viernes, 22 de enero de 2016

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2016. PROPOSTAS DA ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA.

Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal. A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais.
Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a  celebrar o  Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra:
Educación Secundaria e Bacharelato
Propoñemos o envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte: “Trocando en sonrisas / queixiñas e choros”, que se enviaría través das redes sociais, en calquera das súas múltiples aplicacións e formatos, acompañado dunha imaxe alusiva a Rosalía. Esta acción pode realizarse, con autorización previa da dirección do centro e supervisión das/os docentes, durante un período concreto de clase ou no período de recreo.
Educación Infantil e Primaria
A AELG propón a elaboración e envío dunha postal cun deseño alusivo ao Día de Rosalía, e cun verso ou estrofa que actúe de estímulo creativo para que rapazas e rapaces realicen un debuxo en torno á figura de Rosalía de Castro. Convidamos a que este traballo se realice na semana previa ao 24 de febreiro, para que ese día concreto se proceda desde os centros a un envío das postais aos enderezos das familias do alumnado, como agasallo rosaliano personalizado pola rapazada. Como texto propoñemos a seguinte estrofa de “Alborada”, tamén de Cantares gallegos:                                                 
                                                                  Canta, paxariño alegre,
canta!
Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.
 Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

Tamén, e co mesmo obxectivo, podedes achegarnos outras actividades que organicedes (vídeos, muráis, traballos…), así como toda aquela documentación (gráfica, audiovisual...) que derive da realización do Día de Rosalía no voso centro.