jueves, 22 de noviembre de 2012

A ESCOLA DOS MEUS AVÓS


O concurso “A escola dos meus avós” está integrado no Proxecto “Historia da escola en Galicia” de educaBarrié e busca a reflexión sobre a evolución da escola a través da realización dunha entrevista a un familiar ou coñecido, que na actualidade teña 65 anos ou máis, sobre a súa vida escolar (non universitaria) en formato multimedia ou de reportaxe xornalística. Tanto o documento da reportaxe xornalística como o link do vídeo, no seu caso,enviaranse anexos ao formulario do concurso.

A entrevista debe incidir en aspectos como as características do centro, as disciplinas, a metodoloxía de ensino, os docentes e a experiencia vital do entrevistado na escola. O entrevistado pode ser tanto un alumno como un docente daqueles anos, achegando este información verbo da súa experiencia como mestre e profesor. 

Os traballos presentaranse en equipos de cinco membros como máximo e de dous como mínimo. Un mesmo centro pode presentar todos os equipos que desexe de cada clase. En todos os casos, un ou unha docente farase responsable da coordinación do traballo e figurará como coordinador do proxecto, agás no dos alumnos universitarios. 

A convocatoria declárase aberta a partir do día 2 de novembro do 2012, DÍA DO ENSINO, e cérrase o 1 de abril do 2013 coincidindo co DÍA MUNDIAL DA EDUCACIÓN. A convocatoria diríxese a todos os centros de Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos formativos de Galicia, así como a estudantes universitarios, especialmente os de Ciencias da Educación e estudantes do máster de Formación do Profesorado, que o poden utilizar como proxecto do máster. 






lunes, 19 de noviembre de 2012

KAFKA E A BONECA VIAXEIRA



Este é o título do espectáculo teatral ao que asistiron os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria do CPI Virxe da Cela, que tivo lugar o pasado luns 12 de novembro no Auditorio de Narón. Esta obra teatral está incluída na Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil, e xa nesta mostra o alumnado da ESO tivo a oportunidade de ver a pasada semana a obra "Memorias dun neno labrego".



Este texto baséase nunha historia real acontecida a Franz Kafka un ano antes da súa morte. Paseando por un parque de Berlín, o autor atopou unha nena que choraba desconsolada porque perdera a súa boneca. Para calmar a pequena, Kafka contoulle que a boneca marchara de viaxe, e el, convertido en carteiro, tiña unha carta que lle levaría ao día seguinte ao parque. Durante tres semanas, o escritor checo estivo escribindo e levando cartas á mociña, narrando as peripecias da extraordinaria boneca deste todos os rincóns do mundo.

Para a versión galega, Sandra Romarís,  Emilio Cao e Xocas López adaptaron o texto orixinal  de Jordi Sierra i Fabra, Premio Nacional de Literatura no 2007, teatralizado por Guillem J. Graells. Baixo a dirección de Cristina Domínguez e Fernando Bernués, o espectáculo conta cun elenco de caras moi coñecidas no teatro galego. Xosé Manuel Olveira Pico, que na montaxe interpreta a Kafka, é un dos rostros máis recoñecibles da profesión, con vinte montaxes do Centro Dramático Galego (CDG), innumerables obras de teatro e a participación en series televisivas do éxito de Mareas vivas ou o Padre Casares. Rocío González, que exerce de Elsie na obra, traballou para o Centro Dramático Galego e outras compañías galegas. Pola súa banda, Lucía Regueiro, que interpreta a Dora, traballou con Teatro do Atlántico e na serie televisiva Libro de Familia, da TVG.


martes, 13 de noviembre de 2012

ELECCIÓNS PARA O CONSELLO ESCOLAR DO CENTRO


"Xa que temos o dereito de elixir, temos tamén o deber de participar". Este é o lema que lanza o alumnado de 4º da ESO para animarr ao alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO a efectuar as súas candidaturas para o Consello Escolar do Centro, conscientes de que a voz dos rapaces e rapazas ten que deixarse oir...



CAMPAÑA DE RECADACIÓN VIAXE DE FIN DE CURSO


O alumnado de 3º e 4º da ESO xa está mans a obra a preparar unha viaxe de fin de estudios. Non lles falta ilusión, nin ideas, e a partires de agora lanzarán todos os seus produtos a través da rede... A través do blogue  Xesteira informarán a toda a comunidade educativa das actividades que están a desenvolver para recadar cartos e así poder cubrir parte dos gastos da viaxe. Esperamos a vosa colaboración... e ide abrindo a carteira para compar a lotería, as plantas de nadal, as caixas de doces e todo o que nos ofrezan...


LIPDUB EU FALAREI


Recomendamos a todo o mundo visionar o LIPDUB EU FALAREI, para comprobar como o traballo en equipo pode dar uns resultados espectaculares. Ogallá exemplos como este poideran ser realizados en outros moitos centros escolares, non só porque son un vehículo para potenciar a nosa lingua, senón tamén porque fomentan a creatividade e convértense en auténticas pezas de arte audiovisual. 

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Chapela (Redondela) quere compartir con todos unha experiencia única que viviron a finais do curso pasado: a gravación do LIPDUB EU FALAREI. Neste traballo participou alumnado de todos os niveis (ESO, Bacharelato, FP oferta ordinaria e modular da quenda de nocturno), profesorado de todos os departamentos e persoal non docente. O proxecto transcendeu os obxectivos iniciais (concienciar ao alumnado da presenza decrecente do galego en moitos ámbitos e responsabilizalo da súa perdurabilidade) e serviu a toda a comunidade educativa para coñecerse mellor e vivir unha experiencia común que será, sen dúbida, marcaxeracional para o alumnado.

Esta actividade tivo un sorprendente éxito na rede (está aloxado en youtube) acadando a día de hoxe máis de 26000 visitas desde 73 paises diferentes.




domingo, 11 de noviembre de 2012

REPORTEIROS NA REDE


A Obra Social de Ibercaja, a través da liña INICIATIVA EDUCA, convoca o Concurso "Reporteiros na Rede 2012/2013" para fomentar o interese dos estudantes pola ciencia e a tecnoloxía. O alumnado participante debe realizar artigos de divulgación científica sobre un tema de actualidade, utilizando exclusivamente a información dispoñible en internet. Poderán participar profesorado e alumnado de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos con idade límite de 20 anos.
A fase de inscrición é do 1 de outubro de 2012 ao 25 de xaneiro de 2013 cumprimentando o formulario que aparece na web http://www.ibercajalav.net/
O prazo de entrega dos artigos finalizará o 1 de marzo de 2013. O artigo enviarase como arquivo adxunto, co nome de código de participación asignado na inscrición, á dirección de correo labvirtual@ibercajalav.net.
Premios:
  • Bacharelato e Ciclos Formativos:
    • 1º premio con valor de 700 €
    • 2º premio con valor de 500 €
  • ESO:
    • 1º premio con valor de 700 €
    • 2º premio con valor de 500 €
Os profesores coordinadores dos traballos premiados recibirán unha gratificación en efectivo en recoñecemento ao seu interese e gratificación.







jueves, 8 de noviembre de 2012

CONCURSO DE DESENO DE CUBERTAS DE LIBROS

O Departamento de Debuxo en colaboración coa Biblioteca Escolar organizan un concurso de deseño de cubertas de libros. Con esta iniciativa pretenden fomentar a lectura e así mesmo potenciar as capacidades creativas do alumnado. O Equipo de Fomento do Uso do Galego apoia esta proposta ofrecendo un premio á mellor cuberta dun libro escrito en lingua galega. Moito ánimo e a deixar voar a imaxinación...

MEMORIAS DUN NENO LABREGO


Este é o título da emotiva novela de Neira Vilas que o alumnado da ESO do CPI Virxe da Cela tiveron a ocasión de descubrir, na súa versión teatral, a través de interpretación do actor Cándido Pazó. Un espectáculo moi visual, xa que ademáis do talento de Pazó para narrar historias, elementos de videocreación axudaron a potenciar a escenografía. Esta actividade realizouse no Auditorio de Narón na mañá de mércores 7 de novembro de 2013. Animamos a todo o alumnado da ESO a aproveitar esta experiencia para aplicar toda a creatividade e imaxinación no concurso de "Deseno de Cubertas de Libros", organizado polo Departamento de Debuxo e a Biblioteca Escolar. Lembrade que o EDLG otorgará un premio ao mellor traballo en lingua galega.










OUTONO DE CIENCIA


A SXPL (Secretaría Xeral de Política Lingüística) vén de crear un novo espazo denominado "Outono de Ciencia". Novembro non é só un mes de tradicións (a mata, os magostos, o Samáin) senón tamén, dende hai una década, o mes de ciencia e, dende hai tres anos, o mes de ciencia e da tecnoloxía en galego.

O pasado martes 6 de novembro o alumnado de 3º e 4º da ESO tiveron a oportunidade de descubrir novos avances da ciencia a través dunha videoconferencia. Neste ocasión déronse cita no paraninfo do IES Otero Pedrayo de Ourense cinco investigadores galegos, presentando conxuntamente e on-line a conferencia co título "Facendo física de partículas polo mundo".


Contido da conferencia: Os experimentos do LHC no CERN levan máis de dous anos de toma de datos. Neste período producíronse resultados científicos de grande interese. A descuberta dunha resonancia que podería ser o bosón de Higgs, que foi noticia de primeira páxina en todos os informtivos do mundo, a pescuda de partículas supersimétricas, os resultados na busca do plasma de quarks e gluons, o estado da materia do universo primitivo, son só algúns dos fitos acadados. Neste proxecto internacional traballan físicos galegos que colaboran con colegas de todo o mundo nun contexto multilingüe. Moitos deles utilizan o noso idioma para realizar parte do seu traballo, tanto no contexto informal de discusións entre eles, como para a realización de traballos científicos (teses e teses de mestrado) así como na docencia e a divulgación científica. Nesta actividade reuniremos nunha videoconferencia a varios investigadores espallados polo mundo que participan nos experimentos do LHC e que nos contarán a súa experiencia científica e lingüística e as vantaxes que lles supuxo saber falar galego.

Relatores: Patricia Conde. Investigadora no LIP de Lisboa. Física do experimento ATLAS do CERN. Olalla Castro. Profesora no City University en Londres. Investiga en Teoría Cuántica de Campos. Abraham Gallas. Investigador no CERN e na USC. Físico do experimento LHCb do CERN. Carlos Salgado. Investigador no CERN e na USC. Investiga o estado da materia nos primeiros instantes do Universo.. Cibrán Santamarina. Profesor da USC. Traballa no experimento LHC do CERN.  


 


martes, 6 de noviembre de 2012

MAGOSTO NO MOSTEIRO DE MONFERO



Pensemos nun lugar de gran beleza, onde a natureza e o home están en total  sintonía, pois seguramente alí poderiamos atopar un mosteiro . Iso é o que acontece en Monfero, que conta cunha das xoias patrimoniais da nosa Comunidade: o “Mosteiro de Monfero”. Coñecelo e o primeiro paso para valóralo, ao tempo que valoramos a nosa  identidade cultural. Este é o principal obxectivo da primeira saída do novo curso escolar. O pasado luns 5 de novembro o alumnado de 2º e 3º ciclo de educación primaria gozaron del e da súa fermosa e triste historia (dado que na actualidade ten perdido moito do seu esplendor) grazas a visita guiada organizada en colaboración co Concello (o cal agradecemos a súa colaboración).

Con ela puidemos trasladarnos 500 anos atrás e imaxinarnos unha vida sen comodidades, de moito traballo e esforzo colectivo. Igualmente comprendemos que a nosa paisaxe non é algo inalterable, que cambia co transcorrer dos anos influenciada polos usos e costumes dos homes e mulleres que nela conviven e que resulta imprescindible tomar conciencia do uso que dela facemos.
 
O pasado luns 5 de novembro o alumnado de 2º e 3º ciclo de educación primaria do CPI Virxe da Cela celebraron o Magosto nun escenario inmellorable: o Mosteiro de Monfero. Aproveitaron esta ocasión para salir das aulas e recibir unha importante lección de apreciación e valoración do noso patrimonio cultural: a recuperación da tradición desta festa das castañas e a visita guiada ao mosteiro, unha xoia da arquitectura.

Completaron esta xornada con actividades lúdicas: xogos populares que se desenvolveron no patio escolar e no pavillón polideportivo.




FESTA DAS CABAZAS

Un ano máis aproveitamos estas datas para recuperar a tradición do Samaín ou festa das cabazas. Todo o alumnado de educación infantil e educación primaria colaborou aportando a súa propia cabaza, decorada e "tuneada" para a ocasión. Nos corredores da entrada do cole podedes ver todas as propostas do alumnado, e próximamente editaranse uns marcapáxinas combinando todas as fotografías. 

lunes, 5 de noviembre de 2012

III DÍA DA CIENCIA EN GALEGO


O martes 6 de novembro de 2012 o alumnado de 3º e 4º da ESO terá a oportunidade de experimentar unha nova sesión de "videoconferencia de ciencia en galego". Xa o ano pasado, a estas alturas, iniciámonos nesta experiencia ofertada pola CGENDL, e o resultado foi fabuloso. Poderemos, por tanto, volver a presenciar unha conferencia on-line, coa posibilidade incluso de formular preguntas e descubrir a inmediatez das novas tecnoloxías escoitando as respostas en "riguroso directo". Unha vez máis a maxia das TICs, que nos permiten aprender un "pouco máis motivados", agora que as novas xeracións prestan máis atención ás pantallas que aos que actuamos como docentes en directo!! De todos xeitos sabemos que o éxito está asegurado, cun título tan suxerente como"Facendo física de partículas polo mundo". Esperamos que os nosos alumnos/as estean ben atentos para poder logo explicar misterios tan incomprensibles como o da partícula de Higgs ou" bosón de Higgs".


sábado, 3 de noviembre de 2012

ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela en 1950 e faleceu na mesma cidade en 2002. Formou parte do denominado "Grupo Abrente" que, a partir da década dos 70, renovou e actualizou tanto a escrita como as representacións dramáticas galegas. Todas as súas actividades xiraron sempre, e en exclusiva, arredor do teatro: desde a creación do "Grupo Antroido", en 1975, até a súa compañía actual "Teatro do Aquí", pasando pola breve experiencia da cooperativa "Teatro do Estaribel". En 1978 deu o paso definitivo que levou ás xentes do teatro galego a se transformaren en profisionais, superando de vez a pantasma de "amador" que pairara sempre sobre a historia do noso teatro. A súa produción está caracterizada polo compromiso co país e a lingua, a experimentación estética, e o diálogo coa tradición, tanto culta como popular, literaria e histórica, social e política. O feito de que Vidal Bolaño escribise para a súa compañía, coa urxencia que esixe a obrigada estrea anual e a atención dedicada ao texto espectacular, non empeceu en absoluto a calidade literaria dos seus textos dramáticos, nos que as resonancias de Otero Pedrayo e Valle Inclán se transforman en esmaltes que enriquecen a súa literatura e agasallan ao lector. A pesar de que xa nas décadas dos setenta e oitenta lograra diversos premios ("Abrente", "O Facho" e "Ciudad de Valladolid"), como aconteceu con outros integrantes do "Grupo Abrente", o recoñecemento artístico de Vidal Bolaño non se produciu até os anos noventa, cando a obtención de premios institucionais, galegos e portugueses ("Rafael Dieste", "Alvaro Cunqueiro", "Xacobeo 92", "Eixo Atlántico", "María Casares"...), normalizou tanto a publicación das súas obras como o seu coñecemento por parte da prensa e, en consequencia, do público. A súa forte personalidade deixou unha profunda pegada nos dramaturgos máis novos, cuxas consecuencias se verán co trancorrer do tempo. A figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño foron fundamentais na construción dun teatro nacional galego.