A poñente do noso PFPP sobre a Intelixencia Artificial Mercedes Orbaneja, achegounos uns materiais para traballar a figura de Rosalía de Castro e o traxe tradicional galego a través das bonecas mariquiñas. O alumnado de Infantil desfrutou moito vestido a Rosalía e descubrindo as diferentes pezas do traxe tradicional.
martes, 25 de febrero de 2025
miércoles, 19 de febrero de 2025
CANTAMOS A ROSALÍA
A rapazada de 3º de ESO embarcouse nunha aventura creativa para reivindicar a nosa lingua galega. Inspirados na figura de Rosalía de Castro, un dos maiores referentes da literatura galega, os rapaces e rapazas decidiron dar vida ao poema que compuxeron e que celebra a riqueza e a beleza do galego.
Utilizando a intelixencia artificial, transformaron os seus versos en canción, combinando a tradición literaria coas novas tecnoloxías. Este proceso non só lles permitiu explorar a obra de Rosalía, senón que tamén fomentou a súa creatividade e o seu amor pola lingua. A música resultante é un fermoso tributo á nosa cultura e un recordatorio da importancia de preservar e promover o galego.
lunes, 17 de febrero de 2025
PREPARÁNDONOS PARA O DÍA DE ROSALÍA
Este ano, os alumnos e alumnas da ESO
decidiron render un fermoso tributo á nosa querida Rosalía de Castro, poetisa
universal e símbolo da nosa cultura galega, a través dun mural que adorna o
corredor do noso centro. O mural, que destaca pola súa cor e creatividade, non
só presenta unha imaxe da autora, senón que tamén está acompañado de varios
poemas que capturan a esencia da súa obra.
Cada verso escrito no mural é un recordatorio
do seu legado literario e da importancia da súa voz na historia da literatura
galega. A combinación da arte visual coas palabras poéticas crea un espazo
inspirador que invita a todos a reflexionar sobre a riqueza da nosa lingua e
cultura.
Tamén confeccionaron chapas con diversas imaxes de Rosalía para repartir entre toda a comunidade educativa.
domingo, 16 de febrero de 2025
RECURSOS PARA O ENTROIDO
A chegada do Entroido está á volta da esquina, e con el, un tempo cheo de diversión, cor, e imaxinación! É a época perfecta para deixar voar a nosa creatividade e gozar de momentos inesquecibles xuntos.
Para que poidades coñecer mellor esta
festividade tan especial, enviamos unha serie de recursos que podedes utilizar
nas vosas aulas. Desde actividades lúdicas ata información sobre as tradicións
do Entroido.
Non perdades a oportunidade de mergullarvos
nesta festa tan máxica. Animádevos a explorar os enlaces que compartimos e a
preparar un Entroido cheo de risas e sorpresas!
viernes, 14 de febrero de 2025
DA CANDELORIA AO SAN VALENTÍN
Da "Candeloria ao San Valentín" foi unha proposta do EDLG, coa colaboración de EPVA, que buscaba fomentar o uso da lingua galega a través da expresión dos sentimentos, sobre todo entre a rapazada do centro, mais tamén aberta a toda a comunidade educativa.
Desde o equipo celebramos a boa acollida desta actividade que ofrecía a oportunidade de soltar a lingua e mailo amor a un tempo, porque en galego, se un quere, tamén se quere!
PESQUEDELLAS: OBRADOIRO DE ASOCIACIONISMO E MÚSICA TRADICIONAL
O alumnado de 3º da ESO, moi vinculado e comprometido coa música tradicional galega, está a traballar o tema do asociacionismo para a recuperación e potenciación da música tradicional galega a través dos contactos e titorización de diferentes axentes e asociacións que traballan nesa liña, entre elas a Asociación Cultural prestadora de servizos á xuventude “Pesquedellas” (de Betanzos). Tras varias semanas de xestión o organización, tivemos por fin a posibilidade de contar con Sara e Gala, que visitaron o noso centro o pasado venres 14 febreiro 2025. A través dun interesante obradoiro de 100 minutos de duración a rapazada de 3º da ESO tivo a oportunidade de descubrir as claves do asociacionismo xuvenil, e esperamos que todos os consellos recibidos por parte de Sara e Gala lles servan para poder sacarlle nun futuro o máximo partido ao noso patrimonio inmaterial, non só no eido artístico, senón tamén coma un xeito de socialización e lecer.
O obradoiro foi moi dinámico, e ademais de presentarnos a diferentes persoas claves á hora de recuperar e valorar o noso patrimonio musical galego, tamén houbo tempo de facer algunhas dinámicas divertidas e participar activamente. É certo que quedamos con ganas de máis, por tanto trataremos de volver a contar coas Pesquedellas para o vindeiro trimestre, a ver si na próxima ocasión poden levar a cabo un obradoiro de Slam Poético.
Este pasado venres 14 de febreiro as Pesquedellas, unha asociación folclórica de Betanzos, viñéronnos dar unha charla sobre a música tradicional en Galiza. Ao noso colexio viñéronnos a impartir a charla Sara e Gala. Grazas a elas aprendín a como xestionar unha asociación, a como poñerme os meus propios obxectivos, a poñerme obxectivos razoables e alcanzables e non comezar polo alto se non podes chegar porque se non vai ir a cousa mal, a calar se unha persoa non está facendo as cousas coma ti queres para non ter problemas, e tamén nos deron consellos para traballar cos amigos e non ter problemas como o de ter un grupo de Whatsapp soamente para traballo da ascociación e outro para cousas persoais de amizade. A charla pareceume unha maravilla pero fíxoseme moi curta. A verdade dúas horas non deron para nada! Estou desexando que veñan outra vez no próximo trimestre e acabar de empaparme da música. MG 3º ESO.
Gustoume moito a charla que deron, e sobre todo que fora enfocada moi a realidade, e decir, decíannos todos os problemas de maneira aberta, e a realidade pois de que non fagamos caso aos maiores que nos critiquen, etc. Tamén o que nos descubriran o mundo das alboradas encantoume, pois realmente descoñecía que era tan sencillo e comúns. Tamén saber que pois teñen dous grupos, un de traballo e outro de amizades, que é lóxico, pero aínda non entendo porque tan a "raja tabla". Por último, sorprendeume que lles dera tempo a ter un traballo por detrás de todo o traballo que teñen na asociación, non sei como teñen tan resistencia e ademáis o collen con gañas. NG 3º ESO
"O venres 14 de febreiro as Pesquedellas tivemos a oportunidade de achegarnos ao CPI Virxe da Cela e falar cos rapaces de 3º da ESO sobre o noso labor, o asociacionismo e recollidas, entre outros temas. Alí atopámonos cun alumnado que fixera os deberes: viran o noso documental e entrevistas que fixeramos, coñecían as persoas referentes da música tradicional e eran -e son- parte activa da música tradicional. Como comezar un proxecto novo dentro da música tradicional? Cales son os distintos roles que podemos ter as socias dunha asociación? Foron algúns dos temas sobre os que reflexionamos. Para nós foi unha experiencia marabillosa na que puidemos ver a xente moi comprometida. Tanto foi así que se nos fai necesaria unha segunda parte desta xuntanza, pero desta volta máis creativa. Estamos esperando xa coas pandeiretas na man para a próxima vez que nos vexamos, xa sexa nas aulas ou de foliada!" Pesquedellas. 21/02/2025.
![]() |
Imaxes ilustrativas da actividade. |
lunes, 10 de febrero de 2025
Educación patrimonial: visita ao entro de Interpretación de Caldoval.1º ciclo (1º e 2º de EP)
O 7 de febreiro o alumnado de 1º e 2º de EP visitamos os baños romanos de Caldoval en Mugardos, na ensenada de Santa Lucía.
Este Centro de Interpretación de Caldoval é un proxecto museográfico que pon en valor o xacemento romano descuberto na enseada de Santa Lucía. Ata o de agora trátase dun dos únicos baños privados con palestra descubertos en todo o noroeste peninsular.
Un complexo dedicado á hixiene, á saúde, ao lecer e probablemente tamén á práctica deportiva. Un balneum rural doméstico que formaba parte dunha vila a mare, habitada entre o século I e o V. d.C, en época do Imperio Romano.
A través das visitas guiadas e os talleres descubrimos como vivían e coidábanse os habitantes da Galicia romana. Como funcionaban os baños; cal era o uso e características de cada unha das estancias do circuíto termal; as vestimentas que levaban os e as bañistas; que facían nos seus momentos de lecer; os deportes que practicaban e as súas regras ou os xogos de mesa e azar máis populares.
Mentras a metade do grupo elaboraba mosaicos a outra metade podía contemplar como era este "balneum" privado e como se coidaban os nosos antergos. Velaquí unhas imaxes de todo o que aprendimos!
![]() |
Imaxes da actividade. |
Movémonos cos maiores
A través dos maiores, levando a cabo un plan interxeneracional, aprendemos a importancia da ximnasia a todas as idades. Acompañáronnos nunha sesión de ximnasia xerontolóxica na que poidemos apreciar a importancia dos nosos maiores na nosa sociedade.
miércoles, 5 de febrero de 2025
Abellas na escola
lunes, 3 de febrero de 2025
Falamos +: dinamizar a nosa lingua de forma lúdica
![]() |
Imaxe autoeditada da listaxe de centros participantes. |
Estes dez centros nos xuntamos para vivir como galegofalantes e crear, cunha participación protagonista do seu alumnado, propostas lúdicas de lecer en galego dirixidas a educación infantil e aos tres ciclos de educación primaria e desenvoltas nos tempos de lecer da xornada lectiva.
Organización das actividades
- Os luns falamos (conversas, monólogos, contos, lendas, teatro...)
- Os martes xogamos (xogos de todos os tipos incluíndo xogos de lingua como pasagalegos, tabús, adiviñas…)
- Os mércores facemos ciencia (levamos a cabo propostas lúdicas relacionadas con diferentes disciplinas científicas, xogos de lóxica matemática, de química…)
- Os xoves escribimos e lemos (xogos de escritura creativa, lecturas dramatizadas e propostas de lectura de todos os tipos e para todas as idades)
- Os venres cantamos e bailamos (botamos man de temas musicais tradicionais e modernos para bailalos e cantalos)
Temporalización
Entre o 10 e o 28 de marzo de 2025: 15 días.
Difusión
O programa conta cun blog como fío condutor onde se amosan as diferentes propostas de actividades dos centros participantes en cada unha das xornadas.
Compromisos dos centros participantes
- Desenvolver un programa lúdico para centro durante os quince días lectivos que dura o programa.
- Colaborar no blog do programa cos contidos de un día e medio.
![]() |
Logo escollido para este novo programa da Secretaría Xeral da Lingua. |
sábado, 1 de febrero de 2025
Ambientes de aprendizaxe na Ed. Infantil: mes de xaneiro
No ambiente simbólico-construtivo deste mes de xaneiro estreamos os engrenaxes para facer todo tipo de construcións como cortellos para vacas, casas e ata naves espaciais. Tamén levamos a cabo un montón de actividades de vida práctica: montamos un supermercado e levamos as nosas listas para comprar e os cartos para pagar, puxemos a mesa para comer, vestimos aos bebés e aproveitamos o bo tempo para lavar a súa roupiña e tendela. Qué ben o pasamos! No ambiente de luces e sombras, ao longo do mes de xaneiro contamos con diversas propostas tales como; libros con formas e cores para proxectar na parede coa axuda de lámpadas e pintar sobre papel as sombras do que alí se proxectaba, tivemos unha mesa de luz chea de tesouros escondidos entre arroz, tamén contamos con unha proposta artística na que facer obras de arte xogando co contraste das cores fluorescentes, e por último, dispuxemos de un gran escenario no cal disfrazarnos e escenificar todo aquelo que se nos pasaba pola imaxinación. Sen dúbida non tivemos tempo para aburrirnos!