martes, 14 de mayo de 2019

DÍA DA CIENCIA

      O 14 de maio de 2019 organizamos no CPI Plurilingüe Virxe da Cela o Día da Ciencia. Foi unha xornada moi completa que durou toda a mañá, realizándose obradoiros de maneira simultánea e clausurada coa interesante conferencia de Xurxo Mariño. Os nenos e nenas de Educación Infantil ensinaron a facer botes sensoriais a todo o colexio!! O alumnado de 5º de primaria, a través de diferentes ilusións ópticas fixéronnos ver que os nosos ollos non son cámaras de vídeo que gravan todo o que ocorre, senón que o noso cerebro interpreta a información que nos proporcionan os nosos sentidos.Tamén aprendemos con eles a clasificar animais seguindo a súa taxonomía. O grupo de 6º de primaria, utilizando o Makey Makey, unha placa similar ao mando dunha videoconsola que simula ser un teclado, realizaron un experimento de condución da electricidade utilizando auga, froita e metal. Ademais crearon unha columna de densidades multicor apilando capas de distintos líquidos nunha probeta: mel, xabón, auga, aceite e alcol. 
       Primeiro de ESO, coa axuda dalgúns compañeiros e compañeiras de 2º puxeron a proba funcións do noso cerebro: atención, memoria, así como os sentidos e como andamos de reflexos. Os maiores realizaron “experimentos de bata branca”. Por unha banda, os rapaces/zas de 2º de ESO, no laboratorio, elaboraron “Pasta de Dentes para Elefantes”: utilizando peróxido de hidróxeno (auga osixenada), este libera osíxeno e ao mesturalo con xabón xenera unha gran cantidade de escuma, asemellando unha pasta de dentes xigante. Ademais realizaron unha reacción de oxidación e redución, conseguindo un cambio de cores espectacular utilizando permanganato potásico. Se pasabas pola aula de 3º de ESO podías medir a capacidade pulmonar realizando unha espirometría. E na de 4º de ESO podías realizar probas de ADN. 
       Con estas iniciativas queremos achegar a ciencia dunha maneira máis divertida e creativa, e facer ao noso alumnado protagonista da súa difusión.








No hay comentarios:

Publicar un comentario