Durante a semana do 24 ao 28 de novembro, o alumnado de 4º da ESO recibiu no centro a varios especialistas sobre cuestións relacionadas con diferentes ámbitos da represión franquista no século pasado. Estas charlas están enmarcadas dentro do seu proxecto de trimestre para a materia de Xeografía e Historia, titulado “Voces silenciadas. Lugares de memoria. Violencia e represión nos concellos de Monfero, Irixoa, Aranga e Vilarmaior entre 1936 e 1949”.
O primeiro en asistir foi o arqueólogo Serxio
Castro, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, quen lles fixo
unha exposición sobre o proceso de exhumación dunha fosa común. O alumnado
puido compartir con el ata tres sesións de 50 minutos nas que foron descubrindo
diversas curiosidades de arqueoloxía forense e tamén se interesaron por saber
como poderían facer eles como particulares para iniciar a solicitude de
exhumación dos restos que teñen localizados a través de diversas entrevistas
orais aos veciños do Concello de Aranga.
O venres 28, ás 12:35, acudiron á biblioteca o
ilustrador Carlos Sardiña, o xornalista Pablo Santiago, a profesora e
investigadora Anxos García Fonte e o historiador Enrique Sanfiz para presentar
o libro titulado A morte nas Fragas,
que narra a historia de represión de Pedro Rico e Constantino López, veciños da
parroquia de Taboada, en Monfero. Visualizaron o documental e puideron observar
en directo a creación artística de dous impresionantes debuxos feitos a carbón
de Carlos Sardiña. Posteriormente, compartiron con Pablo Santiago unha charla
sobre o seu traballo explicándolles diversos acontecementos e sucesos que están
aínda a investigar.
Por último, á tarde, de 15:35 a 17:30 h
tiveron unha dinámica para traballar a oratoria de cara á próxima presentación
do seu traballo con Oladapo Oladipo, profesor do Colexio Internacional de
Eirís, que lles deu as claves para realizar unha exposición oral controlando os
nervios, os tempos e as emocións.