martes, 23 de febrero de 2010

DÍA DA LINGUA MATERNA



Que é o Día Internacional da Lingua Materna? É unha conmemoración que se celebra o 21 de febreiro de cada ano, unha data significativa que estableceu a Conferencia Xeral da Unesco en 1999, co obxectivo de promover o pluralismo lingüístico e a diversidade cultural. Ademais, busca impulsar o recoñecemento e a práctica das linguas maternas de todo o mundo e, en especial, as das linguas con menos falantes.


Que son as linguas? Segundo sinala a ONU, "as linguas son o instrumento de maior alcance para a preservación e o desenvolvemento da nosa herdanza cultural". Deste xeito, toda iniciativa para promover a difusión das linguas maternas servirá para incentivar a diversidade lingüística e "crear maior conciencia sobre as tradicións lingüísticas e culturais do mundo e mais inspirar a solidariedade baseada no entendemento, na tolerancia e no diálogo".

Que é unha lingua materna? Por lingua materna adoita entenderse aquela na que un suxeito adquire a linguaxe; é dicir, aquela na que aprende a falar. Normalmente, o que caracteriza a lingua materna é a súa adquisición espóntanea, fronte á aprendizaxe dunha segunda que normalmente se aprende dunha maneira máis formal. Actualmente, na terminoloxía da sociolingüística óptase con maior frecuencia polo termo lingua inicial (lingua primeira- L1), pois este é máis neutro e evita certos nesgos como o de presupoñer a transmisión por vía materna (nai). As linguas que se adquiren con posterioridade á lingua primeira coñécense habitualmente como segunda lingua (L2).


Que determina a lingua materna? O factor máis importante é a lingua que empregan os axentes de socialización do neno durante as etapas iniciais do seu desenvolvemento. Nas sociedades avanzadas, este papel compárteno a familia e outros axentes externos, como as escolas infantís e mesmo os medios de comunicación audiovisuais.


Que importancia futura ten para as persoas a lingua materna?

A lingua inicial ten unha grande importancia para as persoas por múltiples cuestións, entre outras, na adquisición como lingua primeira danse naturalmente os supostos da aprendizaxe precoz e da motivación comunicativa, favorecedoras do logro da aprendizaxe.


Que idade se establece para determinar a aprendizaxe da lingua materna? A lingua primeira adquírese, por definición, durante as primeiras etapas do desenvolvemento do neno. En contextos onde existen linguas en contacto, é frecuente a adquisición de diferentes linguas como lingua primeira.

Propostas para o Día Internacional da Lingua Materna


1. Educa no respecto a todas as linguas
2. Transmite o valor da diversidade
3. Cultiva as linguas con menos falantes
4. Fomenta a aprendizaxe de linguas
5. Perde o medo a equivocarte
6. Déixalles aos teus fillos unha herdanza valiosa
7. Acolle as outras linguas que te rodean
8. Non lle peches a ninguén as portas da túa lingua
9. Practica o ecoturismo lingüístico
10. Fala tamén para os que están preto

No hay comentarios:

Publicar un comentario