Mostrando entradas con la etiqueta "A aldea da miña infancia". Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta "A aldea da miña infancia". Mostrar todas las entradas

miércoles, 22 de junio de 2016

"A ALDEA DA MIÑA INFANCIA", PEPE DOPICO





     

Pepe Dopico, antigo mestre do CPI Virxe da Cela, visitou o centro o mércores 22 de xuño para presentar o seu libro “A aldea da miña infancia”, obra recentemente publicada a través do Concello de Paderne e a Deputación da Coruña. 
      Se ben o obxectivo inicial da charla era falar desta obra que relata a súa infancia nunha pequena aldea do rural galego alá polas décadas do 30 e 40 do pasado século, Pepe quixo transmitir a todo o público alí presente, principalmente mozos e mozas de educación secundaria, a importancia de achegarse aos nosos maiores para empaparse dos seus coñecementos e experiencias na vida, e valorar a estes “transmisores” do noso patrimonio inmaterial. 
     Ademais de abordar a súa faceta de escritor, Pepe Dopico narrou numerosas anécdotas acontecidas na súa etapa dedicada á docencia, así como a súa experiencia percorrendo en varias ocasións o Camiño de Santiago, como xornalista no periódico comarcal ou as súas incursións no mundo da televisión a través de varios spots publicitarios. Tamén deixou constancia da súa enorme paixón pola poesía recitando cunha espectacular memoria á nosa grande poetisa por excelencia, Rosalía de Castro. 
    Quedámonos coa mensaxe final deste home de 82 anos que destaca pola súa vitalidade e positivismo: debemos, ante todo, tratar de ser felices, e aproveitar todas “as cousas boas da vida”.