domingo, 26 de enero de 2020

ERRANTES POLO MUNDO

   

      A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web. 

       Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra, ideadas a partir do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, creado nesta ocasión polo escritor Daniel Asorey.

     O lema da proposta, Errantes polo mundo, pode desenvolverse a través de actividades que permitan ao alumnado observar e reflexionar sobre a vixencia do amplo abano de inxustizas sociais, incluída a situación da lingua galega, presentes na obra de Rosalía de Castro. Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra, propoñemos para o venres 21 de febreiro a realización das seguintes actividades: 

  •  Suxerimos que o alumnado traballe fotos, debuxos, fotos pintadas, editadas, gravados... que tratasen o tema das migracións actuais, baixo o lema #ErrantesPoloMundo_rdc_20. As fotos, debuxos, gravados, etc., terán como pé versos de Rosalía que traten as migracións en todos os seus aspectos (a soidade de quen fica, a morriña de quen vai, a dor, o medo, o desamparo, a xenofobia, a explotación, os conflitos...). 
  • Trataríase de textos que o alumnado e profesorado estimen interesantes (por exemplo, os poemas “Airiños airiños, aires”, “Adios rios, adios fontes”, “Castellanos de Castilla”, “Vivir para ver”, “Tecín soia a miña tea”, “Pra a Habana!”, “¿Que lle digo?”, “Tan sóio”, “Daquelas que cantan”, “Amores cativos” ou “A xustiza pola man”). Tamén se podería ampliar a elección das fotografías, deseños e versos a aqueles teñan en conta a idea de errante na elección da identidade sexual, afectiva e de xénero, a partir, igualmente, dos versos de Rosalía que o alumnado considere acaídos. 
  • Todas as fotos, deseños, gravados... cos seus versos como pé, poderían encher os corredores dos centros e divulgarse en redes sociais como Instagram, Facebook, Twitter..., tamén baixo o lema #ErrantesPoloMundo_rdc_20 
  • Como remate poderíase realizar unha actividade de Postcrossing (enviar esas postais cun verso de Rosalía no pé sobre o tema #ErrantesPoloMundo_rdc_20 a outras persoas). As postais pódense enviar individualmente, entre clases ou entre centros, ben por correo postal ou empregando as redes sociais como Whatsapp, Telegram... Despois pódense compartir as recibidas, ben fisicamente, ben nas redes sociais. 
     En relación a esta proposta de actividades, recomendamos encarecidamente que se usen imaxes con dereitos de uso libre en internet (indicando, en todo caso, a fonte desde a que se obteñen). A documentación gráfica xerada por estas actividades será compartida nas correspondentes redes ou medios de difusión do centro educativo, antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #ErrantesPoloMundo_rdc_20. A

     AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. A este mesmo correo podedes comunicarnos a vosa intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2020, para a irmos facendo constar na nosa web: https://www.aelg.gal/actividades/dia-de-rosalia-de-castro/2020/2/23/dia-de-rosalia-de-castro-2020 Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

miércoles, 22 de enero de 2020

A VOZ DO XESTAL

     Este ano decidiuse crear unha revista escolar encadrada nun proxecto da Biblioteca Castelao en colaboración co Equipo de dinamización da lingua galega do CPI Virxe da Cela. Un grupo de alumnos e de alumnas convertéronse en pequenos xornalistas preparados para cubrir as novas do centro. Entre as publicacións atoparanse crónicas de excursións, entrevistas, artigos de opinión ou mesmo traballos dos propios rapaces e rapazas. Este proxecto ten o obxectivo de promover a escritura e a colaboración entre o alumnado facéndoo partícipe dun proxecto global no que por suposto poden participar todas as etapas escolares do colexio. Para coordinarse e poñerse de acordo nalgúns aspectos como a portada da revista ou o propio nome -A voz do Xestal- o alumnado reúnese cunha das coordinadoras do proxecto unha vez ó mes na biblioteca. Laura Ferro. Coordinadora da Revista Escolar.





Debuxo gañador no concurso para deseñar o xornal escolar. 
Autora: Uxía Boado Porto (1º ESO)

PALIMOCO TEATRO

O mércores 22 de xaneiro 2020 tivemos unha actuación da compañía Palimoco Teatro, dirixida ao alumnado de 6º de Educación Infantil e 1º, 2º, 3º e 4º de Educación Primaria (aula de psicomotricidade, 10:30 horas) . Queres que cho conte? é o título do espectáculo que levaron a cabo, unha obra chea de música e humor inspirado en contos populares tradicionais da provincia de Lugo,  que gustou moito tanto ao alumnado como ao profesorado asistente!!






viernes, 17 de enero de 2020

PROXECTOS DE INNOVACIÓN EDUCATIVA EN DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa acaban de publicar a convocatoria pola que se establecen as bases reguladoras para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística en centros docentes de titularidade pública da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para o curso académico 2019/2020. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 14 de febreiro.​



lunes, 13 de enero de 2020

LINGUA RODADA

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) acaba de presentar o programa de vídeo-relato Lingua rodada coa finalidade de fomentar o uso da lingua galega entre o alumnado, poñer en valor a nosa cultura e impulsar o coñecemento do cin ema galego e a creación audiovisual. Está destinado a alumnado da ESO, 1.º de bacharelato, formación profesional básica, ciclos formativos de grao medio e ensinanzas especiais de grao medio. O prazo para inscribirse na proba de selección remata o 3 de febreiro e para enviar os vídeo-relatos, o 4 de marzo. 

ATRÉVETE

Encadrouse dentro do programa Atrévete, visitamos o CIFP Ferrolterra. A visita tivo dúas partes, a primeira consistiu nunha charla na realizada polo Departamento de Orientación do Centro e que contou coa participación dun dos socios da Confederación de Empresarios de Ferrrolterra. Nesta charla explicaron a parte teórica e maila práctica, respectivamente, do que consiste ser un emprendedor/a. Na segunda parte da visita ensinaronos, mestres e alumnos do CIFP, os talleres do centro e realizamos diversas actividades. Pasamos polos talleres de electrónica, carpintería, automoción, soldadura e robótica onde nos explicaron as diversas actividades que realizan os alumn@s no centro. Para finalizar a visita, o alumnado do grao superior de educación infantil realizou diversas actividades didácticas nas que participamos.