sábado, 30 de marzo de 2019

CONTACONTOS ANXO MOURE

O pasado venres 29 de marzo 2019, no contexto do Plan Proxecta Voluntario Miúdo: Móvete! o escritor e contacontos Anxo Moure levou a cabo unha sesión chea de maxia e concienciación sobre o coidado da natureza, a reciclaxe e o perigo dos incendios que asolan os nosos bosques. Facendo participar en todo momento ao alumnado (e máis ao profesorado), Anxo fíxonos rir co seu patinete, facer voar a nosa imaxinación coas súas historias e bailar ao son da súa pandeireta mentres abrazábamos ás árbores que tanta vida nos dan. Sen dúbida, unha xornada marabillosa na súa compaña!




viernes, 22 de marzo de 2019

CERTAME LITERARIO XOÁN DÍAZ

Outra iniciativa que vos pode interesar é o Certame Literario Xoán Díaz convocado polos IES David Buján e Afonso X O Sabio en colaboración co concello coruñés de Cambre. O concurso está dirixido a mozos e mozas desde os 12 ata os 26 anos, que poden participar nas tres modalidades establecidas: poesía, narración breve e microteatro. O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de abril. 

XXI ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Os XXI Encontros para a Normalización Lingüística  terán lugar o 4 e 5 de abril no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura. Os encontros, promovidos polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia co apoio da SXPL, centraranse este ano na divulgación científica en Galicia. Podedes consultar o programa e anotarvos no web do Consello da Cultura Galega:
Con esta nova edición dos Encontros para a normalización lingüística iniciamos a terceira decena desta cita anual coas persoas interesadas pola situación da lingua galega e pola planificación tendente á súa normalización, sexa por razóns derivadas dos respectivos ámbitos laborais sexa por unha preocupación que nace do seu compromiso cívico. 

Non é a primeira vez que nos Encontros agroma o tema da lingua en relación coa ciencia. É inevitable batermos con el ao falarmos do ensino, tanto polo elenco de materias que se ensinan en galego coma polas carencias materiais detectadas en diversos campos do saber e niveis curriculares; mais tamén cando falamos dos usos e actitudes da mocidade, das carencias de oferta para as afeccións e o tempo libre, da visibilización da lingua en determinados ámbitos sociais e culturais, do seu emprego nos recursos audiovisuais e dixitais, etc. 

Pero si é a primeira vez que colocamos o noso foco de maneira específica sobre este tema, e entre as moitas orientacións posibles escollemos a divulgación científica en lingua galega. Na diagnose sobre a cultura galega realizada polo Consello da Cultura Galega en 2017, observouse que os temas de cultura científica e tecnolóxica ocupan un lugar pouco relevante entre os intereses informativos da poboación galega (algo superior en todo caso á media española), e isto debemos entendelo como un déficit cultural e, por tanto, un sinal de que cómpren medidas para o cambio. Fronte a esas sombras, unhas poucas luces: a constatación de que Galicia é unha comunidade de referencia na produción de cultura científica, da man de particulares, colectivos independentes, asociacións de profesionais, universidades...; engádanse contribucións divulgadoras desde a radio, museos científicos, observatorios... e o portal do Consello da Cultura Galega. 

A Artesa de 2019 está chea de recursos agardándovos. ¿Como espertar o interese dos potenciais receptores e trasladar toda esa “efervesciencia” ao fardel cultural do conxunto da poboación? E... ¿en que lingua se está a producir ese despregue de actividade?, ¿ata que punto é este un campo de oportunidade para a lingua galega? Por iso, ao nos determos na presentación da situación da Divulgación científica en Galicia, nun momento que algúns consideran vizoso e esperanzador, preguntamos: Cal é o peso (atómico) do galego? (Vai no título unha chiscadela á efeméride que preside a cultura científica deste ano, co 150º aniversario da táboa periódica.) 

 O Consello da Cultura Galega ten como divisa desde as orixes traballar a prol dun concepto de cultura que contemple tanto a produción humanística coma a científica e tecnolóxica, sempre co fomento da lingua e a cultura galegas como principio irrenunciable. A súa moi activa Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade colabora nesta ocasión coa Comisión Técnica do CDSG no deseño desta xornada. Esta nova edición dos encontros é unha nova ocasión para a reflexión e o debate, para o intercambio de información e experiencias, para a presentación de proxectos e propostas de futuro..., mais tamén para o reencontro e para estimular os afectos.



jueves, 14 de marzo de 2019

REGUEIFAS PARA A MIGRACIÓN

Estas "Regueifas da Migración" foron compostas e interpretadas (festival de Antroido 2019) polo alumnado de 5º curso de EP do CPIP Virxe da Cela  en lembranza de todos aqueles galegos que tiveron e teñen que emigrar en busca dun futuro máis prometedor. E tamén en apoio daqueles que chegan á nosa terra fuxindo de guerras, persecucións e da fame propiciada polo cambio climático. 






CHARLA SOBRE O MEL

Consello Regulador do Mel de Galicia. Mércores 13 de marzo de 2019.

sábado, 2 de marzo de 2019

ENTROIDO NO CPI VIRXE DA CELA

O Entroido invade a nosa escola como unha ráfaga de cor, alegría, humor, gargalladas, música e baile. O escenario deu cabida á exhibición dos talentos dos rapaces e rapazas do CPI Virxe da Cela, desde os máis pequenos ata os máis maiores incluindo aos profes que nos deleitaron cunha estupenda exhibición de baile. E despois do estectáculo rematamos degustando un chocolate quentiño acompañado de rosquillas, churros e orellas.
Agora a gozar destas mini vacacións e....que VIVA O ENTROIDO!!!