar en solitario ao final do día, o que realmente importa é a túa sinceridade e capacidade de análise.

1.- Consideras que nestas tres semanas aumentou a túa competencia oral en galego ou consideras que axudaches a que outras persoas mellorasen a súa competencia oral? Xustifica a resposta.

2.- En caso afirmativo, coidas que aumentaría do mesmo xeito con outro tipo de actividade? Dinos como e dános ideas para mellorarmos.

3.-  Esta experiencia axudouche a coller soltura á hora de te desenvolveres diante dunha cámara?

4.- En calquera acción que emprendamos, os logros relaciónanse directamente co grao de implicación.

Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o desenvolvemento da túa competencia en lingua oral ou os logros que conseguiches con outras persoas?

Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o teu nivel de traballo e o teu grao de implicación?

Que nota che sae de media?

5.- Atopaches algún atranco para falares en galego durante estas tres semanas? Se é que houbo algún, explica cal ou cales foron.

6.- As gravacións de reflexión fóronche útiles? Xustifica a resposta.

7.- Consideras que estás en situación de ser bilingüe? E de ser galegofalante? Xustifica a túa resposta.

8.- Se estivese na túa man a continuidade do proxecto, continuarías con el noutros cursos, modificaríalo ou eliminaríalo?

9.- Que tipo de actividade farías ti para que o alumnado falase máis en galego?

10.- Cres que esta actividade resulta interesante e positiva? Xustifica a túa resposta.

11.- Desexas dicir algo máis?


CUESTIONARIOS DE VALORACIÓN

Gustaríanos que, unha vez que remates os 21 días co galego e +, realices un cuestionario de valoración para nos axudares a mellorar este programa no futuro. Moitas grazas por colaborares connosco.

Preme no cuestionario do teu colectivo. Os formularios pódense cubrir ata o 15 de marzo.

ALUMNADO PARTICIPANTE – Cuestionario de valoración

PROFESORADO PARTICIPANTE – Cuestionario de valoración

PROFESORADO COORDINADOR DE CENTRO – Cuestionario de valoración


 

viernes, 10 de febrero de 2023

A PONTE: ARTISTAS DA LUSOFONÍA

 

Artistas da lusofonía celebran o recoñecemento de Ponte...nas Ondas! pola UNESCO coa gravación dun tema especial e un videoclip, todo un himno titulado “A Ponte” con colaboracións de Galicia a Brasil, pasando por Portugal e Mozambique, co bo facer de Sérgio Tannus (guitarra, percusión), Ana Senlle (pandeireta), Chico César (voz), Celina da Piedade (acordeón e voz), Cheny Wa Gune (timbila e voz) e Uxía (voz).

PREMIO "I-COMERCIO": PANTALLA TÁCTIL INTERACTIVA

Participar no concurso "I-Comercio: Idea o teu comercio" tivo a súa recompensa, non so a nivel persoal para o alumnado de 3º da ESO  pola aprendizaxe adquirida deseñando as súas propostas, ou para Iria, Lucía, Silvia e Diego que estiveron na gala de entrega de premios na gala que tivo lugar en Santiago o 16 de xaneiro de 2023. Agora toda a comunidade educativa poderá disfrutar dunha pantalla táctil de última xeración que será colocada na Aula Ferraganchos  ofrecendo unha experiencia interactiva incrible!

O podcast “Flowers Coruxou S.L”, unha idea de negocio floral no que se conxugan tradición e modernidade, presentada en formato radiofónico, realizado por estes catro alumnos/as de 3º da ESO do CPI Virxe da Cela (Monfero), resultou premiado no concurso I-Comercio: Idea o teu comercio!, unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca achegar á mocidade ao comercio de proximidade e traballar nunha idea pioneir a innovadora que contribúa ao desenvolvemento da contorna e que sexa respectuosa co medio ambiente. 



DÍA 18: ECOSISTEMAS TERRESTRES EN 21 DÍAS CO GALEGO E +

 

E rematamos a nosa participación dos centros desta edición cos obxectivos ODS co estudo do número 15 do IES Plurlingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis.

 

jueves, 9 de febrero de 2023

DÍA 17: ENERXÍA ACCESIBLE E NON CONTAMINANTE EN 21 DÍAS CO GALEGO E +

 

O CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios vénnos falar do sétimo obxectivo dedicado á enerxía accesible e non contaminante.

 

miércoles, 8 de febrero de 2023

GUIÓN RADIOFÓNICO: FLOWERS CORUXOU S.L.

Compartimos o guión radiofónico deu paso á creación do podcast "Flowers Coruxou S.L.", que representou ao noso centro educativo no certame I Comercio: Idea o teu Comercio Ideal!, da Xunta de Galicia.

Podcast Flowers Coruxou S.L. by veracruces on Scribd

DÍA 16: ACCIÓN POLO CLIMA EN 21 DÍAS CO GALEGO E +

 Hoxe o IES N.º 1 do Carballiño proponvos que reflexionedes sobre os últimos fenómenos meteorolóxicos que vivimos en Galicia.

 

PILAR PONTE NO CPI VIRXE DA CELA

Martes 7 febreiro 2023. Pilar Ponte, creadora da iniciativa "21 Días co Galego e +", visita o noso centro para coñecer en persoa ao profesorado e alumnado participante no proxecto.  Tamén se reuniu con Mª Camino Pereio (directora do centro) e con Paula Cadaveira (coordinadora do EDLG), para organizar o acto de clausura que terá lugar en Santiago o vindeiro martes 28 de febreiro de 2023.

martes, 7 de febrero de 2023

O MECO DO ANTROIDO 2023

 

As Indicacións Do Meco by veracruces on Scribd

SEMPRE GALEGO

Panel expositivo situado diante da Biblioteca Castelao. De maneira colaborativa, alumnado e profesorado do centro vai deixando a súa palabra preferida en galego, esta actividade está englobada no proxecto "21 Días co Galego e +".


PHOTOCALL 21 DÍAS CO GALEGO E +

DÍA 15: REDUCIÓN DAS DESIGUALDADES EN 21 DÍAS CO GALEGO E +

 

Este martes achegámonos ao CPR Divino Maestro de Santiago de Compostela.

lunes, 6 de febrero de 2023

DÍA 14: INDUSTRIA, INNOVACIÓN E INFRAESTRUCTURAS EN 21 DÍAS CO GALEGO E +

 

Hoxe comezamos a semana no norte e imos ata Viveiro, concretamente ao IES María Sarmiento. Velaquí tedes o seu vídeo

viernes, 3 de febrero de 2023

PROPOSTAS DA AELG PARA CELEBRAR O DÍA DE ROSALÍA

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 23 de febreiro, aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web. Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra, ideadas a partir do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, creado nesta ocasión pola escritora Carme Adán.

O lema é: #cumpriuseaxustiza 

Educación Infantil e Primeiro ciclo de Educación Primaria.  Recortade dunha revista, xornal... debuxos e escribide nun papel unha palabra para cada debuxo. Podedes escoller imaxes que teñan relación cos sentimentos, as emocións, ou cousas que están a acontecer no mundo e son importantes para vós. Logo, nunha cartolina co rostro de Rosalía, pegade as imaxes con cadansúa palabra, creando unha colaxe. 

Segundo ciclo de Educación Primaria.  Despois de ler un poema de Rosalía na aula, escollede as catro palabras que máis vos gustaron e compoñede con elas un pequeno poema de catro versos. Así comprobaredes o gran poder que teñen as palabras, xa que dependendo das outras que as acompañan, ás veces mudan o seu significado. 

Terceiro ciclo de Educación Primaria, Educación Secundaria e Bacharelato.  Escribide e describide as inxustizas do mundo que nos rodea. Dádelle forma de poema, de sentenza, de pensamento, de pequeno ensaio, de microrrelato, e pendurádeos das aulas, dos corredores, dos teitos, das paredes. Pendurade en palabras as miradas sobre o mundo. Enviamos dous exemplos indicativos, entre os moitos que se vos ocorran nos centros:
  •  Exemplo 1. Coller algunhas imaxes de conflitos bélicos de hoxe, da inmigración no mundo, da explotación no traballo, os prezos da vivenda... e facer unha colaxe coa pregunta "Que diría Rosalía?" 
  •  Exemplo 2. Recoller información sobre organismos e ONGs que actúan aquí para denunciar e combater as inxustizas ou asociacións que traballan con mulleres que sufriron violencia (a modo indicativo, Médicos do Mundo, Vagalume, Adega, Esculca, ...). 
 A documentación gráfica xerada por estas actividades será compartida nas correspondentes redes ou medios de difusión do centro educativo, arredor do 23 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #cumpriuseaxustiza e #rdc_23. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. A este mesmo correo podedes comunicarnos a vosa intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2022, para a irmos facendo constar na nosa web: https://www.aelg.gal/actividades/dia-de-rosalia-de-castro/2023/2/23/dia-de-rosalia-de-castro-2023 Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

DÍA 11: REFLEXIÓN E ENQUISAS EN 21 DÍAS CO GALEGO E +

FALAMOS – REFLEXIÓN 2. 
Xa vas pola metade dos 21 días co galego e +. Parabéns! Seguro que es das persoas que se está implicando moito na actividade e tes o teu galego en plena vitalidade. Hoxe vas ter a misión de realizar a túa segunda reflexión. 
  •  Está a ser como ti esperabas? 
  • Como vai o teu reto persoal?
  • Pódesnos contar algunha anécdota? 
  • Xa identificaches as persoas que che axudan a falar máis en galego? 
  • Que che parecen os materiais creados polos outros centros participantes? 
  • Que che están a parecer as actividades dos 21 Días co Galego e + no teu centro? 
Pensa un novo reto medible e graduable para ti na segunda parte do programa que agora empeza. E lembra, todas as linguas suman! 

 ENQUISAS SOCIOLINGÜÍSTICAS.
 Como sabedes, cada catro anos debemos elaborar as enquisas sociolingüísticas para o deseño posterior do Proxecto lingüístico de centro (PLC). Imos aproveitar a realización dos 21 días co galego e + para as realizarmos. Estas enquisas son anónimas. Para as realizar, no teu centro de ensino vanche dar un código de identificación do teu centro que deberás inserir no teu cuestionario. 
Ligazón Alumnado. Debes seguir as instrucións do teu profesorado. Serán as profesoras e os profesores quen che indiquen cando e como vas facer as enquisas na aula. Non esquezas comezar inserindo o código de identificación do teu centro. 
Ligazón Familias. Para cubrir as enquisas só teñen que seguir a ligazón ao cuestionario e inserir o mesmo código de identificación do centro que lle facilitaron á súa filla ou fillo. 
Ligazón Persoal non docente. Debes seguir as instrucións da persoa coordinadora dos 21 días co galego e + no teu centro.
Ligazón Profesorado. Debes seguir as instrucións da persoa coordinadora dos 21 días co galego e + no teu centro. Ligazón ao cuestionario para o profesorado

jueves, 2 de febrero de 2023

DÍA 10: IGUALDADE DE XÉNERO EN 21 DÍAS CO GALEGO E +

 

O CPI Alfonso VII de Caldas de Reis escolleu o obxectivo da igualdade de xénero, un tema que cada vez traballamos máis nos centros educativos.

miércoles, 1 de febrero de 2023

DÍA 9: CIDADES E COMUNICACIÓNS SOSTIBLES EN 21 DÍAS CO GALEGO

Hoxe o noso centro de interese vén da man do IES A Basella de Vilanova de Arousa que nos veñen contar que acontece cando a túa vila forma parte dunha área turística de gran demanda.