lunes, 23 de marzo de 2020

OLLOBOI COVIDEO DOMÉSTICO

      Amigas, amigos, Ante a situación de alerta e conseguinte suspensión de aulas, desde Olloboi mantivemos silencio por prudencia e con ánimo de non saturar as redes, pois foron moitas as comunicacións e reorganizacións telemáticas que houbo que facer ó longo da semana. Porén, a situación parece que vai prolongarse no tempo e cómpre tomar unha decisión. Tras consultar a moitos profes e ler as recomendacións que a Consellería de Educación fai, incluídos os consellos do Colexio de Psicólogos de Galicia, cremos que Olloboi non só non debe cancelarse senón que pode ser un lugar común para a creatividade de mozos e mozas, coa colaboración máis necesaria que nunca das familias, e co profesorado axudando a distancia. 
      Non podemos garantizar que o festival vaia celebrarse nas datas previstas (29 de maio), pero iso non pode frearnos. Certamente o Encontro Olloboi é único e permite algo máxico: a complicidade entre artistas e rapaces, dando por froito pezas exprés ben interesantes. Pero o noso obxectivo primordial foi sempre o de promover a creación audiovisual e sementar compromiso, e iso pode facerse desde a casa e desde a individualidade. 
      O que propoñemos é que todos reflexionemos sobre esta situación e a nosa vida agora, sobre o país que nos agarda á volta, sobre o ben público, e que canalicemos eses pensamentos cara á creación dunha obra. Pode ser algo de corte experimental e poético, con material actual ou de fondo de disco duro; documental, recollendo o diario da vida doméstica; de ficción ou animación, poñendo a discurrir a imaxinación… 
      Olloboi pón á disposición de todo o mundo uns recursos educativos para afrontar a creación dunha peza audiovisual desde as cuestións máis técnicas (que móbil? que encadramento? como recollo o son? como monto vídeo? como publicar en Instagram e TikTok?) ata as máis artísticas, estas da man de profesionais do noso cine, do (digámolo con orgullo!) celebrado cine galego. 


     
    Nas nosas redes atoparase ademáis vínculos a páxinas de cine galego que desde esta semana están en aberto, como a de CREA ou Novo Cinema Galego. 
    As pezas que se fagan na corentena participarán nunha categoría ad hoc: Olloboi Covídeo Doméstico, e aspirarán a un premio especial que consistirá en participar nunha rodaxe real. Pedímosvos que as difundades con cancelo #OlloboiCovídeoDoméstico, que tamén faredes constar nos créditos da peza ó inscribila en olloboi.com. Corren tempos inauditos: narrémolos coa nosa mirada e así construiremos colectivamente o relato do que pasou. Está nas nosas mans que froito desta crise se reforcen ou deterioren os lazos sociais, e nós apostamos por facelos máis sólidos, fermosos e solidarios que nunca. O cine pode ser a ferramenta. 
      Gracias sempre, do Equipo Olloboi.

No hay comentarios:

Publicar un comentario