Día da Ilustración e Día escolar da non violencia e a paz.
O 30 de xaneiro é un día sinalado no noso almanaque. Por unha banda, commemoramos o Día da Ilustración en Galicia, coincidindo co día do nacemento de Castelao; esta data serve para reivindicar o papel dos profesionais do mundo da ilustración homenaxeando a un ilustrador ou unha ilustradora da historia do noso país. Este ano o homenaxeado é Xosé Vizoso.
O alumnado da ESO descubriu, a través do traballo da comprensión oral na materia de Lingua galega, as múltiples facetas deste histórico artista gráfico galego, muralista, escultor, escenógrafo, debuxante e un dos principais deseñadores de Sargadelos, xunto con Xosé Díaz.
Ademais, desde a materia de EPVA, as rapazas e rapaces elaboraron unhas ilustracións ben xeitosas, inspiradas en personaxes reais, que podedes ver expostas na "galería de arte" do 1º andar (corredor de EPVA).
O alumnado de 1º e 4º da ESO, despois de coñecer a Xosé Vizoso, quixo facerlle tamén a súa homenaxe particular e deseñaron pombas da paz inspiradas no estilo do autor, traballando en equipo e con respecto. Así crearon "Pombas da paz para Xosé Vizoso", uns murais que expoñen tamén na "galería de arte" do 1º andar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario