viernes, 25 de enero de 2013

VIDEOCONFERENCIA COA ANTÁRTIDA


O xoves 24 de decembro tivemos a oportunidade de conectarnos vía Skype coa base española Gabriel de Castilla, situada na Illa Decepción, na Antártida. Entre os militares e científicos que traballan nesta estación española atópase Xavier Cristobo, un aresán que a parte de mergullarse nas xélidas augas polares, leva anos inmerso no mundo da investigación biolóxica, sendo na actualidade o director do Centro Oceanográfico de Xixón. Veciño e amigo da nosa profesora aresá Yolanda Castro, aceptou a petición desta compoñente do Equipo de Dinamización da Lingua Galega para transportar a nosa lingua alende os mares, e con grande simpatía e coñecemento, contenstou cada unha das preguntas formuladas polos rapaces e rapazas da ESO, e, como non, ás de María Xosé Fandiño, a profesora de Ciencias Naturais. Xavier Cristobo recibiu os parabéns de todos asistentes a esta videoconferencia, e esperemos que este non sexa máis que o primeiro contacto dunha colaboración máis duradeira. Recorda Xavier que estás convidado a visitar o noso centro cando voltes a Galicia, e poder contarnos todas as túas aventuras e andainas ao carón dunha estufiña... Deixamos pendurado no blogue un dossier con máis datos sobre este interesante proxecto da Antártida e os fermosos debuxos do caderno de bitácora de Xavier Cristovo, que tanto evocan o diario do afamado Charles Darwin na súa travesía a bordo do Beagle...



 

No hay comentarios:

Publicar un comentario