A Real Academia Galega (RAG) difunde a súa produción da miniserie documental das Letras Galegas 2025 Se canto é porque quero. Xa pode verse en academia.gal e na canle de Youtube institucional. A proposta audiovisual dedicada ás cantareiras e á poesía popular oral destaca a riqueza dun tesouro cultural creado colectivamente polo pobo, especialmente por mulleres como as sete nas que a RAG personifica a celebración do vindeiro 17 de maio, e partindo do pasado reivindica o futuro dunha tradición chea de vida que están a reinterpretar as novas xeracións.
A RAG irá publicando nas vindeiras semanas máis contidos divulgativos arredor do Día das Letras Galegas na sección da súa web centrada na gran festa da cultura galega (https://academia.gal/letras-galegas/2025/cantareiras). Incorporará tamén novas actividades interactivas á web de Primavera das Letras.
Rosa e Adolfina, cantareiras de Cerceda nacidas a comezos do século XX, aprenderon a cantar e bailar da súa familia e participaban en festas comunitarias chamadas foliadas. Nos anos 80, unha nova xeración redescubriu estas tradicións. Un momento clave foi a chegada da musicóloga suíza Dorothé Schubarth en 1978, quen recolleu centos de cantigas e creou o Cancioneiro Popular Galego, unha obra fundamental para conservar este patrimonio. A tradición de recoller cantigas continuou por novas xeracións, que percorrían aldeas gravando e documentando a música popular galega para mantela viva. Vendo este vídeo creo que hoxe en día temos que valorar moito as posibilidades que temos hoxe en día, tanto internet, como saber ler partituras. Borda o milagro que Dorothé Schubarth gardara esta cultura nosa, pois se non fora por ela, teríamos moito menos do que podemos coñecer a día de hoxe. NGP (3º ESO).
Paréceme incrible como se pasaron as cantigas de xeración en xeración, xa que no vídeo di que a Rosa e Adolfina ensináronllas a súa nai e a súa avoa. Tamén como cada momento que tiñan libre utilizábano para coller a pandeireta e tocar e bailar tanto en foliadas como en traballos como a sega. A xente se tivo que mudar para a cidade, e deron por feito que alí tiñan que deixar de falar e de cantar en galego, entendo que o fixeran para encaixar mellor nesa sociedade e non sentirse excluídos, pero non o comparto. Aprendín o importante que é gravar as cantigas para que nun futuro as xeracións seguintes poidan desfrutar delas tanto coma nós. Grazas a Dorothé que recorreu toda Galicia e fixo ese traballo hoxe en día temos 200 coplas que lle cantaron Rosa e Adolfina ou outras cantareiras, en papel porque ela molestouse en transcribilas tanto as coplas como as melodías. Así tamén xurdiu o Cancioneiro Popular Galego, que esta escrito case para xente moi especializada. EOB (4º ESO).
Estes vídeos céntrase principalmente no papel das mulleres na tradición e cultura galega. Móstranos a través de entrevistas e outros tipos de documentos como as mulleres son as principais creadoras e transmisoras da tradición oral e musical. Tamén falan de varias asociacións ou grupos de mulleres que se reúnen para tocar e ensinar a música. Isto é moi importante porque cando elas tocan e cantan as cancións fan que a xente que as escoite se acorde delas e así llas poden transmitir a outras xeracións. Penso que o obxectivo principal destes vídeos é visibilizar a participación feminina na cultura galega, especialmente na músical, que durante moito tempo pasou desapercibida e non se lles deu o recoñecemento que merecen. Grazas a elas temos moitas cantigas de moita variedade de temas. MPL (3º ESO).
No hay comentarios:
Publicar un comentario