Mostrando entradas con la etiqueta patrimonio cultural. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta patrimonio cultural. Mostrar todas las entradas

martes, 10 de junio de 2025

RECOLLIDA DA TRADICIÓN ORAL DA ZONA

Alumnado de 2º e 3º da ESO do CPI Virxe da Cela realizan na materia de música unha recollida da tradición oral da zona. Un proxecto que se leva realizando no noso centro xa en anos anteriores, na que a rapazada vive a experiencia de entrevistar a persoas no seu ámbito familiar ou próximo buscando neses/as informantes material sonoro imprescindible para recuperar o noso patrimonio inmaterial. 

Compartimos a iniciativa dun alumno de 3º da ESO (MGT) que está a divulgar o seu traballo de recollida a través da súa propia canle en youtube, contribuíndo á transmisión da nosa música, a nosa língua e a nosa cultura. Parafraseando a este alumno: "neste primeiro episodio, mergullámonos nas raíces da nosa cultura para descubrir a forza e a beleza da música tradicional galega. Recordaremos cantigas que atravesaron xeracións e que seguen vivas grazas ao pobo galego. Moitas grazas á miña profesora de Música e Educación Dixital que accedeu a que xe fixera esta entrevista. ✨ Aprende sobre os orixes, as historias e os sons que definen unha parte esencial da identidade de Galicia. 💬 Non esquezas comentar cal é a túa peza tradicional favorita! 📌 Suscríbete para non perder os vindeiros episodios!"

 

lunes, 2 de junio de 2025

CONTACONTOS ILUSTRADO: AS CANTAREIRAS E POESÍA POPULAR (LETRAS GALEGAS 2025)

 O día 2 de xuño o alumnado de Ed. Infantil e o 1º, 2º e 3º curso de Ed. Primaria puideron desfrutar dun contacontos ilustrado baseado no libro Cantareiras. A poesía popular nas Letras Galegas 2025. 

Como sabemos, este ano a Real Academia Galega decidiu homenaxear ás cantareiras, mulleres que a través do canto e das pandeiretas foron transmitindo de xeración en xeración a nosa lingua e cultura. 

Para a realización desta actividade contamos con:

- Quique, de Polo Correo do Vento, que foi o encargado de contarnos a historia. 

- Tania Solla, a ilustradora. 

- Patricia Faro, a encargada de cantar e tocar diferentes instrumentos como a pandeireta, botella de anís...

O obradoiro finalizou coa realización dun debuxo guiado dunha cantareira. 

Desta forma o alumnado puido recoñecer o valor da muller na cultura galega. 

Imaxe autoeditada da proposta. 



miércoles, 7 de mayo de 2025

Visita ao Castro de Elviña

 Visitar o Castro de Elviña e aprender sobre a cultura castrexa é unha maneira fantástica de coñecer como vivían os nosos antigos habitantes na Galicia de hai moitos séculos. 

Este castro, situado en A Coruña, é un importante exemplo do patrimonio cultural galego, e ao visitalo podemos descubrir como os castrexos se organizaban, que tipos de vivendas construían, como se alimentaban e que obxectos usaban. 

A través deste coñecemento tamén podemos aprender sobre a etnografía da época, é dicir, as costumbres e as tradicións do pobo castrexo. 

Ademais, este tipo de visitas permítennos valorar mellor as nosas raíces e comprender a importancia de coidar o noso entorno natural, que tamén formaba parte da súa vida. Visitar o Castro de Elviña foi unha maneira divertida e educativa de sentirnos máis conectados co noso pasado e con todo o que forma parte da nosa identidade galega.












viernes, 25 de abril de 2025

SE CANTO É PORQUE QUERO

A Real Academia Galega (RAG) difunde a súa produción da miniserie documental das Letras Galegas 2025 Se canto é porque quero. Xa pode verse en academia.gal e na canle de Youtube institucional. A proposta audiovisual dedicada ás cantareiras e á poesía popular oral destaca a riqueza dun tesouro cultural creado colectivamente polo pobo, especialmente por mulleres como as sete nas que a RAG personifica a celebración do vindeiro 17 de maio, e partindo do pasado reivindica o futuro dunha tradición chea de vida que están a reinterpretar as novas xeracións. 

A RAG irá publicando nas vindeiras semanas máis contidos divulgativos arredor do Día das Letras Galegas na sección da súa web centrada na gran festa da cultura galega (https://academia.gal/letras-galegas/2025/cantareiras). Incorporará tamén novas actividades interactivas á web de Primavera das Letras.

 

Rosa e Adolfina, cantareiras de Cerceda nacidas a comezos do século XX, aprenderon a cantar e bailar da súa familia e participaban en festas comunitarias chamadas foliadas. Nos anos 80, unha nova xeración redescubriu estas tradicións. Un momento clave foi a chegada da musicóloga suíza Dorothé Schubarth en 1978, quen recolleu centos de cantigas e creou o Cancioneiro Popular Galego, unha obra fundamental para conservar este patrimonio. A tradición de recoller cantigas continuou por novas xeracións, que percorrían aldeas gravando e documentando a música popular galega para mantela viva. Vendo este vídeo creo que hoxe en día temos que valorar moito as posibilidades que temos hoxe en día, tanto internet, como saber ler partituras. Borda o milagro que Dorothé Schubarth gardara esta cultura nosa, pois se non fora por ela, teríamos moito menos do que podemos coñecer a día de hoxe. NGP (3º ESO).

Paréceme incrible como se pasaron as cantigas de xeración en xeración, xa que no  vídeo di que a Rosa e Adolfina ensináronllas a súa nai e a súa avoa. Tamén como cada momento  que tiñan libre utilizábano para coller a pandeireta e tocar e bailar tanto en foliadas como en  traballos como a sega.  A xente se tivo que mudar para a cidade, e deron por feito que alí tiñan que deixar de falar e de  cantar en galego, entendo que o fixeran para encaixar mellor nesa sociedade e non sentirse  excluídos, pero non o comparto. Aprendín o importante que é gravar as cantigas para que nun futuro as xeracións seguintes poidan  desfrutar delas tanto coma nós. Grazas a Dorothé que recorreu toda Galicia e fixo ese traballo hoxe  en día temos 200 coplas que lle cantaron Rosa e Adolfina ou outras cantareiras, en papel porque ela  molestouse en transcribilas tanto as coplas como as melodías. Así tamén xurdiu o Cancioneiro  Popular Galego, que esta escrito case para xente moi especializada. EOB (4º ESO).

Estes vídeos céntrase principalmente no papel das mulleres na tradición e cultura galega. Móstranos a través de entrevistas e outros tipos de documentos como as mulleres son as principais creadoras e transmisoras da tradición oral e musical.  Tamén falan de varias asociacións ou grupos de mulleres que se reúnen para tocar e ensinar a música. Isto é moi importante porque cando elas tocan e cantan as cancións fan que a xente que as escoite se acorde delas e así llas poden transmitir a outras xeracións. Penso que o obxectivo principal destes vídeos é visibilizar a participación feminina na cultura galega, especialmente na músical, que durante moito tempo pasou desapercibida e non se lles deu o recoñecemento que merecen. Grazas a elas temos moitas cantigas de moita variedade de temas. MPL (3º ESO).

Despois de ver os vídeos doume de conta do inmenso patrimonio cultural que temos e que deberíamos darlle máis importancia da que lle damos ás cantareiras. Páreceme moi interesante que eses tres rapaces que aparecen, sendo tan novos lle dean o valor que teñen ás cantareiras e pandereiteiras. Eu nunca antes me informara tanto sobre o tema pero, ao ver os vídeos e dedicarlle tantas clases a este tema, páreceme moi interesante. Agora mesmo teño a conciencia de como vivían antiguamente e penso que levaban unha vida moi feliz cando estaban a tocar e a cantar coa pandeireta. Outra cousa que tamén me chamou a atención foi cando comentan que as Pandereteiras de Mens botaron para a gravación dun programa tocando dende as 11 da mañá ás 11 da tarde e facendo festa. A verdade páreceme de admirar porque hai que ter forzas e ganas, e ademais hai que ter moita memoria para lembrarse de tantas cancións. Nunca lle dera importancia á pandeireta pero úlltimamente tócoa a todas horas na casa e gústame moito, ademais tamén o disfruto. Supoño que por esa razón as señoras de antes tamén a estaban tocando a todas horas. É moi curioso que cando esteñan cociñando se poñan a cantar. En conclusión, estou sen palabras e interésame moito este tema. CVD (2º ESO).

martes, 25 de marzo de 2025

Falamos +: concerto Cé Orquestra Pantasma.

Como festa final do programa Falamos + contamos coa actuación de Cé Orquestra Pantasma. Unha xornada de diversión compartida chea de música e participación na mesma.

Imaxe autoeditada da actuación de Cé Orquestra Pantasma.

O desenvolvemento de esta e do resto de actuacións do programa están recollidas no blog da iniciativa, fío condutor das propostas.

Todo un privilexio ser parte desta iniciativa!!!

Programa Falamos +: aprendizaxe compartida de forma lúdica

 Somos dez centros educativos os que participamos nesta iniciativa e os que crean as propostas para achegarnos  ao patrimonio cultural galego tradicional e especialmente a aquel máis moderno e descoñecido para a maior parte do alumnado no tempo de lecer.

A organización destas actividades durante a quincena do seu desenvolvemento queda organizada así;

Táboa organizativa das actividades deseñadas.

O desenvolvemento das mesmas estan recollidas no blog da iniciativa, fío condutor das propostas.

Imaxe autoeditada das actividades no centro.

Tamén contamos coa canle Falamos + @Falamosmais.

Toda unha oportunidade para crear, aprender e dinamizar o noso patrimonío cultural!!!

lunes, 3 de febrero de 2025

Falamos +: dinamizar a nosa lingua de forma lúdica

Falamos + é un programa da Secretaría Xeral da Lingua coordinado pola docente Pilar Ponte Patiño que quere dinamizar a utilización activa do galego nos centros de ensino a través de propostas de carácter lúdico creadas polos propios centros e as familias que acheguen o alumnado e as súas familias ao patrimonio cultural galego tradicional e especialmente a aquel máis moderno e descoñecido para a maior parte do alumnado.

No mesmo, particiapamos dez centros educativos da nosa Comunidade Autónoma. Todo un privilexio compartir esta experiencia de aprendizaxe compartida ao redor da nosa lingua.

Imaxe autoeditada da listaxe de centros participantes.


Logo escollido para este novo programa da  Secretaría Xeral da Lingua.

Estes dez centros nos xuntamos para vivir como galegofalantes e crear, cunha participación protagonista do seu alumnado, propostas lúdicas de lecer en galego dirixidas a educación infantil e aos tres ciclos de educación primaria e desenvoltas nos tempos de lecer da xornada lectiva.

Organización das actividades

- Os luns falamos (conversas, monólogos, contos, lendas, teatro...)

- Os martes xogamos (xogos de todos os tipos incluíndo xogos de lingua como pasagalegos, tabús, adiviñas…)

- Os mércores facemos ciencia (levamos a cabo propostas lúdicas relacionadas con diferentes disciplinas científicas, xogos de lóxica matemática, de química…)

- Os xoves escribimos e lemos (xogos de escritura creativa, lecturas dramatizadas e propostas de lectura de todos os tipos e para todas as idades)

- Os venres cantamos e bailamos (botamos man de temas musicais tradicionais e modernos para bailalos e cantalos)

Temporalización

Entre o 10 e o 28 de marzo de 2025: 15 días.

Difusión

O programa conta cun blog como fío condutor onde se  amosan as diferentes propostas de actividades dos centros participantes en cada unha das xornadas.

Compromisos dos centros participantes

- Desenvolver un programa lúdico para  centro durante os quince días lectivos que dura o programa.

- Colaborar no blog do programa cos contidos de un día e medio.


jueves, 30 de enero de 2025

Día da Ilustración e Día escolar da non violencia e a paz.

 Día da Ilustración e Día escolar da non violencia e a paz.

O 30 de xaneiro é un día sinalado no noso almanaque. Por unha banda, commemoramos o Día da Ilustración en Galicia, coincidindo co día do nacemento de Castelao; esta data serve para reivindicar o papel dos profesionais do mundo da ilustración homenaxeando a un ilustrador ou unha ilustradora da historia do noso país. Este ano o homenaxeado é Xosé Vizoso. 

                   


O alumnado da ESO descubriu, a través do traballo da comprensión oral na materia de Lingua galega, as múltiples facetas deste histórico artista gráfico galego, muralista, escultor, escenógrafo, debuxante e un dos principais deseñadores de Sargadelos, xunto con Xosé Díaz.

Ademais, desde a materia de EPVA, as rapazas e rapaces elaboraron unhas ilustracións ben xeitosas, inspiradas en personaxes reais, que podedes ver expostas na "galería de arte" do 1º andar (corredor de EPVA).


                                                                                                    
 
                                                         


Por outra banda, commemoramos o Día escolar da non violencia e a paz, relacionado directamente cun dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) adoptados pola ONU: Paz, xustiza e institucións sólidas.

O alumnado de 1º e 4º da ESO, despois de coñecer a Xosé Vizoso, quixo facerlle tamén a súa homenaxe particular e deseñaron pombas da paz inspiradas no estilo do autor,  traballando en equipo e con respecto. Así crearon "Pombas da paz para Xosé Vizoso", uns murais que expoñen tamén na "galería de arte" do 1º andar.



     




 

Imaxes representativas das actividades.


martes, 8 de noviembre de 2022

PEGADAS DO NOSO

    Con este obradoiro dinamizado por Xandobela Xestión e Dinamización Sociocultural e, en concreto, por Nerea, o alumnado de 2º, 3º e 4º de Educación Primaria fíxose experto no noso patrimonio (martes 8 novembro 2022). Aprenderon a diferenciar entre o patrimonio material (como os edificios) e o inmaterial. Da man "da avoa Rosa" afondaron no coñecemento da nosa cultura a través de diferentes probas e retos. 

    Falaron do traxe tradicional (identificando os nomes das diferentes prendas: polainas, mandil, mantón...), dos contos de tradición oral (da santa compaña ou do lobishome), da mitoloxía (o basilisco, o nubeiro, o morralleiro ou home do saco, os trasnos..) e das cantigas. Todos e todas gañaron un carné especial que os acreditou como investigadores expertos da nosa cultura. Sen dúbida, esta proposta foi perfecta para achegar á rapazada a riqueza do noso patrimonio cultural inmaterial.











martes, 24 de octubre de 2017

Excursión a Mondoñedo e ás Covas do Rei Cintolo / Semana da bicicleta

Excursión a Mondoñedo e ás Covas do Rei Cintolo



O día 26 de setembro o alumnado de 3º e 4º da ESO visitaron a localidade de Mondoñedo. Dita visita tiña como obxectivo coñecer un das paisaxes máis peculiares do territorio galego, como é unha das pequenas franxas de terreo calcáreo que temos na nosa comunidade. Este tipo de terreo ten a peculiaridade de ser facilmente erosionado pola auga formando cavidades subterráneas e outro tipo de formacións características que en conxunto denomínase paisaxe cárstico.



Así o alumnado realizou unha actividade de espeleoloxía percorrendo durante hora e media aproximadamente 400 m dos 7km que ten a cova. Durante a visita puideron observar diferentes formacións típicas deste tipo de relevo como estalactitas e estalagmitas, así como percorrer galerías, túneles e observar un pequeno lago subterráneo.



Ademais a xornada aproveitouse para visitar a localidade de Mondoñedo, antiga capital de provincia de Galicia, onde puidemos valorar o seu extenso patrimonio arquitectónico e histórico, entre o que cabe destacar a súa catedral.




Semana da bicicleta no CPI Virxe da Cela



Co galo da Semana Europea da mobilidade e aproveitando  a organización polo Concello de Monfero e Irixoa o día 7 de outubro do paseo en bicicleta,  o noso centro ten programado a celebración da semana da bicicleta. A Semana Europea da Mobilidade, celebrada todos os anos entre o 16 e 22 de setembro é unha campaña dirixida a sensibilizar sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé.

Durante a primeira semana de outubro o alumnado poderá traer as súas bicicletas ao colexio e participar de diferentes actividades nos tempos de lecer do recreo e mediodía.
Os obxectivos desta actividade son:
-          Fomentar o uso responsable da bicicleta como elemento lúdico no tempo de lecer
-          Perfeccionamento no manexo da bicicleta e nocións básicas de mecánica
-          Educación vial




Para isto realizamos no patio do colexio  distintas actividades e percorridos coa bicicleta no que engadimos diversas sinais de tráfico. Tivemos ademáis a visita de Francisco López Costoya, profesor de Educación  Física do IES As Mariñas de Betanzos e contrastado deportista no mundo da bicicleta na modalidade de orientación e  con varios títulos a nivel nacional e internacional que impartiu 2 sesións técnicas sobre manexo e seguridade na bicicleta.