Este é o título do espectáculo teatral ao que asistiron os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria do CPI Virxe da Cela, que tivo lugar o pasado luns 12 de novembro no Auditorio de Narón. Esta obra teatral está incluída na Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil, e xa nesta mostra o alumnado da ESO tivo a oportunidade de ver a pasada semana a obra "Memorias dun neno labrego".
Este texto baséase nunha historia real acontecida a Franz Kafka un ano
antes da súa morte. Paseando por un parque de Berlín, o autor atopou unha nena
que choraba desconsolada porque perdera a súa boneca. Para calmar a pequena,
Kafka contoulle que a boneca marchara de viaxe, e el, convertido en carteiro,
tiña unha carta que lle levaría ao día seguinte ao parque. Durante tres
semanas, o escritor checo estivo escribindo e levando cartas á mociña, narrando
as peripecias da extraordinaria boneca deste todos os rincóns do mundo.
Para a versión galega, Sandra Romarís, Emilio Cao e Xocas López
adaptaron o texto orixinal de Jordi Sierra i Fabra, Premio Nacional de
Literatura no 2007, teatralizado por Guillem J. Graells. Baixo a dirección de
Cristina Domínguez e Fernando Bernués, o espectáculo conta cun elenco de caras
moi coñecidas no teatro galego. Xosé Manuel Olveira Pico, que na
montaxe interpreta a Kafka, é un dos rostros máis recoñecibles da profesión,
con vinte montaxes do Centro Dramático Galego (CDG), innumerables obras de
teatro e a participación en series televisivas do éxito de Mareas vivas ou o
Padre Casares. Rocío González, que exerce de Elsie na obra, traballou
para o Centro Dramático Galego e outras compañías galegas. Pola súa banda, Lucía
Regueiro, que interpreta a Dora, traballou con Teatro do Atlántico e na
serie televisiva Libro de Familia, da TVG.
No hay comentarios:
Publicar un comentario