jueves, 11 de junio de 2015

VISITA AO MUÍÑO DE CALAZA









    O 26 de febreiro de 2015 Camino, a directora do CPI Virxe da Cela, propuxo ir dar unha volta polos arredores para coñecer un muíño que está perto do colexio e que foi restaurado recentemente polos seus donos: o muíño de Calaza. Xuntámonos no cruce do Xestal con Constantino, un veciño, e con Magdalena, nai de Laura de sexto de primaria. 
    Sen saír do punto de encontro, Constantino contounos cómo cambiou o Xestal. Antes era unha aldea na que se podía vivir sen saír dela en todo o ano. A agricultura e a gandeiría proporcionaban unha economía de subsistencia para todas as familias, e non faltaban artesáns que producían o necesario para os seus veciños: costureiras, zoqueiros, ferradores, cesteiros, había médico, veterinario…, áta había un salón no que se reunía a xuventude os fins de semana para botar uns bailes. Pouco a pouco, como en toda Galicia, a xuventude foi marchando en busca dun futuro mellor, ou iso pensaban, quedando moitas casas baleiras. Na súa cara poidemos observar como botaba en falta a vida que nun tempo rebulía na zona. 
    De camiño ó muíño, descubrimos o mal adaptados que estamos xa ó noso entorno e comprendimos a Constantino cando nos falaba dos traballos que pasaban de pequenos acompañando o gando ó monte…, nos xa non sabíamos andar polo medio dos toxos. No medio do camiño descubrimos unhas colmeas que Constantino foi visitar. Algúns dos rapaces intentaron seguilo e aprendemos que as abellas non deben ser molestadas, algo que por experiencia sabían os nosos acompañantes maiores por estar máis en contacto coa natureza. 
     Chegados ó muíño fomos recibidos por Manuel de Calaza e o seu fillo Germán… E xa empezaron as sorpresas. Esa ponte sobre a que estamos colocados, está formada sobre unha única pedra de pizarra que Manuel axudou a levar no seu momento. Con atención seguimos as explicacións de Manuel, que nos explicou o que era a maquía, unha forma de pago ó muiñeiro que consistía en dar parte da fariña que se sacaba do gran. Tamén nos demos conta do valor da “palabra”. Os clientes deixaban o saco á porta do muíño aínda que non estivera o muiñeiro e recollía a fariña ó día seguinte, tamén sen necesidade de que estivera o muiñeiro. Manuel explícanos como decidiu arranxar o muíño, poñelo de novo en pé despois de que o tempo sen uso o deixara sen teito, sen portas… Na súa cara pódese observar a ilusión de compartir cos veciños a súa propiedade, e non só cos veciños, senón con calquera que queira pasar un día de lecer baixo cuberta e rodeado de natureza. Por fin chegou o momento de ver se a restauración chegaba tamén ó mecanismo do muíño. Vimos como a forza motriz da auga, cun respecto absoluto pola natureza, era capaz de triturar o gran. Nese momento fomos conscientes de como debía ulir aquel lugar nos seus mellores momentos, xa que un lene olor era despedido polas moas ou pedras do muíño. 
     Unha vez rematadas as explicacións do funcionamento e postos os nomes a cada peza do muíño, dispuxémonos a saír, non sen antes pedirlles ós nosos guías unha foto para a posterioridade, ó tempo que agradecíamos as súas explicacións. Unha sorpresa nos agardaba aínda. Agochado detrás da porta atópase o burro, unha especie de guindastre que servía para que unha soa persoa poidera quitar as moas do muíño e arranxalas para que moeran mellor. Foi difícil marchar de alí. Os nosos guías eran un pozo sin fondo de sabiduría e xenerosidade. O estar con eles comprobamos o dito africano: Fai falta un pobo para educar a un neno. Adeus, Manuel. Recollemos a túa invitación a disfrutar noutro momento do teu muiño. Moitas grazas pola túa acollida e sinxeleza. E moitas grazas tamén por restaurar e poñer a disposición de todo aquel que queira a túa propiedade. Carmen Espiñeira López. Xuño 2015.

No hay comentarios:

Publicar un comentario