En pleno século XXI, época na que os humanos
pasamos grande parte das nosas vidas relacionándonos e interactuando con máquinas e dispositivos en
lugar de facelo cos nosos iguais, César Cambeiro ensinou unha valiosísima lección
ao alumnado de 1º e 2º da ESO do CPI Virxe da Cela: a importancia de saber
falar, comunicarse e dominar a arte das palabras.
Partindo da historia que se narra no libro Dragal I: a herdanza do dragón, escrito
por Elena Gallego Abad e que constitúe o fío condutor do Proxecto Dragal (coordinado polo Equipo de Dinamización Lingüística e no
que participan diferentes departamentos), César Cambeiro mergullouse no
fantástico mundo das lendas, da mitoloxía, dos seres fantásticos, das crenzas e
supersticións, etc… Toda unha enciclopedia de saber, o noso patrimonio
inmaterial, unha importante fonte de riqueza que debemos de valorar, respectar
e axudar a transmitir para que siga viva nas vindeiras xeracións.
Un prato cociñado con moita retranca e humor
galego e condimentado tamén con esencia poética, que puidemos saborear durante
as dous sesións de tarde do xoves 16 de abril de 2015 nunha intensa actuación
na que César Cambeiro puxo toda a carne no asador, e de que maneira…! A intensidade da actuación subía e baixaba
como unha montaña rusa, e mesmo o público retorcíase a gargalladas para pasar, ipso facto, a un estado de sutil
encantamento ollando sen palpebrar e
escoitando con máxima atención os versos de amor de Roxín Roxal á súa amada
Tereixa, protagonistas dunha fermosa lenda ambientada na Ponte do Porco, lugar
onde o noso coñecido río Lambre únese á inmensidade da mar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario