martes, 30 de junio de 2015

O PROXECTO DRAGAL NO CURSO 2014-2015

Xulia Marqués Valea vén de publicar unha memoria do desenvolvemento do Proxecto Dragal no presente curso académico 2014-2015. O CPI Virxe da Cela participou por vez primeira neste proxecto, que xa leva dous anos de andaina. Nas palabras da autora deste texto publicado na Revista Galega do Ensino Eduga nº 68: 

 O Proxecto Dragal é un proxecto de dinamización multimedia e multidisciplinar que anima o alumnado a ler, a crear e a investigar en galego e que ten a súa base na triloxía homónima da escritora Elena Gallego Abad. Este curso, Dragal chegou a 659 alumnos e alumnas de 1.º e 2.º curso da ESO de once centros das catro provincias galegas. Nel estiveron directamente implicados máis de 55 docentes coordinados polos EDLG dos centros educativos e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da súa coordinación central técnica. O Proxecto Dragal contou cun wiki de acceso restrinxido aos dragaliños, ou alumnos e alumnas participantes no proxecto, e mais aos seus profesores. Alí puideron atopar xogos en liña relacionados coa temática da triloxía, propostas de traballo e materiais para abordalas. Ademais, o wiki do proxecto, onde os rapaces e rapazas realizaron e compartiron traballos, renovouse con novas funcionalidades.

Se queres ler o resto do texto preme no seguinte enlace:

http://www.edu.xunta.es/eduga/846/experiencias/o-proxecto-dragal-no-curso-2014-15

 http://www.edu.xunta.es/eduga/print/846/experiencias/o-proxecto-dragal-no-curso-2014-15

REFRÁNS E LENDAS: 6º EDUCACIÓN PRIMARIA

Dende a área de lingua galega plantexámonos unha recopilación de refráns, ditos e lendas da zona por parte dos rapaces de sexto valorando o patrimonio inmaterial da nosa sociedade. Os rapaces fan memoria daqueles refráns que escoitaron a miudo na casa e ilústranos ó tempo que ofrecen unha explicación do seu significado. Esta tarefa foi realizada por todos os alumnos. Sen embargo a recopilación de lendas costoulles máis traballo quedando apenas iniciada e terá a súa continuidade no vindeiro curso.

viernes, 26 de junio de 2015

TRAEMOS A VIDA Á ESCOLA

Despois de visitar o muíño de Calaza, despois de coñecer o “burro” sentimos a necesidade de buscar nas nosas casas aqueles aparellos, que hoxe en día xa quedaron obsoletos e que moitas veces nos resultan xa descoñecidos, incluso non sabemos xa o seu nome. Así os rapaces de quinto e sexto nos fomos de “caza” fotográfica… parte das nosas adquisicións se atopan nas diapositivas que seguen. Como sabemos, «o que non se coñece non se ama», e como nós amamos o noso terruño, e a nosa xente, o mellor que podemos facer é buscar o coñecemento do que nos pertence. Todos estes vestixios do pasado e tamén os sucesos do día a día, sonnos revelados polos nosos maiores e nós debemos facer de correa de transmisión e de gardiáns destes tesouros que nos conforman como sociedade cunhas características determinadas. Carmen Espiñeira.

 

jueves, 25 de junio de 2015

miércoles, 24 de junio de 2015

martes, 23 de junio de 2015

CONTACONTOS BULULÚ






O venres 19 de xuño, último día lectivo no calendario escolar 2014-2015, o grupo Bululú ofertou na biblioteca escolar un espectáculo de contacontos e teatro para o alumnado de educación infantil. Foi unha actividade moi divertida, xa que tanto os nenos e nenas como as mestras Isabel e Lucía participaron activamente interpretando diferentes papeis nos contos do revés, como a curiosa historia de O Lobo Caperucito… Disfraces, risas, xogos, ingredientes perfectos para deixar un fantástico sabor de boca a este curso que xa remata.

miércoles, 17 de junio de 2015

CHUSCO, UN CAN SIN DONO



Chusco era un can moi maior.Vivía nunha ruela. Unha noite de inverno,Chusco tremía de fame e frío.  Así comeza esta fermosa historia que ten por protagonista un canciño chamado Chusco, e aínda que o noso protagonista sexa velliño e teña fame e frío, veremos que coa axuda doutras personaxes este conto terá un final feliz. Así o representaron, a modo de "teatrillo", os nenos e nenas de 5º de primaria coa súa profesora de relixión, Begoña Allegue. Unha actividade moi divertida que permitiu traballar a solidariedade, a empatía, o cooperativismo e outros valores tan importantes para vivir en harmonía.  


O ROUBO DE PONTENOVA

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI Virxe da Cela recomenda a lectura deste interesante relato de Clara Brage, estudante de 5º de primaria. Ten todos os ingredientes para enganchar ao lector: un argumento interesante, unha boa dose de intriga, personaxes ben curiosos, unha trama que se vai desenmarañando pouco a pouco e un final sorprendente! Sabemos que tamén encandilou ao xurado do concurso literario "O Facho", resultando finalista do mesmo. Parabéns, Clara, por todo o teu talento e ánimo para continuar desenvolvendo a túa carreira de escritora!




lunes, 15 de junio de 2015

APADRIÑAMENTO LECTOR NA BIBLIOTECA CASTELAO

Escoitáchedes falar algunha vez do "Apadriñamento Lector". Pois dicirvos que é unha iniciativa que está tendo moitísimo éxito entre o alumnado de infantil e primaria do CPI Virxe da Cela. Carmen Espiñeira, encargada da Biblioteca Escolar, explica con todo detalle este "invento" que comezou a funcionar fai un meses e que é seguro que continúe desenvolvéndose en cursos venideiros:

"A principios de curso, propúxose por parte da Biblioteca “CASTELAO”, a posibilidade da creación de clubes de lectura. A proposta foi moi ben recibida por parte dos alumnos de quinto e sexto de primaria, dos que saíron dous clubes: 
1. En quinto xurdiu un con oito participantes. 
2. En sexto outro con doce participantes. 

Por outra banda, o día internacional da biblioteca (24 de outubro), os nenos de infantil recibiron o seu carné de usuarios da biblioteca. Pouco a pouco, e vendo que os clubes funcionaban (reunións en xoves alternos no horario do recreo do comedor, para comentar o libro que cada grupo estaba a ler), foi tomando corpo a idea do apadriñamento con moi boa acollida por parte do alumnado. Así, a comezos de decembro cada membro dos clubes de lectura se comprometeu a acompañar nun recreo, cada quince días a un neno ou nena determinado, para gozar dun rato de lectura. Algúns padriños tiñan dous afillados polo que todas as semanas tiñan que adicar un dos seus recreos ós seus compañeiros máis pequenos".

 

domingo, 14 de junio de 2015

XOGOS LÚDICO-MANIPULATIVOS



Presentamos un novo xogo lúdico-manipulativo elaborado polo profesorado e alumnado de educación infantil e educación primaria do CPI Virxe da Cela. E que é posible aprender xogando...!!! Nas palabras das mestras implicadas: "Reunímonos e acordamos crear un Trivial, unha Oca e un Twister da Natureza. Ditos xogos partirán das aulas de Ed. Infantil e 3º ciclo de Ed. Primaria e queremos recadar a cooperación do profesorado e das familias. O primeiro en realizarse e o “Trivial da Natureza” xogo lúdico manipulativo no que seguindo a estrutura do “Trivial” tradicional se inclúen preguntas aportadas polo alumnado, profesorado e familias das diferentes áreas curriculares e un apartado de cultura xeral que permita identificar as singularidades da nosa comarca e do seu patrimonio. A “Oca das Fragas do Eume” sigue a estrutura da oca tradicional, pero as súas casillas conteñen preguntas relacionadas co medio natural e co patrimonio cultural das Fragas do Eume. O Twister das Fragas do Eume conta cos círculos de xogo ilustrados coas aves máis comúns no noso medio natural. Esta deseñado para o alumnado de Ed. Infantil."

DISCURSO GRADUACIÓN IES FRANCISCO AGUIAR, BETANZOS


Estamos ben orgullosos de publicar neste espazo o discurso de Graduación da Promoción 2014-2015 do Instituto Francisco Aguiar (Betanzos), acto que se celebrou o pasado 28 de maio de 2015. Nesta ocasión o noso ex-alumno e activo colaborador de Xesteira, Antonio González López, foi o encargado de transmitir unhas palabras repletas de cariño, agradecemento e incluso "morriña", acompañado pola súa compañeira de estudos Sarela Rodríguez. 
Parabéns, Antonio, por ser non soamente un alumno exemplar, senón unha grande persoa en todos os aspectos, e moita sorte para esta nova etapa, a da vida universitaria, que está chamando a túa porta. Con todo cariño. 

PAPEL DE DRAGÓN

Os alumnos/as de 1º e 2º da ESO fixeron papel reciclado no laboratorio que logo se utilizou para expoñer os traballos sobre a Bioloxía de Dragal, co obxectivo de participar na conservación e mellora do medio natural aplicando os principios do reciclaxe e reutilización de materiais elaborados polo propio alumnado. Departamento CCNN.


BIOLOXÍA DO DRAGAL

A partires da lectura de “Dragal” os alumnos/as de 1º e 2º da ESO investigaron a forma que fixera posible que un dragón real puidera xenerar lume de xeito natural, inventando características, alimentación e reprodución, dentro dunha “lóxica” . Os traballos fixéronse dixitalmente e, impresos en transparencias, expúxeronse sobre papel reciclado previamente elaborado por eles. O obxectivo principal desta actividade é promover a creatividade do alumno a partir dos seus coñecementos xerais sobre a fisioloxía animal. Departamento de CCNN. 

sábado, 13 de junio de 2015

QUE É? O XOGO DAS DEFINICIÓNS

A radio chega a Monfero, á súa escola porque a radio non ten cancelas, non ten idades...só require da voz e da naturalidade da que estes meniños van cheos. Visión dos rapaces de primaria do CPI Virxe da Cela. Definicións puras e auténticas, a base de inxeniosas e inocentes respostas.

Que é a Operación Pokemon: 5º e 6º de Primaria: 

Que é un político? 1º e 2º de Primaria: 


Que é un rei? 1º e 2º de Primaria: 

Que é unha mesa? 1º e 2º de Primaria: 

Que é internet? 1º e 2º de Primaria:

Que é o que máis lle gusta aos rapaces de 1º e 2º do CPI Virxe da Cela? Contan neste audio como son, que lles gusta, que queren, ser...

OS CONTOS QUE ESTÁN POR CONTAR

O libro imaxinario que está na mente dos rapaces de 3º e 4º do CPI Virxe da Cela de Monfero. Un libro que inda non está escrito pero que ninguén sabe se no futuro terá a súa propia edición. Unha vez máis a radio amósase como ese artiluxo que xera maxia e todos sabemos que os rapaces devecen pola maxia.


A cebra fusca:


A bañarse:

A princesa que soñaba con ser princesa: As voces destes meniños de 1º de primaria dan luz a este conto dunha princesa que soñaba con ser princesa.

Un mundo sen papel: É posible que no futuro desapareza o papel? Onde debuxarán os nenos? Tiraranse ao lixo os libros? Ninguén escribirá a man? As solucións atoparédelas neste conto dos alumnos/as de 3º e 4º de Primaria.

Pedriño e os animaliños: Recreando o conto de Pedriño e os animaliños, por parte do alumnado de 2º de Primaria.

Vivan o can e o gato: Os rapaces e rapazas de 2º de primaria do CPI Virxe da Cela deixan voar a súa imaxinación e para elo fan un conto chamado "Viva o can e o gato" .

O conto dos Xogos Olímpicos: Os rapaces de 1º do CPI Virxe da Cela nos contan un conto pero, un momento, ¿non eran os maiores os que contaban contos para que os nenos durmisen? aquí cambia a historia, os nenos contan contos ós maiores para que esperten.

LIBRO DE RECEITAS EN COLABORACIÓN ALUMNADO DE ESO E EDUCACIÓN INFANTIL

jueves, 11 de junio de 2015

VISITA AO MUÍÑO DE CALAZA









    O 26 de febreiro de 2015 Camino, a directora do CPI Virxe da Cela, propuxo ir dar unha volta polos arredores para coñecer un muíño que está perto do colexio e que foi restaurado recentemente polos seus donos: o muíño de Calaza. Xuntámonos no cruce do Xestal con Constantino, un veciño, e con Magdalena, nai de Laura de sexto de primaria. 
    Sen saír do punto de encontro, Constantino contounos cómo cambiou o Xestal. Antes era unha aldea na que se podía vivir sen saír dela en todo o ano. A agricultura e a gandeiría proporcionaban unha economía de subsistencia para todas as familias, e non faltaban artesáns que producían o necesario para os seus veciños: costureiras, zoqueiros, ferradores, cesteiros, había médico, veterinario…, áta había un salón no que se reunía a xuventude os fins de semana para botar uns bailes. Pouco a pouco, como en toda Galicia, a xuventude foi marchando en busca dun futuro mellor, ou iso pensaban, quedando moitas casas baleiras. Na súa cara poidemos observar como botaba en falta a vida que nun tempo rebulía na zona. 
    De camiño ó muíño, descubrimos o mal adaptados que estamos xa ó noso entorno e comprendimos a Constantino cando nos falaba dos traballos que pasaban de pequenos acompañando o gando ó monte…, nos xa non sabíamos andar polo medio dos toxos. No medio do camiño descubrimos unhas colmeas que Constantino foi visitar. Algúns dos rapaces intentaron seguilo e aprendemos que as abellas non deben ser molestadas, algo que por experiencia sabían os nosos acompañantes maiores por estar máis en contacto coa natureza. 
     Chegados ó muíño fomos recibidos por Manuel de Calaza e o seu fillo Germán… E xa empezaron as sorpresas. Esa ponte sobre a que estamos colocados, está formada sobre unha única pedra de pizarra que Manuel axudou a levar no seu momento. Con atención seguimos as explicacións de Manuel, que nos explicou o que era a maquía, unha forma de pago ó muiñeiro que consistía en dar parte da fariña que se sacaba do gran. Tamén nos demos conta do valor da “palabra”. Os clientes deixaban o saco á porta do muíño aínda que non estivera o muiñeiro e recollía a fariña ó día seguinte, tamén sen necesidade de que estivera o muiñeiro. Manuel explícanos como decidiu arranxar o muíño, poñelo de novo en pé despois de que o tempo sen uso o deixara sen teito, sen portas… Na súa cara pódese observar a ilusión de compartir cos veciños a súa propiedade, e non só cos veciños, senón con calquera que queira pasar un día de lecer baixo cuberta e rodeado de natureza. Por fin chegou o momento de ver se a restauración chegaba tamén ó mecanismo do muíño. Vimos como a forza motriz da auga, cun respecto absoluto pola natureza, era capaz de triturar o gran. Nese momento fomos conscientes de como debía ulir aquel lugar nos seus mellores momentos, xa que un lene olor era despedido polas moas ou pedras do muíño. 
     Unha vez rematadas as explicacións do funcionamento e postos os nomes a cada peza do muíño, dispuxémonos a saír, non sen antes pedirlles ós nosos guías unha foto para a posterioridade, ó tempo que agradecíamos as súas explicacións. Unha sorpresa nos agardaba aínda. Agochado detrás da porta atópase o burro, unha especie de guindastre que servía para que unha soa persoa poidera quitar as moas do muíño e arranxalas para que moeran mellor. Foi difícil marchar de alí. Os nosos guías eran un pozo sin fondo de sabiduría e xenerosidade. O estar con eles comprobamos o dito africano: Fai falta un pobo para educar a un neno. Adeus, Manuel. Recollemos a túa invitación a disfrutar noutro momento do teu muiño. Moitas grazas pola túa acollida e sinxeleza. E moitas grazas tamén por restaurar e poñer a disposición de todo aquel que queira a túa propiedade. Carmen Espiñeira López. Xuño 2015.

ARGALLANDO EDUCACIÓN E TEMPO LIBRE

Dende a Illa dos SOÑOÑOS onde os soños fan que todo sexa posible, a Soñoña Ana viaxou ata o noso centro o xoves 27 de novembro. Unha vez nel e cos peques de infantil, na biblioteca pasamos momentos máxicos, disfrutando coas nosas sensacións e aprendendo coa sabedoría e fórmulas máxicas dos SOÑOÑOS a xestionar estados de ánimo como o medo, a alegría... Foi divertido aprender a través de contos e ser partícipes deles.








INFORMATIVO POSITIVO NO CPI VIRXE DA CELA

O tempo voa na nosa redacción (Laboratorio Radiofónico con Lucía Abarretegui e Sergio Pascual), eno terceiro trimestre deste 2015 a nosa radio recibe ós redactores de 5º e 6º de primaria. Con Informativo positivo o achegámonos á figura do editor, aquel que decide qué información entra no programa e, moi importante, en que orde. Para que todo vaia ben terá que facer traballo en equipo cos redactores e productores. Neste caso por levar á contraria ós informativos convencionais, facemos un boletín cheo de novas boas: "Solidariedade para os nenos con cancro", "Na agricultura participan as mulleres", "Aínda que pareza mentira os españois reciclan", e "A riqueza das familias aumentou". 
 

miércoles, 10 de junio de 2015

A SAIA DE CAROLINA

Os peques de Infantil prepararon un baile para a canción popular de “A saia da Carolina”. O seu desenvolvemento tivo lugar na época dos Maios e coa celebración do Día das Letras Galegas, na cal os peques de infantil de 3-4-5 anos vestidos cunha saia as nenas e cun chaleque os nenos,decorados por eles mesmos, representaron a canción popular da Carolina. Colaborando os rapaces e rapazas de secundaria, cun acompañamento instrumental e vocal.


RECETARIO DA GASTRONOMÍA GALEGA E DA NOSA CONTORNA

Esta actividade fíxose conxuntamente con alumnado de educación infantil e 3º ESO. Os rapaces/zas de secundaria buscaron receitas da zona, e educación infantil encargouse de facer os debuxos correspondentes ás receitas.




DEGUSTACIÓN DE FROITOS E FROITAS TÍPICOS DO OUTONO

Nesta actividade tratouse de espertar nos nenos e nenas de educación infantil a sensibilidade cara os alimentos típicos do Outono e da súa contorna, proporcionándolles a ocasión para degustar, manipular e observar as froitas e froitos característicos: cores, sabores, olores, texturas e incluso sons. Os peques coa colaboración das familias trouxeron unha variedade ampla das mesmas ás aulas de infantil, onde fixemos unha gran festa degustativa e exposición. Ao tempo que sacamos fotos para a posterior realización dunha presentación de Power Point que se colgou na pestana "Infatnil" do Blogue “Xesteira” . Tivo lugar nunha sesión, participando todo infantil. Para levala a cabo contamos coa colaboración das familias quenes aportaron as diferes froitas e froitos. O alumnado ía probando e dicindo as características do froito ou froita: textura, sabor, cor…


PARCHERATA E PLUMALOCA

Os dous grandes protagonistas do proxecto "Os Piratas do Río Lambre" que o alumnado de infantil está a desenvolver, son o Pirata Parcherata e o seu Loro Plumaloca. Serán eles quenes coas súas singladuras nos axuden a descubrir a fauna e flora, así como a coidar a nosa contorna. Realizando actividades EDILIM, JClic, Power Point, Chroma... que favorezan a participación, cooperación e observación do medio natural. O seu desenvolvemento tivo lugar no día a día ao longo de todo o curso, coas diferentes aportaciones que os propios nenos e nenas ían facendo: mensaxes, mapas, xogos de mesa, cancións, videos, fichas de vocabulario… Así como coa colaboración dun mestre de educación secundaria do centro, quen interpretou o papel do pirata PARCHERATA, intentando que fose unha vivencia no mundo dos piratas.


OS "BOB ESPONJA" DE MONFERO COÑECEN A FLORA E FAUNA DAS FRAGAS DO EUME

Os peques de Infantil están a desenvolver neste curso escolar 2014-2015 moitos traballos relacionados con “Bob Esponja”, que será o elemento motivador que nos permitirá realizar diversas actividades relacionadas coa contorna próxima. Deste xeito e partindo das novas tecnoloxías, o alumnado de infantil será o protagonista dun vídeo realizado coa ténica do CHROMA. Medio audiovisual que ofrece a posibilidade de explorar, observar e coñecer a súa contorna ao mesmo tempo que amosar as súas aprendizaxes ao resto de alumnos/as do centro escolar. O seu desenvolvemento tivo lugar no día a día ao longo de todo o curso, coas diferentes aportaciones que os propios nenos e nenas ían facendo.


OS PIRATAS DO RÍO LAMBRE AMOSAN A SÚA CONTORNA

Os peques de Infantil están a desenvolver neste curso escolar 2014-2015 o proxecto “Os Piratas do Río Lambre”, o cal permitiranos realizar diversas actividades relacionadas coa contorna próxima. Deste xeito e partindo das novas tecnoloxías, o alumnado de infantil será o protagonista dun vídeo realizado coa ténica do CHROMA. Medio audiovisual que ofrece a posibilidade de explorar, observar e coñecer a súa contorna ao mesmo tempo que amosar as súas aprendizaxes ao resto de alumnos/as do centro escolar. O seu desenvolvemento tivo lugar na época de Entroido, na cal os peques de infantil de 4-5 anos disfrazados de piratas, amósanos nun video como coidan a súa contorna.

 

COÑECEMOS AS NOSAS FRAGAS






    O alumnado de 4º de primaria do CPI Virxe da Cela realizou esta actividade dentro do proxecto Somos paisaxe, somos vida. Consistiu na busca de información na internet das árbores que poboan as Fragas do Eume centrándose nas características máis importantes de follas, froito e flor así como na súa utilidade para as persoas e animais que os rodean. Posteriormente elaborouse unha presentación que se pendurou no blog do proxecto e unha serie de actividades coa aplicación de creación de contidos Ardora.

    Realizándose esta actividade tratouse de acadar os seguintes obxectivos: coñecer as características máis importantes da flora da nosa contorna; elaborar diferentes materiais en lingua galega; aprender a respectar e coidar o medio que nos rodea e fomentar o emprego das novas tecnoloxías.

FACENDO PAPEL NO COLE

Os alumnos e alumnas de 2º e 3º ciclo fomos en novembro á Aula de ecoloxía urbana de Ferrol onde nos aprenderon a facer papel reciclado. Gustounos tanto que quixemos compartilo co resto do cole e no mes de marzo ensinámoslle aos compañeiros e compañeiras dos outros ciclos como se facía.
Co papel que fixemos o alumnado de 5º de primaria elaborou carteis conmemorativos do Día das Letras galegas e o de 4º un poema ilustrado de Rosalía de Castro.
Aquí vos deixamos uns vídeos e unhas fotos que amosan estas actividades. Esperamos que vos gusten.



















martes, 9 de junio de 2015

PREMIOS LITERARIOS O FACHO


DICIONARIO PLURILINGÜE DAS FRAGAS DO EUME

Lucía Rielo, a profe de inglés de EI e EP, vén de realizar un interesantísimo traballo co seu alumnado de 3º e 4º de EP na propia materia de inglés:  un dicionario que recolle o nome das árbores e da fauna máis comúns da contorna das Fragas do Eume. Cada termo exprésase en galego, castelán e inglés amais de acompañarse por unha imaxe identificativa. Como punto de partida preguntóuselle aos rapaces e rapazas que elementos coñecían da natureza das Fragas e a partires daquí iniciose a investigación.  Posteriormente cada alumno encargouse da procura de dous termos. Unha vez atopados, tiveron que cubrir unha plantilla: nomes nos distintos idiomas e imaxes. Con esta actividade tan divertida e interesante os alumnos e alumnas poderán identificar a flora e a fauna da zona a la par que avanzarán no coñecemento tanto das nosas línguas oficias como dunha lingua estranxeira.




ANIMALANDIA





As imaxes que se presentan neste espazo son unha mostra do xogo "Animalandia", elaborado polo alumnado de 1º de Educación Primaria durante o segundo e terceiro trimestre deste curso académico. Como podedes observar, trátase dun xogo manipulativo para utilizar na aula, utilizando tarxetas con imaxes e nomes de animais. A intención deste xogo é fomentar o traballo en equipo e potenciar as destrezas de autoaprendizaxe do alumnado, e, por suposto, ir aprendendo á medida que se vai xogando, as principais características dos animais. 


lunes, 8 de junio de 2015

DA PREHISTORIA AO MEDIEVO


O mércores 27 de maio os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de primaria fomos a unha excursión ao Castelo de Vimianzo e a Cabana de Bergantiños, onde vimos o Dolmen de Dombate.

Este monumento megalítico servía para enterrar xente e está formado por unha serie de pedras no chan e outra pedra enriba. Ademais é un Dolmen especial porque ten pinturas rupestres e outro Dolmen máis pequeno ao lado. Para que se conserve ben construíron un edificio grande onde o teito se fixo inspirándose nas súas pinturas.

Despois de ver o Dolmen fomos ao Castelo de Vimianzo. As cousas que máis nos impresionaron foi a súa altura e o ben que se conserva para o antigo que é, xa que foi construído nos séculos XII e XIII. Ademais vimos a unha señora tecendo, a outra palillando e o guía contounos moitas cousas sobre a época dos irmandiños.

Para comer fomos ao Refuxio de Verdes que está en Coristanco a carón do río Anllóns. Alí había un muíño, mesas de pedra e algúns paisanos facendo o churrasco. Estivemos xogando, escalando nas pedras, a cando nos iamos mercar un xeado, uns rapaces que se estaban bañando no río salpicáronnos! Foi unha gran aventura!!


Alumnos e alumnas de 4º de primaria.




viernes, 5 de junio de 2015

CAMIÑO DE SANTIAGO









     Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI Virxe da Cela (Monfero) queremos recomendar a todo o alumnado e profesorado do centro a que visiten esta fabulosa exposición sobre o Camiño de Santiago. Está situada no segundo andar do edificio de secundaria, xunto diante da aula de informática. Neste espazo coidadosamente acondicionado e “tuneado” poderedes atopar un inmenso mapa que ilustra o itinerario do Camiño Francés por terras do norte da península, destacando os diferentes puntos de interese relixioso-artístico, así como unha mesa con gran cantidade e variedade de materiais explicativos (libros, folletos, revistas, etc). Incluso poderedes facer máis real a vosa “inmersión” polo Camiño de Santiago probando unha auténtica capa de peregrino, así como outros "accesorios": o sombreiro, o bastón ou báculo, a cuncha de vieira, a cabaza. Animádesvos?? 

      Queremos dar os máis sinceros parabéns a Teresa Losada, profesora de CCSS na ESO, promotora desta iniciativa, e tamén a Yolanda Castro, profesora de Relixión na ESO, que tamén puxo o seu esforzo e interese, aportando diferentes materiais expostos e axudando á montaxe da exposición, para levar a cabo este proxecto.


jueves, 4 de junio de 2015

PREMIOS CURUXO DO HUMOR

XOGOS DA NOSA COMARCA

A profesora Lucía Tríllo (educación física en EP) elaborou co seu alumnado este traballo de recollida do patrimonio inmaterial da nosa comarca: os xogos populares. Para isto os rapaces e rapazas tiveron que preguntar aos seus avós e avoas, veciños, etc. Son xogos moi sinxelos, xa que non precisan moita "infraestrutura", pero á vez moi divertidos porque supoñen unha actividade colectiva e con grande dinamismo. Ogallá que xeración tras xeración podamos ir transmitindo estes divertimentos que xa están a desaparecer en moitas zonas (especialmente os núcleos urbanos). 


miércoles, 3 de junio de 2015

PROXECTO "GÚSTAME DE ONDE SON". ESCOLAS EN ACCIÓN (REDE NATURA)

           

Con este proxecto pretendese acadar a implicación do alumnado, do profesorado e do conxunto da comunidade educativa no deseño e desenvolvemento dunha serie de actuacións, que supoñan a posta en valor do patrimonio natural imprescindible para o desenvolvemento, tanto social, económico como cultural da contorna. Centrase este proxecto nas Fragas do Eume, que presenta unhas características singulares que forman parte da identidade cultural de tódolos veciños. Realizaranse actividades nas aulas que permitan identificar as peculiaridades deste espazo e outras para desenvolver no entorno familiar que permita identificar a riqueza natural, patrimonial, económica, … deste espazo natural. Tamén se estudarán as problemáticas ambientais deste espazo e a súa repercusión no medio.

PRESENTACIÓN TRABALLOS DE RECOLLIDA DE TRADICIÓN ORAL DA ZONA







     O Departamento de Música do CPI Virxe da Cela leva case unha década recollendo a tradición oral da zona. Todos os anos os alumnos e alumnas de 2º da ESO teñen que facer este traballo “obligatorio”, así que xa vén sendo toda unha tradición… Son moitísimos os materiais que temos almacenados no disco duro do noso ordenador… e esperamos, nun futuro non moi lonxano, que todos estes documentos podan ver a luz e ter unha ampla difusión. Polo de pronto nos conformamos cunha presentación pública dos traballos desenvolvidos durante este presente curso académico 2014-2015 a través dunhas xornadas abertas ás que convidamos ao alumnado de 1º da ESO e 6º de primaria, que deste xeito xa se vai familiarizando coa tarefa que van ter que facer proximamente… 

      O alumnado de 2º da ESO optou por facer este traballo tanto de maneira individual como en grupo, así que nestas imaxes podedes observar como se van explicando os traballos axudados de presentación power point e de vídeos montados para a ocasión. Moitos dos informantes elixidos por estes rapaces/zas son un auténtico tesouro en sabedoría, e quedamos abraiados coa súa riqueza en léxico, a súa expresividade e a súa memoria!!! Temos que rescatar estas auténticas bibliotecas do saber popular. E quedounos máis que claro que todos estes avós e avoas, veciños/as, e xentes maiores están encantados cada vez que nos achegamos a eles a preguntarlles polo pasado, etapa que lembran con todo detalle e moita nostalxia…

lunes, 1 de junio de 2015

DRAGÓNS E OUTROS ANIMAIS FANTÁSTICOS NA ARTE

O alumnado de 2º da ESO elaborou na materia de Ciencias Sociais este interesante catálogo de animais fantásticos, un xeito de abordar de maneira interdisciplinar a lectura do libro "Dragal, a herdanza do dragón", de Elena Gallego Abad (Proxecto Dragal). 


VIAXE A UN PASADO MILAGREIRO

Enmarcado no Proxecto Dragal, imos realizar unha viaxe ao pasado a través da arquitectura do espírito e da paisaxe natural que a envolve, trazando unha liña recta que nos obrigue a atravesar vales e ríos; e a ascender os montes de Monfero, Aranga, Sobrado e Toques. Son lugares tan fermosos como ocultos. Están entre o misterio da néboa, das lendas e do silencio roto pola canción das árbores onde se pousan os paxaros cantores. Departamento Relixión.