Un curso máis, Radio Xesteira, a radio do CPI Virxe da Cela de Monfero continúa nas ondas grazas a todo o traballo realizado polo alumnado e profesorado, o Laboratorio de Radio e a colaboración de Ayuda en Acción, Fundación Repsol e Fundación La Caixa. Neste curso 21-22, os cursos de primeiro a sexto de educación primaria prepararon cadanseu programiña sonoro... queredes saber de que tratan? Pois contámosvos!
As nenas e nenos de primeiro estiveron traballando en pequenos equipos nos que, sacando toda a súa creatividade e imaxinación, prepararon historias sonoras cos elementos imprescindibles para poder facer radio: A voz, o silencio, a música e os efectos de son. Nalgunhas sesións estiveron argallando sons con diferentes instrumentos feitos de elementos naturais e materiais de refugallo, que logo serviron para sonorizar as súas historias, porque xa sabedes, en radio necesitamos efectos de son para saber o que estamos a representar.
Así fixeron as nenas e nenos de segundo, que tamén utilizaron os efectos de son para dar vida a varios guións que prepararon sobre... A contaminación nas fragas do Eume, a natureza nos libros da biblioteca, historias como: “Os leóns popoteiros”, “Os paxaros revíranse á escopeta”, “Os cabalos, o martelo e o mosquito”, entre outras moitas!
Xa en terceiro, e seguindo a temática da natureza e o medioambiente, o alumnado entrevistou a Cristina Pérez, de Requeixo Restrebas, coñecendo como se elaboran produtos que saen da nosa contorna próxima. Tamén prepararon outra entrevista a Carlos Franco, técnico medioambiental do Parque Nacional das Fragas do Eume. Este grupo é todo un experto ambiental!
Os grupos de cuarto, quinto e sexto estiveron traballando nun programa sonoro, un xogo de escape, no que cada clase realizaría un itinerario: cuarto de primaria: Itinerario medioambiental; quinto de primaria: a saúde alimentaria e sexto de primaria: arte no rural.
Así, cuarto preparou unha entrevista a Cristina Basteiro, responsable da Aula da Natureza de Chelo, no río Mandeo, en Coirós; e logo, nunha visita convidadas/os por Cristina, puideron recoller sons do río e da contorna. Así, tras contactar cos Axentes medioambientais da zona, puideron prepararlles unhas canta preguntas e coa gravadora en man, realizalas á carón do río. Os axentes falaron do seu traballo e da importancia de coidar o medioambiente, e ata trouxeron a Carroceta coa que apagan os incendios forestais, o coche co que traballan e os artiluxios de rescate de animais en perigo.
O grupo de quinto continuou co seu programa sobre a Oca do Camiño de Santiago, un verdadeiro reto que comezaron o curso anterior, no que atendendo ao valor patrimonial e cultural do Camiño, trasladaron á radio un Xogo da Oca do Camiño, co cal aprenderon os contidos de xeito interdisciplinar e global. Logo deste gran traballo, tamén prepararon unha entrevista e posterior visita a Joaquín Barral, responsable de produción vexetal de Orballo, en Paderne, empresa que se adica á elaboración de tés con cultivos propio, naturais, e de proximidade. Así, tamén teñen moi en conta o “residuo cero” polo tanto o empaquetado dos produtos leva materiais biodegradables. Aprendemos moito!
O grupo de sexto, co itinerario sobre “arte no rural” estivo traballando en pequenos equipos as obras de arte no rural vendo autoras/es como Davila ou Joseba MB así como Irene Sanjuán ou Diego AS. Logo da preparación e elaboración do guión, Irene Sanjuán, ilustradora e pintora coruñesa veu ata o cole a falarnos de todo o seu traballo e dar consellos! Así, logo dunha análise e propostas de mellora, continuamos a actividade coa posta en práctica da improvisación, a través de pequenos audios aos cales o alumnado debía responder logo de escoitalos, achegando as súas opinións e consideracións ao respecto, dentro da educación en valores.
E polo medio do curso, o alumnado de sexto entrevistou ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, quen visitou o cole e trouxo consigo unha carta que o alumnado lle enviara ó inicio do curso. Unha experiencia máis na que enfrontarse aos micros e desenvolver a importancia do traballo en equipo.
Xa de volta na temática, continuaron coa preparación da entrevista a Diego AS, grafiteiro lucense e gañador de múltiples premios. Un dos seus últimos: Xulio César, á carón da muralla de Lugo. O alumnado preguntou sobre os seus comezos no mundo da arte do graffiti e tamén sobre as súas preferencias en canto á pintura e espazos a utilizar.
Todas as actividades e propostas non terían sentido sen a importancia da ESCOITA ACTIVA e do TRABALLO EN EQUIPO, porque en radio, como na vida, as relacións sociais son imprescindibles.
No hay comentarios:
Publicar un comentario