lunes, 31 de diciembre de 2012

ACOLLENDO EN GALEGO

Queremos compartir este vídeo "Acollendo en Galego", visionado nas xornadas formativas celebradas en Santiago de Compostelas os días 16 e 17 de novembro de 2011.  Queremos dar as grazas a Luz Meri e Jacqueline, dúas ex-alumnas do CPI Virxe da Cela, que aparecen neste vídeo a través dun fagmento do documental "Os Dereitos Humanos", realizado no ano 2011, cando cursaban 4º da ESO.



As xornadas formativas Acollendo en Galego. Integración Lingüística e Cultural do Alumnado de Procedencia Estranxeira, organizadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), responden ás funcións que ten atribuídas o primeiro destes organismos en canto á coordinación, á formación e á difusión do labor dos equipos de dinamización da lingua galega. O tema escollido, a atención ao alumnado inmigrante, foi suxerido polos membros dos equipos de dinamización que asistiron a edicións anteriores de sesións formativas semellantes. Con el dáselle resposta á preocupación dos docentes por axudar o alumnado estranxeiro a valorar a lingua galega, a aprendela e a progresar nas materias impartidas neste idioma. O programa das xornadas inclúe relatorios de grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e comunicacións con experiencias prácticas realizadas en distintos centros educativos que acollen numeroso alumnado inmigrante. Pode consultarse completo na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística

jueves, 20 de diciembre de 2012

PROXECTO RÍOS



O pasado 1 de decembro de 2012 a coordinadora do Proxecto Ríos no CPI Virxe da Cela e varias profesoras participantes no mesmo, asistimos ás xornadas de formación do Plan Proxecta, que tiveron lugar na Universidade Laboral (Culleredo). Tivemos a oportunidade de coñecer máis de cerca os obxectivos e a metodoloxía que emprega o Proxecto Ríos, así como das actividades que, ao longo de todo o ano, realizaremos co resto dos grupos participantes. 



 Adxuntamos os resultados da segunda fase do Proxecto, realizado polo alumnado de 4º da ESO na materia de Bioloxía. 







sábado, 8 de diciembre de 2012

RECURSOS PARA TRABALLAR O NADAL NAS AULAS

A Coordinadora Galega de EDLG vén de poñer á disposición da comunidade educativa unha páxina web dedicada ao Nadal. Neste monográfico especial podedes atopar  cancións, debuxos,  contos, propostas para agasallar en galego e unha morea de recursos máis.
Así mesmo, contén modelos de cartas para enviar aos Reis Magos e ao Apalpador.  
 Se picades no debuxo que tedes abaixo podedes entrar na páxina.

jueves, 22 de noviembre de 2012

A ESCOLA DOS MEUS AVÓS


O concurso “A escola dos meus avós” está integrado no Proxecto “Historia da escola en Galicia” de educaBarrié e busca a reflexión sobre a evolución da escola a través da realización dunha entrevista a un familiar ou coñecido, que na actualidade teña 65 anos ou máis, sobre a súa vida escolar (non universitaria) en formato multimedia ou de reportaxe xornalística. Tanto o documento da reportaxe xornalística como o link do vídeo, no seu caso,enviaranse anexos ao formulario do concurso.

A entrevista debe incidir en aspectos como as características do centro, as disciplinas, a metodoloxía de ensino, os docentes e a experiencia vital do entrevistado na escola. O entrevistado pode ser tanto un alumno como un docente daqueles anos, achegando este información verbo da súa experiencia como mestre e profesor. 

Os traballos presentaranse en equipos de cinco membros como máximo e de dous como mínimo. Un mesmo centro pode presentar todos os equipos que desexe de cada clase. En todos os casos, un ou unha docente farase responsable da coordinación do traballo e figurará como coordinador do proxecto, agás no dos alumnos universitarios. 

A convocatoria declárase aberta a partir do día 2 de novembro do 2012, DÍA DO ENSINO, e cérrase o 1 de abril do 2013 coincidindo co DÍA MUNDIAL DA EDUCACIÓN. A convocatoria diríxese a todos os centros de Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos formativos de Galicia, así como a estudantes universitarios, especialmente os de Ciencias da Educación e estudantes do máster de Formación do Profesorado, que o poden utilizar como proxecto do máster. 






lunes, 19 de noviembre de 2012

KAFKA E A BONECA VIAXEIRA



Este é o título do espectáculo teatral ao que asistiron os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria do CPI Virxe da Cela, que tivo lugar o pasado luns 12 de novembro no Auditorio de Narón. Esta obra teatral está incluída na Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil, e xa nesta mostra o alumnado da ESO tivo a oportunidade de ver a pasada semana a obra "Memorias dun neno labrego".



Este texto baséase nunha historia real acontecida a Franz Kafka un ano antes da súa morte. Paseando por un parque de Berlín, o autor atopou unha nena que choraba desconsolada porque perdera a súa boneca. Para calmar a pequena, Kafka contoulle que a boneca marchara de viaxe, e el, convertido en carteiro, tiña unha carta que lle levaría ao día seguinte ao parque. Durante tres semanas, o escritor checo estivo escribindo e levando cartas á mociña, narrando as peripecias da extraordinaria boneca deste todos os rincóns do mundo.

Para a versión galega, Sandra Romarís,  Emilio Cao e Xocas López adaptaron o texto orixinal  de Jordi Sierra i Fabra, Premio Nacional de Literatura no 2007, teatralizado por Guillem J. Graells. Baixo a dirección de Cristina Domínguez e Fernando Bernués, o espectáculo conta cun elenco de caras moi coñecidas no teatro galego. Xosé Manuel Olveira Pico, que na montaxe interpreta a Kafka, é un dos rostros máis recoñecibles da profesión, con vinte montaxes do Centro Dramático Galego (CDG), innumerables obras de teatro e a participación en series televisivas do éxito de Mareas vivas ou o Padre Casares. Rocío González, que exerce de Elsie na obra, traballou para o Centro Dramático Galego e outras compañías galegas. Pola súa banda, Lucía Regueiro, que interpreta a Dora, traballou con Teatro do Atlántico e na serie televisiva Libro de Familia, da TVG.


martes, 13 de noviembre de 2012

ELECCIÓNS PARA O CONSELLO ESCOLAR DO CENTRO


"Xa que temos o dereito de elixir, temos tamén o deber de participar". Este é o lema que lanza o alumnado de 4º da ESO para animarr ao alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO a efectuar as súas candidaturas para o Consello Escolar do Centro, conscientes de que a voz dos rapaces e rapazas ten que deixarse oir...



CAMPAÑA DE RECADACIÓN VIAXE DE FIN DE CURSO


O alumnado de 3º e 4º da ESO xa está mans a obra a preparar unha viaxe de fin de estudios. Non lles falta ilusión, nin ideas, e a partires de agora lanzarán todos os seus produtos a través da rede... A través do blogue  Xesteira informarán a toda a comunidade educativa das actividades que están a desenvolver para recadar cartos e así poder cubrir parte dos gastos da viaxe. Esperamos a vosa colaboración... e ide abrindo a carteira para compar a lotería, as plantas de nadal, as caixas de doces e todo o que nos ofrezan...


LIPDUB EU FALAREI


Recomendamos a todo o mundo visionar o LIPDUB EU FALAREI, para comprobar como o traballo en equipo pode dar uns resultados espectaculares. Ogallá exemplos como este poideran ser realizados en outros moitos centros escolares, non só porque son un vehículo para potenciar a nosa lingua, senón tamén porque fomentan a creatividade e convértense en auténticas pezas de arte audiovisual. 

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Chapela (Redondela) quere compartir con todos unha experiencia única que viviron a finais do curso pasado: a gravación do LIPDUB EU FALAREI. Neste traballo participou alumnado de todos os niveis (ESO, Bacharelato, FP oferta ordinaria e modular da quenda de nocturno), profesorado de todos os departamentos e persoal non docente. O proxecto transcendeu os obxectivos iniciais (concienciar ao alumnado da presenza decrecente do galego en moitos ámbitos e responsabilizalo da súa perdurabilidade) e serviu a toda a comunidade educativa para coñecerse mellor e vivir unha experiencia común que será, sen dúbida, marcaxeracional para o alumnado.

Esta actividade tivo un sorprendente éxito na rede (está aloxado en youtube) acadando a día de hoxe máis de 26000 visitas desde 73 paises diferentes.




domingo, 11 de noviembre de 2012

REPORTEIROS NA REDE


A Obra Social de Ibercaja, a través da liña INICIATIVA EDUCA, convoca o Concurso "Reporteiros na Rede 2012/2013" para fomentar o interese dos estudantes pola ciencia e a tecnoloxía. O alumnado participante debe realizar artigos de divulgación científica sobre un tema de actualidade, utilizando exclusivamente a información dispoñible en internet. Poderán participar profesorado e alumnado de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos con idade límite de 20 anos.
A fase de inscrición é do 1 de outubro de 2012 ao 25 de xaneiro de 2013 cumprimentando o formulario que aparece na web http://www.ibercajalav.net/
O prazo de entrega dos artigos finalizará o 1 de marzo de 2013. O artigo enviarase como arquivo adxunto, co nome de código de participación asignado na inscrición, á dirección de correo labvirtual@ibercajalav.net.
Premios:
  • Bacharelato e Ciclos Formativos:
    • 1º premio con valor de 700 €
    • 2º premio con valor de 500 €
  • ESO:
    • 1º premio con valor de 700 €
    • 2º premio con valor de 500 €
Os profesores coordinadores dos traballos premiados recibirán unha gratificación en efectivo en recoñecemento ao seu interese e gratificación.







jueves, 8 de noviembre de 2012

CONCURSO DE DESENO DE CUBERTAS DE LIBROS

O Departamento de Debuxo en colaboración coa Biblioteca Escolar organizan un concurso de deseño de cubertas de libros. Con esta iniciativa pretenden fomentar a lectura e así mesmo potenciar as capacidades creativas do alumnado. O Equipo de Fomento do Uso do Galego apoia esta proposta ofrecendo un premio á mellor cuberta dun libro escrito en lingua galega. Moito ánimo e a deixar voar a imaxinación...

MEMORIAS DUN NENO LABREGO


Este é o título da emotiva novela de Neira Vilas que o alumnado da ESO do CPI Virxe da Cela tiveron a ocasión de descubrir, na súa versión teatral, a través de interpretación do actor Cándido Pazó. Un espectáculo moi visual, xa que ademáis do talento de Pazó para narrar historias, elementos de videocreación axudaron a potenciar a escenografía. Esta actividade realizouse no Auditorio de Narón na mañá de mércores 7 de novembro de 2013. Animamos a todo o alumnado da ESO a aproveitar esta experiencia para aplicar toda a creatividade e imaxinación no concurso de "Deseno de Cubertas de Libros", organizado polo Departamento de Debuxo e a Biblioteca Escolar. Lembrade que o EDLG otorgará un premio ao mellor traballo en lingua galega.










OUTONO DE CIENCIA


A SXPL (Secretaría Xeral de Política Lingüística) vén de crear un novo espazo denominado "Outono de Ciencia". Novembro non é só un mes de tradicións (a mata, os magostos, o Samáin) senón tamén, dende hai una década, o mes de ciencia e, dende hai tres anos, o mes de ciencia e da tecnoloxía en galego.

O pasado martes 6 de novembro o alumnado de 3º e 4º da ESO tiveron a oportunidade de descubrir novos avances da ciencia a través dunha videoconferencia. Neste ocasión déronse cita no paraninfo do IES Otero Pedrayo de Ourense cinco investigadores galegos, presentando conxuntamente e on-line a conferencia co título "Facendo física de partículas polo mundo".


Contido da conferencia: Os experimentos do LHC no CERN levan máis de dous anos de toma de datos. Neste período producíronse resultados científicos de grande interese. A descuberta dunha resonancia que podería ser o bosón de Higgs, que foi noticia de primeira páxina en todos os informtivos do mundo, a pescuda de partículas supersimétricas, os resultados na busca do plasma de quarks e gluons, o estado da materia do universo primitivo, son só algúns dos fitos acadados. Neste proxecto internacional traballan físicos galegos que colaboran con colegas de todo o mundo nun contexto multilingüe. Moitos deles utilizan o noso idioma para realizar parte do seu traballo, tanto no contexto informal de discusións entre eles, como para a realización de traballos científicos (teses e teses de mestrado) así como na docencia e a divulgación científica. Nesta actividade reuniremos nunha videoconferencia a varios investigadores espallados polo mundo que participan nos experimentos do LHC e que nos contarán a súa experiencia científica e lingüística e as vantaxes que lles supuxo saber falar galego.

Relatores: Patricia Conde. Investigadora no LIP de Lisboa. Física do experimento ATLAS do CERN. Olalla Castro. Profesora no City University en Londres. Investiga en Teoría Cuántica de Campos. Abraham Gallas. Investigador no CERN e na USC. Físico do experimento LHCb do CERN. Carlos Salgado. Investigador no CERN e na USC. Investiga o estado da materia nos primeiros instantes do Universo.. Cibrán Santamarina. Profesor da USC. Traballa no experimento LHC do CERN.  


 


martes, 6 de noviembre de 2012

MAGOSTO NO MOSTEIRO DE MONFERO



Pensemos nun lugar de gran beleza, onde a natureza e o home están en total  sintonía, pois seguramente alí poderiamos atopar un mosteiro . Iso é o que acontece en Monfero, que conta cunha das xoias patrimoniais da nosa Comunidade: o “Mosteiro de Monfero”. Coñecelo e o primeiro paso para valóralo, ao tempo que valoramos a nosa  identidade cultural. Este é o principal obxectivo da primeira saída do novo curso escolar. O pasado luns 5 de novembro o alumnado de 2º e 3º ciclo de educación primaria gozaron del e da súa fermosa e triste historia (dado que na actualidade ten perdido moito do seu esplendor) grazas a visita guiada organizada en colaboración co Concello (o cal agradecemos a súa colaboración).

Con ela puidemos trasladarnos 500 anos atrás e imaxinarnos unha vida sen comodidades, de moito traballo e esforzo colectivo. Igualmente comprendemos que a nosa paisaxe non é algo inalterable, que cambia co transcorrer dos anos influenciada polos usos e costumes dos homes e mulleres que nela conviven e que resulta imprescindible tomar conciencia do uso que dela facemos.
 
O pasado luns 5 de novembro o alumnado de 2º e 3º ciclo de educación primaria do CPI Virxe da Cela celebraron o Magosto nun escenario inmellorable: o Mosteiro de Monfero. Aproveitaron esta ocasión para salir das aulas e recibir unha importante lección de apreciación e valoración do noso patrimonio cultural: a recuperación da tradición desta festa das castañas e a visita guiada ao mosteiro, unha xoia da arquitectura.

Completaron esta xornada con actividades lúdicas: xogos populares que se desenvolveron no patio escolar e no pavillón polideportivo.