Os menos e nenas de infantil traballaron ao longo do segundo trimestre diferentes épocas históricas: a Prehistoria en 3 anos, os celtas en 4 anos e os romanos en 5 anos e fixemos un mural entre todos.
jueves, 27 de junio de 2019
INTERVENCIÓNS ASISTIDAS CON ANIMAIS
A Educación Infantil viñéronnos a visitar dous cadeliños (Nuba e Balú) de Cadelar, que se encargan de facer Intervencións Asistidas con Animais. Con Nuba ensináronnos como se deben coidar ás nosas mascotas e puidemos levar a cabo un pequeno circuíto de agility con Balú. Pasámolo xenial aprendendo sobre os nosos amigos!
Etiquetas:
Cadelar,
Intervencións Asistidas con Animais
RTVENXEBRE EN MADRID
Para pechar tempada, RTVEnxebre puxo o ramo do mellor xeito: visitando Madrid para facer unha reportaxe co alumnado de 5º de Primaria como protagonista.
En primeiro lugar a redacción de 5º visitou as instalacións da Fundación La Caixa e entrevistou a Javier Verdasco, xestor territorial da Obra Social La Caixa en Madrid. Con esta entrevista puideron coñecer os diferentes proxectos sociais desenvoltos e o seu impacto. En segundo lugar, o alumnado coñeceu o traballo dunha redacción amiga, a Cadena SER e da emisora musical Los 40 principales. Dende os estudos da emisora nacional, o alumnado entrevistou ao subdirector de “La Ventana”, Roberto Sánchez, nunha entrevista moi especial. Ademais, coincidindo cunha emisión local, Marta González Novo entrevistou á directora do CPI Virxe da Cela, Camino Pereiro, ao cofundador do Laboratorio de Radio, Sergio Pascual, e a catro alumnos/as: Iria, Bruno P., Marcos e Diego. Pola tarde, o alumnado asistiu a unha parte do programa “La Ventana” no que o propio Sánchez entrevistou a Lucía e Bruno Caínzos, ademais de Beatriz Varela, promotora do proxecto dende Ayuda en Acción, e Lucía Abarrategui, de Laboratorio de Radio.
Unha nova aventura para coñecer un novo medio pero sobre todo para valorar o noso, para valorar o rural e todas as oportunidades que nos ofrece. Xa sabedes...suscribídevos ao rural e á nosa canle de Youtube!
A VIAXE AUDIOVISUAL DE RTVENXEBRE
Dende hai catro cursos, Laboratorio de Radio e CPI Virxe da Cela xuntaron esforzos para achegar os beneficios pedagóxicos da radio ao alumnado e o certo é que os resultados están sendo marabillosos. Isto é posible grazas a Ayuda en Acción e Fundación Repsol. Este curso, a radio permitiu ao alumnado seguir coñecendo a súa contorna (o entroido da zona, ou a vida dunha veciña, por exemplo) pero ademais, supuxo unha conexión con outras realidades. Lembremos un programa en directo dende o CHUAC de A Coruña para falar da doazón de órganos ou un programa interescolar co CEIP Baraouta para celebra o Día Mundial da Radio.
Ás potencialidades deste medio, sumouse outro: a creación dunha canle de televisión con emisión mundial en Youtube.
Co apoio de Ayuda en Acción e Fundación la Caixa, naceu Radio Televisión Enxebre para que o alumnado sexa quen de producir, preprarar pezas audiovisuais que se suman ás radiofónicas. Isto reafirma, novamente, o compromiso do colexio coa innovación e o desenvolvemento das capacidades comunicativas e cívicas do alumnado.
Esta RTVEnxebre ten traballado con tódolos cursos de Primaria. O percorrido televisivo fixo que en 1º e 2º de Primaria realizaran contos sobre a igualdade ou describiran cadros de mulleres artistas. En 3º realizaron unha peza sobre as Letras Galegas pero só de autores e autoras vivas, dando as súas recomedacións para celebrar o grande día da nosa literatura.
En canto a 4º de Primaria puideron entrevistar a Jacinto Mathe, un mozambicano que compartiu co alumnado a súa historia de loita e superación, sendo un fermoso exemplo para todas nós. Ademais, este curso coñeceu en persoa ‘La Radio de los Gatos’, a radio feita por persoas con parálise cerebral do centro ASPACE en Sada coas que realizaron unha serie de entrevistas.
Outra das liñas que se traballaron foi a posta en valor do rural e da contorna. O grupo de 5º de Primaria entrevistou a Ana González, responsable de Casa Lourán e á mestra Mercedes Cachaza. Para rematar, o grupo de 6º de Primaria entrevistou ao antigo conserxe do cole, Álvaro e á cociñeira Pura, ademais de visitar as Granxas de Lousada.
Con todos estes contidos, o obxectivo principal deste proxecto é poñer en valor o rural para dar conta de todo o que se fai nel, as oportunidades que a xuventude poder atopar a través de entrevistas a persoas de referencia á axentes da contorna social, educativa ou económica de Monfero e, como defende RTVEnxebre, “suscribirse ó rural”.
martes, 25 de junio de 2019
O QUE NON SE NOMEA NON EXISTE
O alumnado de 2º de EP continuamos co proxecto iniciado o curso pasado co que se pretendía dar visibilidade ás mulleres. Así, seguimos a traballar coas publicacións da Editorial Urco “Mulleres bravas da nosa historia” na que a modo de conto foron coñecendo a biografía de diferentes mulleres como Xulia Minguillán ou Pepa a Loba. Ademais coñeceron a vida de Ángeles Alvariño, Gloria Fuertes, Marie Curie ou Natividad Yarza. Ao longo de todo o curso traballamos dun xeito transversal, buscando sempre exemplos de mulleres para poñer nos diferentes contidos que fomos traballando en todas as áreas. Na área de Ciencias sociais ao traballar os contidos relacionados co Concello e o exercicio da cidadanía, coñecimos a Natividad Yarza, a primeira alcaldesa elixida democraticamente que ademais loitou na Guerra Civil con 63 anos. En Ciencias naturais coñecimos a Marie Curie e Ángeles Alvariño, a primeira muller que traballou nun buque oceanográfico. Na área de Lingua e literatura castelá traballamos con poemas de Gloria Fuertes e aprendemos algo sobre a súa vida, como a súa implicación na igualdade entre homes e mulleres. A partir da Editorial Urco, coñecemos á pintora Xulia Minguillán e á bandoleira Pepa a Loba.
PROXECTO NATURALISTAS
O “Proxecto Naturalista” xurde da fusión dos proxectos “Eu fago de…” e “Ha medrar…” dado o gran interese do alumnado polos temas de animais na área de ciencias. Neste novo proxecto se recolleron a meirande parte dos obxectivos dos anteriores e ademáis incorporamos os de afondamento nas especies animais existentes nos espazos naturais que nos rodean. Aproveitando a contorna do centro así como a proximidade das Fragas do Eume, o alumnado de educación primaria ampliou o coñecemento de especies vexetais e animais da contorna. Levouse a cabo no 2º e 3º trimestre, e destacamos:
• Saída pola contorna para escoitar o canto das aves que rodean o espazo do centro educativo e para recoller mostras para a elaboración dun caderno de campo; visita ao centro de interpretación e ao espazo natural de As Fragas do Eume. Saídas complementarias ao Museo de Historia Natural SGHN de Ferrol.
• Elaboración dun traballo artístico e informativo sobre as especies traballadas,
Coñecemento da denominación galega e científica dos nomes así como denominación local e variedade lingüística dos nomes das especies, Consulta de guías e páxinas web en galego relativas ao medio natural. Coñecemento de asociacións naturalistas da nosa contorna.
PROXECTO TRASANTONTE
O Proxecto Trasantonte está relacionado co paso do tempo e asociado á actividade de investigación sobre o Pergameo Vindel desenvolvida o pasado curso. Este proxecto está incluído na programación de area de Música, traballando nos diferentes niveis educativos.
Nos niveis de Educación Infantil a observación das exposicións realizadas polo alumnado de primaria e o achegamento ao recanto de medios audiovisuais serán utilizadas para o achegamento ao pasado e ao vocabulario propio, supoñendo un elemento de aprendizaxe comparativa co seu presente. Nos niveis de 1º e 2º de educación primaria ampliarán o seu coñecemento sobre os diferentes soportes de audio e vídeo así como o seu manexo, destacando as diferencias cos que eles manexan na actualidade nas súas contornas. Tamén realizamos a construción de instrumentos con materiais cotiáns e a utilización dos mesmos como obxectos sonoros nas sesións de Música. No nivel de 3º e 4º de educación primaria, en estreita colaboración coas titorías, relacionamos as propostas educativas coas tradicións nas diferentes épocas do ano e intimamente relacionadas cos contidos de ciencias relativos ás estacións do ano. No nivel de 5º de educación primaria, en coordinación coa titora, afondamos nas orixes de cancións tradicionais e nas motivacións que levaron á súa creación e espallamento, así como do seu simbolismo na actualidade. No nivel de 6º de educación primaria centramos a atención nos medios técnicos utilizados en cada época histórica, relacionando as propostas educativas da área de Música coas propostas educativas da área de Ciencias Sociais, achegándonos ás formas de vida diferentes nas familias segundo a época vivida.
lunes, 17 de junio de 2019
CONTÁDENOS O VOSO DÍA DAS LETRAS
Xa remata o curso pero aínda estades a tempo de participar nas propostas que nos ofrecen algúns organismos e institucións: Contádenos o voso Día das Letras é un certame convocado pola RAG que premia iniciativas de infantil e primaria relacionadas con Antonio Fraguas e o Día das Letras Galegas 2019. A data límite para presentar actividades é o 22 de xuño. Tedes as bases en: http://primaveradasletras.gal/certame-contadenos-o-voso-dias-das-letras/.
viernes, 14 de junio de 2019
COMO GOZAMOS EN EUMENATURA!!!
O mércores 12 de Xuño o alumnado de EP e ESO foron a unha
excursión a Eumenatura onde fixeron
múltiples actividades de aventura: ruta de sendeirismo, xogos tradicionais, circuitos
e obstáculos, castelos inflables e un super tobogán acuático.
Grazas polo trato, esperamos volver pronto.
viernes, 7 de junio de 2019
OS NENOS E NENAS DE VITRUVIO
O famoso debuxo de Leonardo da Vinci titulado "O home de Vitruvio" serviu como punto de partida para este interesante traballo realizado polo alumnado de 3º de educación primaria. Tras o visionado dun vídeo e despois de facer as medicións dos corpos do propio alumnado utilizando as palmas da man para buscar proporcións, expuxeron en lingua galega todo o proceso da investigación.
GALIFAUNA
Baixo este título tan chamativo os nenos e nenas de 3º de educación primaria fixeron este interesante proxecto sobre a fauna en galego, que tiña como obxectivo conservar os nomes dos animais na lingua galega, así como valorar a diversidade animal da contorna. A actividade consistiu en varias partes. Na primeira delas o alumnado buscou información en guías sobre diferentes animais que teñen presenza en Galicia. A continuación, fíxose a súa clasificación en función do tipo de vertebrados ou invertebrados que eran. Por último, debuxouse aos animais elexidos e pintáronse . Aquí tedes o resultado:
Suscribirse a:
Entradas (Atom)