miércoles, 20 de diciembre de 2017

CONVOCATORIA PROXECTOS INNOVACIÓN LINGÜÍSTICA

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa acaban de publicar a convocatoria pola que se establecen as bases reguladoras para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística en centros docentes de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o curso académico 2017/18. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 9 de febreiro de 2018.
 

viernes, 1 de diciembre de 2017

IV PREMIO LITERARIO NORTEAR

     A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Dirección Rexional de Cultura do Norte e mais a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT) promoven unha nova edición do Premio Literario Nortear para a Mocidade Escritora de Galicia e de Portugal, a que constitúe a cuarta, “un certame que tende pontes de colaboración e permite que a xuventude galega e portuguesa estableza vías de dialogo entre as dúas literaturas”.
      Dotado con 2.000 euros, ademais da publicación da obra gañadora, o Premio Literario Nortear ten como principais obxectivos distinguir anualmente obras literarias orixinais de ambas as dúas beiras do Miño, incentivar a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa, e favorecer a circulación e distribución de obras literarias entre Galicia e Portugal, para reforzar o diálogo cultural entre os dous territorios.
     O certame está dirixido a persoas nacidas e/ou empadroadas na Rexión Norte de Portugal ou en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos, que poderán presentar as súas obras inéditas, de entre 5.000 e 8.000 palabras. O prazo para participar nesta cuarta edición do premio está aberto ata o vindeiro 30 de abril de 2018.


O CARBALLO CON BOTAS







Como actividade vinculada ao outono o alumnado de educación infantil estivo a traballar durante estas últimas semanas co conto "O carballo con botas" de Anxo Moure, e como experimento plantaron unhas landras/bellotas nunhas botas. Todos os días regaron a semente e esperamos con ansia a que de os seus froitos. A través desta actividade tamén abordaron a problemática dos incendios en Galicia. 

miércoles, 29 de noviembre de 2017

ARCHIMBOLDO E O OUTONO




Os nenos e nenas de educación infantil coñeceron os distintos elementos do outono (cores, froitos, etc), a través do pintor italiano Arcimboldo. Utilizando distintas técnicas plásticas, como pintura e collage, conseguiron resultados espectaculares, dignos de estar nun museo!!

 

miércoles, 22 de noviembre de 2017

DECORACIÓN NADAL 2017. CIRCULAR ÁS FAMILIAS




       Prezadas familias: 

      Unha vez máis queremos pedirvos a vosa colaboración para a decoración de Nadal do comedor e o escenario do festival de Nadal. Neste curso temos un proxecto documental de centro sobre a auga, polo que imos levar esta temática á decoración de Nadal. Queremos crear entre todos un mar cheo de vida sobre as nosas cabezas. Para o que vos pedimos un adorno de Nadal que se poida colgar do teito.  
       Pode ter calquera forma, podería tratarse de algo recoñecible como unha estrela, burbullas, un peixe, un polbo, unha medusa... Tamén poderían ser formas abstractas: tiras de papel ou plásticos, formas poligonais ou libres imitando as ondas. Para que todos estes traballos teñan una certa unidade cando os colguemos xuntos, imos limitar o uso das cores. As cores principais serán o prateado, o azul e o branco para todas aquelas formas que imiten a auga. Para os que prefirades facer un peixe ou calquera outro animal mariño poderedes utilizar calquera cor para que así destaquen sobre o fondo prateado. Primaremos na confección destes traballos o uso de materias reciclados e de refugallo e evitando mercar adornos xa feitos. Teñen que ter pouco peso e que traian unha tanza ou cinta de 80 cm como mínimo, para poder colgalo. 

        A data límite para entregar estes traballos será o venres 1 de decembro, podéndose entregar dende o luns 27 de novembro aos titores/as no caso de EI e EP, e á profesora de Plástica no caso da ESO. É un trabalo completamente voluntario* para facer en familia. Saúdos. A dirección 

 *O alumnado de EPVA da ESO terao como traballo obrigatorio.

miércoles, 15 de noviembre de 2017

I CERTAME DE NARRACIÓN HISTÓRICA

Tamén vos animamos a participar no I Certame de Narración Histórica do CEIP López Ferreiro, herdeiro do Certame de Redacción Histórica que durante máis dunha década convocou este centro compostelán. O obxectivo deste novo concurso de relatos é recrear a historia e intrahistoria de Galicia a partir da investigación sobre sucesos, personaxes –reais ou lendarios-, datas, monumentos… que foron determinantes no devir histórico da nosa comunidade desde a antigüidade ata o s. XX. A convocatoria está aberta ao alumnado de 5.º e 6.º de EP e de 1.º e 2.º de ESO de todos os centros educativos galegos. Podedes consultar as bases na seguinte ligazón: 

http://endlceiplopezferreiro.blogspot.com.es/2017/11/i-concurso-de-narracion-historica.html


XIII XORNADA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

     Escolas Católicas de Galicia, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza a XIII Xornada de Normalización Lingüística dirixida, este curso, a todo o profesorado de centros públicos, concertados e privados de Galicia. O programa ofrece propostas moi variadas, desde exposicións teóricas como o relatorio de Xesús Rábade sobre a traxectoria vital e literaria de María Victoria Moreno ata unha mostra de experiencias dinamizadoras centradas nas aplicacións educativas para dispositivos móbiles. A actividade desenvolverase o 24 de novembro no Consello da Cultura Galega. Se estades interesados/as en asistir, lembrade que o prazo de inscrición remata o 21 de novembro. Atoparedes toda a información e o formulario para inscribirvos en: 

http://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias/_/Formacion/convocatoria_0241/xiii-xornadas-normalizacion-linguistica

 

martes, 14 de noviembre de 2017

LÚA. Teatro dos Ghazafelhos

O alumnado de 1º e 2º de Primaria visitamos o Auditorio de Narón para ver a obra LÚA, da man de Teatro dos Ghazafelhos.

Nela cóntannos como a Lúa baixa á Terra para ver que acontece xa que hai moito ruído, berros, enfados… Así vai percorrendo e ensínanos un mundo separado por barreiras e fronteiras, no que non se valora a diversidade nin a xustiza social, un mundo no que uns teñen todo e outros, nada.












Porta do Samaín 1º EP

Os alumnos e alumnas de 1º EP seguimos aprendendo moitas cousas sobre Maruja Mallo e, buscando como adornar a nosa porta para o Samaín, atopamos unha foto de Maruja Mallo nunha porta en Cercedilla no 1930 e quixemos facer a nosa versión da foto. Engadímoslle algunhas imaxes dos lumes que asolaron Galiza, xa que unha cousa que nos dá moito medo é que ano tras a ano arda a nosa terra e non se faga nada para remedialo.



lunes, 13 de noviembre de 2017

SIMPOSIO CARLOS CASARES

A Real Academia Galega celebra o Simposio Carlos Casares os vindeiros días 21, 22 e 23 de novembro. As tres xornadas desenvolveranse en horario de tarde na sede da institución (rúa Tabernas, 11 - A Coruña) e contarán coas achegas arredor da vida e da obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2017 de dezaseis especialistas.  Entrada libre e inscrición gratuíta.


 

viernes, 10 de noviembre de 2017

RADIO ITINERANTE CREATIVA NO VIRXE DA CELA


Un ano máis Lucía Abarrategui e Sergio Pascual (Radio Itinerante Creativa) inician a súa labor radiofónica no CPI Virxe da Cela. Xa vai media década que estes profesionais do mundo da radio imparten obradoiros na nosa escola, e o resultado é visible no noso alumnado: cada vez dominan máis as artes da comunicación e saben lanzarse a falar cun auditorio con  naturalidade e fluidez.

RETRANSMITINDO O VINDEL





     Alumnos galegos e portugueses realizarán o programa “ radiovisual ” RETRANSMITINDO O VINDEL con motivo do DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO e da presenza en Vigo do pergamiño de Martín Códax. 
     Ponte...nas ondas! retransmitirá a través do portal Web www.escolasnasondas.com a partir das 11.00 hs. un magazine audiovisual con persoas convidadas que abordarán diferentes aspectos das cantigas de amigo e do pergamiño Vindel.


miércoles, 8 de noviembre de 2017

Coñecendo a obra de Maruja Mallo


O alumnado de 1º e 2º de Primaria este curso participamos no Proxecta “Donas de si” co que se pretende o coñecemento e divulgación de mulleres relevantes da nosa historia. Así, baixo o título “O que non se nomea non existe” imos profundar na vida e obra de diferentes mulleres.
A primeira que traballamos é Maruja Mallo. A partir do libro “Mulleres bravas da nosa historia” coñecemos a súa biografía e algúns do seus cadros. Dentro deste proxecto asistimos tamén xunto co resto de alumnado de Primaria ao Museo de Belas Artes de A Coruña para gozar do espectáculo de danza e teatro ELA no que ían representando distintos momentos da vida da artista e a montaxe de diferentes cadros.



Representación do cadro Elementos para o deporte



Maruja na praia con Pablo Neruda


O acio de uvas



domingo, 5 de noviembre de 2017

VINDEVIDEOS



Coincidindo coa chegada a Galicia do Pergamiño Vindel (manuscrito do século XIII do trobador Martín Codax), a SXPL publicou o xoves, 2 de novembro, a convocatoria do certame de vídeos Vindevídeos coa finalidade de que o alumnado poida achegarse ás cantigas medievais galego-portuguesas e ao universo trobadoresco a través da linguaxe audiovisual. O/a docente responsable do vídeo premiado recibirá unha certificación de innovación educativa (20 horas de formación permanente). O prazo de presentación dos vídeos remata o día 11 de decembro de 2017. Podedes consultar as bases da convocatoria:


EU TEÑO MEDO A...




Como complemento á celebración do Samaín a Biblioteca Castealo propón esta actividade tan terrorífica… Temos uns paneis xigantes onde cada quen pode expresar cales son os seus maiores medos, temores, pesadelos… E lembrade, se visitades esta exposición non esquezades durmir coa luz acendida por si o medo nos entra no corpo e nos visitan pensamentos arrepiantes…

CONCURSO DE DECORACIÓN DE CABAZAS



Co Magosto e o Samaín temos un ano máis este divertido de concurso de cabazas organizado pola Biblioteca Castelao en colaboración co Departamento de Plástica. Foron moitas e moi interesantes todas as propostas, así que o xurado o tivo ben difícil á hora de fallar os premios… A entrega de premios efectuouse o martes 31 de outubro no superfestival do Magosto, coa axuda da nosa lectora americana Courtney disfrazada de bruxiña, degustando castañas ben quentiñas e bailando as cancións de “Pacolas”.




A máis arrepiante: Eider Doval Golpe, 6º EI:

A más divertida: Paula Paz Garrido, 3º EP

A máis orixinal: Iván Pena Pérez, 3ºEP

A más artística: Ariadna Díaz Tondo, 1º ESO

A máis doce: Xiana Mosquera Varela, 5º EP




A máis elegante: Martín Amenedo Carballeira, 5º EI



CONCURSO DE DECORACIÓN DE PORTAS

      Resultou unha tarefa moi difícil para o xurado pero finalmente tomaron a decisión: os premios do concurso de decoración de portas do Samaín recaeron nas aulas de 4º de educación primaria e de 4º da ESO. E como todo ten que volver á normalidade e todas as montaxes arrepiantes e creativas dos diferentes grupos terán que “desmontarse”, deixamos a continuación un reportaxe visual.


DEGUSTACIÓN DE CASTAÑAS E CONCERTO DE PACOLAS





      Para clausurar a celebración do magosto no CPI Virxe da Cela (martes 31 outubro 2017) contamos coa participación do artista Pacolas, que nos fixo gozar coa súa simpatía e repasou o seu repertorio, ademais de ensinarnos diferentes tipos de instrumentos, incluso algún, descoñecidos para o público en xeral. Neste caso participou tamén o alumnado da ESO, estando presentes país e nais. Mentres o noso artista convidado actuaba, puidemos comer unhas saborosas castañas que nos asaron xentilmente no comedor do colexio.