jueves, 15 de marzo de 2012

NÓS TAMÉN CREAMOS


O CPI Virxe da Cela participará no programa Nós tamén creamos! da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) e mais con OQOeditora.
Profesorado e alumnado de educación infantil e primeiro e segundo ciclo de primaria realizará curtametraxes de animación tomando como base unha serie de contos de OQO editora. O pasado mércores 14 de marzo de 2012 o profesorado implicado recibiu unha sesión formativa e de asesoramento, con contidos de linguaxe audiovisual, creación de storyboard, técnicas de animación e manexo do programa Monkey Jam. Durante as próximas 8 semanas elaboraranse escenografías, construción de persoaxes con plastilina e outros materiais, e realizarase a gravación de fotogramas para a animación, coa posterior edición en video. As curtametraxes serán posteriormente presentadas a concurso, e difundidas a través da CRTVG.

Os obxectivos de Nós tamén creamos!son os seguintes:

1. Incentivar o uso da lingua galega nos centros educativos en novos espazos e soportes.
2. Favorecer a innovación educativa para promover xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas.
3. Promover unha relación positiva dos rapaces coa lingua propia de Galicia, ao relacionala co audiovisual e coas TIC.
4. Abrir unha nova oportunidade para que as nenas e nenos se acheguen á lectura en galego.
5. Fomentar a creatividade en lingua galega.
6. Difundir as posibilidades de ocio en galego que ofrece a CRTVG.