Un curso máis, Radio Xesteira, a radio do
CPI Virxe da Cela de Monfero continúa nas ondas grazas a todo o
traballo realizado polo alumnado e profesorado, o Laboratorio de
Radio e a colaboración de Ayuda en Acción, Fundación Repsol e
Fundación La Caixa. Neste
curso 21-22, os cursos de primeiro a sexto de educación primaria
prepararon cadanseu programiña sonoro... queredes saber de que
tratan? Pois
contámosvos!
As
nenas e nenos de primeiro estiveron traballando en pequenos equipos
nos que, sacando toda a súa creatividade e imaxinación, prepararon
historias sonoras cos elementos imprescindibles para poder facer
radio: A voz, o silencio, a música e os efectos de son. Nalgunhas
sesións estiveron argallando sons con diferentes instrumentos feitos
de elementos naturais e materiais de refugallo, que logo serviron
para sonorizar as súas historias, porque xa sabedes, en radio
necesitamos efectos de son para saber o que estamos a representar.
Así
fixeron as nenas e nenos de segundo, que tamén utilizaron os efectos
de son para dar vida a varios guións que prepararon sobre... A
contaminación nas fragas do Eume, a natureza nos libros da
biblioteca, historias como: “Os leóns popoteiros”, “Os paxaros
revíranse á escopeta”, “Os cabalos, o martelo e o mosquito”,
entre outras moitas!
Xa
en terceiro, e seguindo a temática da natureza e o medioambiente, o
alumnado entrevistou a Cristina Pérez, de Requeixo Restrebas,
coñecendo como se elaboran produtos que saen da nosa contorna
próxima. Tamén prepararon outra entrevista a Carlos Franco, técnico
medioambiental do Parque Nacional das Fragas do Eume. Este grupo é
todo un experto ambiental!
Os
grupos de cuarto, quinto e sexto estiveron traballando nun programa
sonoro, un xogo de escape, no que cada clase realizaría un
itinerario: cuarto de primaria: Itinerario medioambiental; quinto de
primaria: a saúde alimentaria e sexto de primaria: arte no rural.
Así,
cuarto preparou unha entrevista a Cristina Basteiro, responsable da
Aula da Natureza de Chelo, no río Mandeo, en Coirós; e logo, nunha
visita convidadas/os por Cristina, puideron recoller sons do río e
da contorna. Así, tras contactar cos Axentes medioambientais da
zona, puideron prepararlles unhas canta preguntas e coa gravadora en
man, realizalas á carón do río. Os axentes falaron do seu traballo
e da importancia de coidar o medioambiente, e ata trouxeron a
Carroceta coa que apagan os incendios forestais, o coche co que
traballan e os artiluxios de rescate de animais en perigo.
O
grupo de quinto continuou co seu programa sobre a Oca do Camiño de
Santiago, un verdadeiro reto que comezaron o curso anterior, no que
atendendo ao valor patrimonial e cultural do Camiño, trasladaron á
radio un Xogo da Oca do Camiño, co cal aprenderon os contidos de
xeito interdisciplinar e global. Logo deste gran traballo, tamén
prepararon unha entrevista e posterior visita a Joaquín Barral,
responsable de produción vexetal de Orballo, en Paderne, empresa que
se adica á elaboración de tés con cultivos propio, naturais, e de
proximidade. Así, tamén teñen moi en conta o “residuo cero”
polo tanto o empaquetado dos produtos leva materiais biodegradables.
Aprendemos moito!
O
grupo de sexto, co itinerario sobre “arte no rural” estivo
traballando en pequenos equipos as obras de arte no rural vendo
autoras/es como Davila ou Joseba MB así como Irene Sanjuán ou Diego
AS. Logo da preparación e elaboración do guión, Irene Sanjuán,
ilustradora e pintora coruñesa veu ata o cole a falarnos de todo o
seu traballo e dar consellos! Así, logo dunha análise e propostas
de mellora, continuamos a actividade coa posta en práctica da
improvisación, a través de pequenos audios aos cales o alumnado
debía responder logo de escoitalos, achegando as súas opinións e
consideracións ao respecto, dentro da educación en valores.
E
polo medio do curso, o alumnado de sexto entrevistou ao Presidente da
Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, quen visitou o cole e
trouxo consigo unha carta que o alumnado lle enviara ó inicio do curso.
Unha experiencia máis na que enfrontarse aos micros e desenvolver a
importancia do traballo en equipo.
Xa
de volta na temática, continuaron coa preparación da entrevista a
Diego AS, grafiteiro lucense e gañador de múltiples premios. Un dos
seus últimos: Xulio César, á carón da muralla de Lugo. O alumnado
preguntou sobre os seus comezos no mundo da arte do graffiti e tamén
sobre as súas preferencias en canto á pintura e espazos a utilizar.
Todas
as actividades e propostas non terían sentido sen a importancia da
ESCOITA ACTIVA e do TRABALLO EN EQUIPO, porque en radio, como na
vida, as relacións sociais son imprescindibles.