martes, 2 de diciembre de 2025

“SEMANA DA REPRESIÓN” EN MONFERO

 Durante a semana do 24 ao 28 de novembro, o alumnado de 4º da ESO recibiu no centro a varios especialistas sobre cuestións relacionadas con diferentes ámbitos da represión franquista no século pasado. Estas charlas están enmarcadas dentro do seu proxecto de trimestre para a materia de Xeografía e Historia, titulado “Voces silenciadas. Lugares de memoria. Violencia e represión nos concellos de Monfero, Irixoa, Aranga e Vilarmaior entre 1936 e 1949”.

O primeiro en asistir foi o arqueólogo Serxio Castro, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, quen lles fixo unha exposición sobre o proceso de exhumación dunha fosa común. O alumnado puido compartir con el ata tres sesións de 50 minutos nas que foron descubrindo diversas curiosidades de arqueoloxía forense e tamén se interesaron por saber como poderían facer eles como particulares para iniciar a solicitude de exhumación dos restos que teñen localizados a través de diversas entrevistas orais aos veciños do Concello de Aranga.

O venres 28, ás 12:35, acudiron á biblioteca o ilustrador Carlos Sardiña, o xornalista Pablo Santiago, a profesora e investigadora Anxos García Fonte e o historiador Enrique Sanfiz para presentar o libro titulado A morte nas Fragas, que narra a historia de represión de Pedro Rico e Constantino López, veciños da parroquia de Taboada, en Monfero. Visualizaron o documental e puideron observar en directo a creación artística de dous impresionantes debuxos feitos a carbón de Carlos Sardiña. Posteriormente, compartiron con Pablo Santiago unha charla sobre o seu traballo explicándolles diversos acontecementos e sucesos que están aínda a investigar.

Por último, á tarde, de 15:35 a 17:30 h tiveron unha dinámica para traballar a oratoria de cara á próxima presentación do seu traballo con Oladapo Oladipo, profesor do Colexio Internacional de Eirís, que lles deu as claves para realizar unha exposición oral controlando os nervios, os tempos e as emocións.

miércoles, 19 de noviembre de 2025

viernes, 24 de octubre de 2025

VISITA Ó MUSEO DAS MARIÑAS E O LAVADOIRO DE BETANZOS

 O mércores 4 de decembro, o alumnado de terceiro e cuarto de Educación Primaria visitou o Museo das Mariñas e o Lavadoiro Modernista de Betanzos para coñecer un pouco máis o oficio das lavandeiras, os traxes tradicionais e a exposición de Xoana Abraira: "O oficio de lavar" a partir da cal o alumnado elaborou a súa propia exposición para o 25N. 

Todo isto enmarcado dentro do noso PDI "TIRANDO DO FÍO". 



miércoles, 16 de julio de 2025

Renovación do patio de infantil

Boas familias! Como xa vos comentamos estamos a realizar obras no patio de infantil atendendo na medida do posible as necesidades do alumnado e as súas peticións. Xa fixemos varias reunións onde varias familias estiveron a colaborar nesta gran tarefa. A continuación, vos detallamos as actas onde se explica polo miúdo todas as accións a desenvolver e todo o que se fixo. Aquí amosamos unha mostra:




ACTA 3
 




















Seguiremos informando do proceso. O vindeiro mércores 27 de agosto terá lugar a derradeira reunión para rematar na medida do posible todo, antes da chegada do alumnado. 

 Grazas a todos e todas por colaborar! sen vós non sería posible! Un saúdo.

sábado, 21 de junio de 2025

Unha gradación chea de emoción e ledicia: 4º da ESO despide unha etapa inesquecible

 Unha gradación chea de emoción e ledicia: 4º da ESO despide unha etapa inesquecible

Este venres vivimos un acto de gradación cargado de sentimentos. O alumnado de 4º da ESO do CPI Plurilingüe Virxe da Cela celebrou o peche dunha etapa fundamental das súas vidas, rodeado de familias, profesorado, compañeiros e compañeiras e representantes dos concellos de Monfero e Irixoa.

Tras semanas de esforzo, exames e dedicación, chegou o momento máis agardado: despedir un capítulo cheo de aprendizaxes, amizades e vivencias que  acompañarán para sempre. Entre as paredes do noso centro, estas rapazas e rapaces medraron, e hoxe levan consigo a pegada imborrable da súa casa educativa.

A cerimonia foi un reflexo das súas traxectorias: nervios transformados en orgullo, alegría mesturada con agradecemento. Compartimos palabras fermosas, lembramos anécdotas, sorrimos... e mesmo algunha bágoa, porque despedir o vivido nunca é doado. A mesma, organizada polo alumnado de 3º da ESO e polo profesorado do centro con moito agarimo.

Imaxe autoeditada dos momentos finais da celegración.

Desde o CPI Plurilingüe Virxe da Cela:

Queremos expresar o noso máis sincero grazas. Grazas por compartir este camiño, pola vosa ilusión e pola marca que deixades nestas aulas. Que esta casa siga sendo sempre o voso fogar.

Á promoción 2025:

Desexámosvos toda a sorte do mundo nesta nova etapa. Enfrontádea coa mesma valentía e forza que vos trouxo ata aquí. E recordade: as nosas portas estarán sempre abertas. Porque, máis aló do tempo, sodes parte imborrable da nosa historia.

Boa viaxe, querida promoción. Ata sempre.

Imaxe autoeditada dos momentos finais da celegración.

martes, 17 de junio de 2025

ENTREGA DE PREMIOS III CONCURSO AUDIOVISUAL ANPAS GALEGAS "SOMOS RURAL"

Fai meses o noso centro participou no III Concurso Audiovisual ANPAS Galegas "Somos Rural" coa proposta "Lendas do Mosteiro: Unha viaxe inmersiva ao pasado",  un proxecto interdisciplinar levado a cabo co alumnado de 3º da ESO. Aínda que non recaeu o premio neste proxecto, igualmente asistimos ao acto de entrega de premios que tivo lugar o luns 16 de Xuño de 2025 no CEIP Os Casais de Fene (centro gañador nesta edición do concurso), un acto moi entrañable no que prevaleceu o espírito de comunidade para tecer redes e defender o rural como un valor non so humano, senón pedagóxico. A presentación do acto e do concurso recaeu na presidenta das ANPAS Galegas (Isabel Calvete) e o presidente da Federación de ANPAS de Ferrolterra (Jaime Acuña). Acto seguido pasouse a unha interesada e animada conversa sobre os hórreos (elemento protagonista do proxecto gañador) por parte de Manuel Pico da Asociación Veciñal de Magalofes, Henrique Sanfiz de RadioFene e Laura Bouza de Laudas Calamity, laboratorio de creación artística, Bruno Lopes e Mª José Vila por parte das familias e o centro.

Todos/as os/as asistentes ao acto de entrega tivemos posteriormente a oportunidade de facer un visionado conxunto de todos os traballos participantes, de diferentes centros da xeografía galega, e cada cal centrado en diferentes elementos do noso patrimonio material ou inmaterial, entre eles o do noso centro CPI Virxe da Cela, que é unha chamada de atención ao deterioro do Mosteiro de Monfero, unha auténtica xoia en ruínas que esmorece no corazón das Fragas do Eume. Recibimos o diploma por parte da presidenta das ANPAS Galegas (Isabel Calvete) e do presidente da Federación de ANPAS de Ferrolterra (Jaime Acuña), e finalmente clausuraron o acto Mª José Vila (coordinadora) e Lorena Pita (Directora) do centro gañador.

Aproveitando a nosa visita a esta bonita escola rural, Mª José Vila ofreceunos un interesante "tour" polas instalacións, que destacan pola súa decoración e colorido, parte dela realizada por membros da ANPA volcados en construír unha atmósfera amigable para que os seus fillos gocen os anos que van estar escolarizados e que quedará para futuras xeracións. Parabéns por ese centro tan acolledor, tanto a nivel material como humano.