jueves, 14 de febrero de 2019

RADIO FEROUTA NO DÍA MUNDIAL DA RADIO

     

O alumnado de 5º de Primaria do CEIP Barouta e o CPI Virxe da Cela emitirán un programa dende Radio Ames o día 13 de febreiro.

     As escolas de Barouta e Monfero unen forzas para levar adiante un programa de radio que fala sobre o medio dende diversas perspectivas. Esta iniciativa pretende poñer en valor a radio como ferramenta educativa e "promover a socialización e o intercambio de coñecementos", tal e como sinala Sergio Pascual, cofundador do Laboratorio de Radio e un dos coordinadores da actividade.
     Nesta experiencia participan dez alumnos/as de Barouta e dez de Monfero a través da aportación de ideas e a creación e produción do guión. Ademais, as súas voces poderán escoitarse a través da emisora municipal de Ames o propio día 13 de febreiro, Día Mundial da Radio. 
     Neste programa, o alumnado fala sobre a importancia das radios escolares, entrevista ao xornalista Gorka Zumeta e a Nazaret López, presentadora do espazo ‘Somos Ames’, de Radio Ames e fai unha reportaxe sobre o labor inclusivo da radio realizado pola Radio de los Gatos, promovida por ASPACE Coruña. 
    Ademais de falar da radio como medio dinamizador dos centros escolares, o programa ten presente os temas propostos pola Unesco para celebrar o día mundial deste medio que cumpre 108 anos. Paz, diálogo e tolerancia son os eixos temáticos sobre os que xira o programa no que se fala sobre a carreira solidaria organizada cada ano polo CEIP Barouta para recadar alimentos e a iniciativa Monferosolidario que abrangue diferentes actos e accións dende o CPI Virxe da Cela de Monfero. 
     A coprodución entre escolas recibe o nome de Radio Ferouta e é froito da colaboración de ambos e da iniciativa do CPI Virxe da Cela pola radio para ensinar valores e coñecemento, proxecto que comezou en 2014 da man do Laboratorio de Radio como un xeito diferente de adquirir competencias comunicativas a través dun medio tan flexible e lúdico como é a radio. Actualmente, a actividade conta co apoio da Fundación Repsol, Fundación LaCaixa e Axuda en Acción que fan posible o desenvolvemento desta actividade no centro educativo de Monfero (A Coruña).




No hay comentarios:

Publicar un comentario