Mostrando entradas con la etiqueta Letras Galegas 2015. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Letras Galegas 2015. Mostrar todas las entradas

miércoles, 10 de junio de 2015

FACENDO PAPEL NO COLE

Os alumnos e alumnas de 2º e 3º ciclo fomos en novembro á Aula de ecoloxía urbana de Ferrol onde nos aprenderon a facer papel reciclado. Gustounos tanto que quixemos compartilo co resto do cole e no mes de marzo ensinámoslle aos compañeiros e compañeiras dos outros ciclos como se facía.
Co papel que fixemos o alumnado de 5º de primaria elaborou carteis conmemorativos do Día das Letras galegas e o de 4º un poema ilustrado de Rosalía de Castro.
Aquí vos deixamos uns vídeos e unhas fotos que amosan estas actividades. Esperamos que vos gusten.



















viernes, 22 de mayo de 2015

CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS E DOS MAIOS















Fai case unha década o departamento de música do CPI Virxe da Cela comezou a rescatar a tradición dos Maios, e a día de hoxe pode dicirse que esta festa de carácter popular está totalmente arraigada entre o noso alumnado. Con varias semanas de antelación os rapaces e rapazas preparan con moito entusiasmo e motivación unha serie de cancións e danzas para interpretar nunha xornada especial, este ano celebrada o venres 22 de maio. Aproveitamos a ocasión para facer unha merecida homenaxe a Filgueira Valverde, “O vello profesor”, figura a quen se dedicou as Letras Galegas 2015, así como a outros escritores que utilizaron a lingua galega como vehículo de expresión do seu pensar e sentir.
 Dando inicio á gala, o alumnado de 1º EP fixo unha lectura da fermosa poesía “Adeus ríos, adeus fontes” da nosa grande poetisa Rosalía de Castro. Acto seguido os máis pequerrechos, os nenos e nenas de infantil, cantaron e bailaron “A saia da Carolina”. Parabéns ás súas mestras Isabel e Lucía, que fixeron unha importantísima labor ensaiando aos seus alumnos/as e elaborando tan fantástico vestiario, con lagarto incluído! E tamén felicitar ao alumnado da ESO pola súa interpretación coas frautas e a percusión… incluso contamos coa presenza dunha fermosa gaiteira engalanada coa vestimenta tradicional (Erea, 4º da ESO), que tocou os primeiros compases de tan coñecida melodía.
A continuación os nenos/as de 2º EP fixeron a lectura de “O Maio”, de Curros Enríquez. O seguinte número musical consistiu nunha danza de orixe ancestral, a “Danza de Paus”, executada conxuntamente polo alumnado de 5º EP e 2º ESO. Unha nova lectura, “Verso e Prosa” de Rosalía de Castro, a cargo do alumnado de 4º de EP antecede a outros números coreográficos: unha muiñeira bailada polas rapazas de 3º da ESO (coa colaboración especial de Lucía, a profe de educación física de primaria) e outra danza moi antiga, o “Baile das fintas”, interpretada polo alumnado de 3º e 4º da ESO.
Xa finalizando o festival, un rapaz e unha rapaza de 6º EP poñen en práctica con moita retranca “A Regueifa”, e como broche final todo o alumnado da ESO interpreta “O Caneco”, que co seu ritmo pegadizo convida a terminar a festa bailando.

Para dar clausura a esta gala “Letras Galegas e Maios 2015” faise entrega dos premios do concurso “O Preguntón”, organizado pola biblioteca escolar: o primeiro premio foi para o "Grupo de Monfero", composto por Laura Ares García e Verónica García Martín (6º EP); o segundo premio para o equipo "?" ,formado por Sergio García Coira e Ana Pena Freire (2º ESO), e o terceiro premio para "El equipo A" compuesto por Borja Martínez García e David Rodríguez Fernández (1º ESO).






viernes, 10 de octubre de 2014

XOSÉ FERNANDO FILGUEIRA VALVERDE



Xosé Fernando Filgueira Valverde naceu en Pontevedra en 1906. Realizou estudos de Dereito, Filosofía e Letras (alcanzando o título de doutor) e Psicoloxía nas Universidades de Santiago de Compostela e Zaragoza. En 1923 formou parte do grupo de fundadores do Seminario de Estudos Galegos, onde dirixiu a sección de Historia da Literatura. Desde ese momento e até a súa morte, acontecida en Pontevedra en 1996, o erudito pontevedrés mantería unha gran actividade na promoción de iniciativas culturais. Filgueira Valverde iniciou o seu amplo labor docente en 1927 no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra. En 1935 gañou unha cátedra no Instituto Balmes de Barcelona e posteriormente exerceu en Lugo e na cidade do Lérez, da que foi alcalde. Pola súa dedicación ao ensino recibiría o alcume do "vello profesor". 

Membro numerario da Real Academia Galega desde 1942 e correspondente das Reais Academias de Historia, de Lingua e de Belas Artes de San Fernando, en 1972 foi nomeado vocal do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixiu ademais o Museo "Rosalía de Castro", o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e o Museo de Pontevedra. No bienio 1982-83 exerceu o cargo de Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia. Na década de trinta foi colaborador habitual de El Pueblo Gallego e Logos, publicación esta última en que mantería unha sección de comentarios bibliográficos asinados co pseudónimo J. A. Para alén destes artigos, a súa obra literaria atinxe a narrativa, a poesía, o ensaio e o teatro. 

Así, na súa producción figuran o libro de relatos Os nenos (1925) e a semblanza O vigairo (1927); o texto teatral Agromar. Farsa pra rapaces (1936) —estreado en 1932—, de novo asinada por J. Acuña; as antoloxías Cancioneiriño de Compostela (1932) e Cancioneiriño novo de Compostela (1969), en que recolle composicións do medioevo e etapas posteriores que fan referencia á capital galega, ou o volume de prosas literarias Quintana viva (1971). Porén, a maior aportación de Filgueira Valverde constitúena os seus traballos no campo da investigación. Moitas destas prosas, espalladas pola imprensa diaria, foron recollidas polo autor nos nove volumes editados baixo o título xenérico de Adral entre os anos 1979 e 1996. As súas aportacións ao coñecemento da lírica medieval verían a luz en 1992 no libro Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1927-1987).

CONCURSO EXPOSICIÓN LETRAS GALEGAS 2015

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) fixo pública o pasado venres, 3 de outubro, a convocatoria do Concurso-exposición do Día das Letras Galegas 2015. O prazo de presentación dos traballos remata o día 12 de xaneiro de 2015. Animamos a todo o profesorado e alumnado do CPI Virxe da Cela a poñer en funcionamento todas as súas capacidades creativas para este certame homenaxe a Xosé Fernando Filgueira Valverde.