viernes, 23 de marzo de 2018

ENREGUÉIFATE



Enreguéifate!! é un certame de regueifas que organizan os concellos de Ames, Carballo, Santiago e Teo coa denominación ENREGUÉIFATE!, Dentro do certame existe unha categoría xeral e outra escolar. Esta última está dirixida a alumnado de centros educativos galegos, polo que queremos involucrar o máximo número posible de estudantes e docentes, entendendo que a regueifa é unha práctica con moitas potencialidades no contexto educativo (entre elas, a dinamización da lingua galega). A participación concrétase enviando un vídeo (máximo 3 minutos) no que saian, cando menos, dúas persoas regueifando en lingua galega. O envío realízase directamente dende a páxina web www.enregueifate.gal (Certame > Edición 2018), onde se atopan tamén as bases completas e o formulario de inscrición. Así pois, convidámosvos a que animedes ao alumnado do voso centro a participar no certame Enreguéifate, así como a asistir ao festival Regueifesta o 2 de maio, no que se entregarán os premios do certame e haberá, ademais, un amplo programa arredor de diversas formas da improvisación oral con participación de escolares de todo o país. Para calquera consulta, podedes dirixirvos á organización a través deste correo electrónico e tamén podedes seguir de preto o proxecto Enreguéifate a través da súa páxina de Facebook.

martes, 13 de marzo de 2018

RAPAZAS DE CONTO


Contacontos para educación infantil. Martes 13 de marzo de 2018. Impartido por Marisa Irimia, para conmemorar o Día Internacional da Muller 2018







miércoles, 7 de marzo de 2018

RETO LECTOR DA EDITORIAL GALAXIA



A Editorial Galaxia lanza estes días a segunda edición do seu Reto Lector destinado a fomentar a lectura entre os máis novos. Despois do éxito da primeira convocatoria en marzo de 2017, na que con apenas dous meses de prazo para participar se recibiron 35 vídeos enviados por rapazas e rapaces de toda Galicia, Galaxia persiste no seu empeño en conseguir que a mocidade se achegue ao sistema literario integrándose nel como críticos, lectores... 

Nesta segunda edición, poderán presentarse ao premio as rapazas e os rapaces de entre 12 e 16 anos. Para participar, só terán que enviar ao enderezo electrónico galaxia@editorialgalaxia.gal dous vídeos nos que se dea conta da lectura de dous libros da Editorial Galaxia de calquera das súas coleccións de narrativa para todas as idades: Árbore, Costa Oeste e Literaria. Os vídeos non poderán exceder os dous minutos de duración. Durante eses dous minutos, os participantes deben comentar o contido da obra, os aspectos que máis lles gustaron e as razóns polas que recomendarían a súa lectura. O xurado estará composto polo alumnado da ESO dun centro galego designado pola editorial, e será quen valore todas as propostas fixándose principalmente no poder de persuasión dos participantes, na súa claridade expositiva e na creatividade da gravación. 

A rapaza ou rapaz gañador recibirá un Ipad de última xeración. Ademais, haberá cinco lotes de libros coas últimas novidades da Editorial para os cinco seguintes clasificados. O prazo de entrega dos vídeos estará aberto ata o día 27 de abril, e o fallo do xurado farase público no mes de maio. 

A través desta iniciativa, a Editorial Galaxia pretende fomentar a lectura en galego nun sector clave da nosa sociedade: os adolescentes. Para facelo, proponlles aos participantes que tiren rendemento das ferramentas dixitais e do seu potencial como medios de transmisión e difusión lingüística e cultural, ao tempo que os anima a desenvolver o seu sentido crítico, mellorar a súa competencia oral e aprender a ver na literatura unha canle comunicativa.

XI PROXECTO DIDÁCTICO ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS

XI Proxecto didáctico Antonio Fraguas Fraguas, iniciativa conxunta da fundación deste nome e da Secretaría Xeral de Política Lingüística para achegarlle ao alumnado o patrimonio lingüístico e cultural galego. Nas bases establécense dúas modalidades, unha para educación primaria e outra para ensino secundario. O prazo para presentar os vosos proxectos finaliza o 31 de maio. Tedes máis información en:
http://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias/_/Premios/convocatoria_0070/proxecto-didactico-antonio-fraguas


PREMIOS ARI(T)MAR GALIZA E PORTUGAL

Premios aRi[t]mar Galiza e Portugal, certame promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela que ten por obxectivo difundir a poesía e a música editadas en Galicia e en Portugal cada ano. Logo da 1.ª fase na que o xurado seleccionou os 10 mellores poemas e cancións en galego e as 10 mellores cancións e poemas en portugués; agora, na 2.º fase ábrese o prazo das votacións virtuais para elixir a canción e o poema gañadores de cada modalidade. Todas as persoas que queiran participar na selección poden votar a través do web http://www.eoisantiago.org/ ata o día 20 de marzo.

I CONCURSO DE POESÍA ESTRATOSFÉRICA


Con motivo do lanzamento da sonda estratosférica MarumaSat III, a Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA) na que están integrados o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, o IES Maruxa Mallo de Ordes e o IES Miraflores de Oleiros convoca o I Concurso de Poesía Estratosférica dirixido ao alumnado dos centros públicos galegos. As obras, cunha extensión máxima dunha páxina, poden presentarse ata o 20 de marzo. Atoparedes as bases en:


http://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/equipos-de-dinamizacion-da-lingua-galega/novidades/_/contido_0889/premio-poesia-estratosferica

lunes, 5 de marzo de 2018

GALICIA: AUGA, LITERATURA E RAP

Xa está en marcha a IV edición do concurso “GALICIA, AUGA , LITERATURA E RAP” patrocinado por VIAQUA, e que este ano trae unha importante novidade. ¿Imaxinas como sería o “Adiós ríos, adiós fontes” de Rosalía de Castro a modo de rap? Ela e moitos máis autores galegos fan referencia a auga nas súas obras e queremos descubrir como serían eses textos se fosen rapeados. A xente nova sente devoción polos seus ídolos musicais, coñecen e aprenden as súas cancións e incluso se identifican coas súas mensaxes. Pola contra, resúltalles difícil comprender a poesía ou textos dos nosos clásicos. Por eso propómosche unha actividade diferente e divertida, que fomente a participación entre os teus alumnos/as. O obxectivo do certame é que os escolares de Educación Primaria e Secundaria descubran a presenza da auga na literatura galega, elixan un poema ou verso determinado e se animen a rapealo. Un modo divertido e diferente de achegar a literatura aos escolares de entre 6 e 16 anos.