sábado, 21 de junio de 2025

Unha gradación chea de emoción e ledicia: 4º da ESO despide unha etapa inesquecible

 Unha gradación chea de emoción e ledicia: 4º da ESO despide unha etapa inesquecible

Este venres vivimos un acto de gradación cargado de sentimentos. O alumnado de 4º da ESO do CPI Plurilingüe Virxe da Cela celebrou o peche dunha etapa fundamental das súas vidas, rodeado de familias, profesorado, compañeiros e compañeiras e representantes dos concellos de Monfero e Irixoa.

Tras semanas de esforzo, exames e dedicación, chegou o momento máis agardado: despedir un capítulo cheo de aprendizaxes, amizades e vivencias que  acompañarán para sempre. Entre as paredes do noso centro, estas rapazas e rapaces medraron, e hoxe levan consigo a pegada imborrable da súa casa educativa.

A cerimonia foi un reflexo das súas traxectorias: nervios transformados en orgullo, alegría mesturada con agradecemento. Compartimos palabras fermosas, lembramos anécdotas, sorrimos... e mesmo algunha bágoa, porque despedir o vivido nunca é doado. A mesma, organizada polo alumnado de 3º da ESO e polo profesorado do centro con moito agarimo.

Imaxe autoeditada dos momentos finais da celegración.

Desde o CPI Plurilingüe Virxe da Cela:

Queremos expresar o noso máis sincero grazas. Grazas por compartir este camiño, pola vosa ilusión e pola marca que deixades nestas aulas. Que esta casa siga sendo sempre o voso fogar.

Á promoción 2025:

Desexámosvos toda a sorte do mundo nesta nova etapa. Enfrontádea coa mesma valentía e forza que vos trouxo ata aquí. E recordade: as nosas portas estarán sempre abertas. Porque, máis aló do tempo, sodes parte imborrable da nosa historia.

Boa viaxe, querida promoción. Ata sempre.

Imaxe autoeditada dos momentos finais da celegración.

martes, 17 de junio de 2025

ENTREGA DE PREMIOS III CONCURSO AUDIOVISUAL ANPAS GALEGAS "SOMOS RURAL"

Fai meses o noso centro participou no III Concurso Audiovisual ANPAS Galegas "Somos Rural" coa proposta "Lendas do Mosteiro: Unha viaxe inmersiva ao pasado",  un proxecto interdisciplinar levado a cabo co alumnado de 3º da ESO. Aínda que non recaeu o premio neste proxecto, igualmente asistimos ao acto de entrega de premios que tivo lugar o luns 16 de Xuño de 2025 no CEIP Os Casais de Fene (centro gañador nesta edición do concurso), un acto moi entrañable no que prevaleceu o espírito de comunidade para tecer redes e defender o rural como un valor non so humano, senón pedagóxico. A presentación do acto e do concurso recaeu na presidenta das ANPAS Galegas (Isabel Calvete) e o presidente da Federación de ANPAS de Ferrolterra (Jaime Acuña). Acto seguido pasouse a unha interesada e animada conversa sobre os hórreos (elemento protagonista do proxecto gañador) por parte de Manuel Pico da Asociación Veciñal de Magalofes, Henrique Sanfiz de RadioFene e Laura Bouza de Laudas Calamity, laboratorio de creación artística, Bruno Lopes e Mª José Vila por parte das familias e o centro.

Todos/as os/as asistentes ao acto de entrega tivemos posteriormente a oportunidade de facer un visionado conxunto de todos os traballos participantes, de diferentes centros da xeografía galega, e cada cal centrado en diferentes elementos do noso patrimonio material ou inmaterial, entre eles o do noso centro CPI Virxe da Cela, que é unha chamada de atención ao deterioro do Mosteiro de Monfero, unha auténtica xoia en ruínas que esmorece no corazón das Fragas do Eume. Recibimos o diploma por parte da presidenta das ANPAS Galegas (Isabel Calvete) e do presidente da Federación de ANPAS de Ferrolterra (Jaime Acuña), e finalmente clausuraron o acto Mª José Vila (coordinadora) e Lorena Pita (Directora) do centro gañador.

Aproveitando a nosa visita a esta bonita escola rural, Mª José Vila ofreceunos un interesante "tour" polas instalacións, que destacan pola súa decoración e colorido, parte dela realizada por membros da ANPA volcados en construír unha atmósfera amigable para que os seus fillos gocen os anos que van estar escolarizados e que quedará para futuras xeracións. Parabéns por ese centro tan acolledor, tanto a nivel material como humano. 







jueves, 12 de junio de 2025

Ambientes na etapa da Ed. Infantil: mes de maio

No ambiente simbólico-construtivo, ao longo do mes de maio, contamos con diferentes propostas de construción con pezas de madeira que nos permitiron explorar, descubrir e crear minimundos. Montamos unha floristería para facer os nosos propios ramos e arranxos florais con flores naturais, convertémonos en auténticos carpinteiros e carpinteiras xogando co material de carpintería e levamos a cabo actividades de vida práctica creando un túnel de lavado de coches. Foi todo un éxito!

No ambiente de luces e sombras este mes contamos con diversas propostas, a mesa de luz chea de un campo de flores co que traballar a motricidade fina, os trasvases e o conteo, un cubo con bolboretas de cores translúcidas e lanternas para experimentar coas súas cores, formas e texturas, papel continuo, lámpadas e animais para realizar siluetas no chan e xogar coas dimensións e tamaños, e por último, un mural no que traballar con pintura fluorescente e desenvolver toda a nosa creatividade coa axuda da luz negra.

No ambiente artístico e sensorial, desenvolvemos a nosa faceta mais sensorial, coa mesa de experimentación, empregando serraxe, café, pan raiado… realizando transvases con diferentes botes e tamaños.Non deixamos de lado a motricidade fina, utilizando coladores, pinzas, embudos… por outra banda a nivel artístico, modificamos imaxes típicas de Monfero con papel cebola. Tamén, practicamos a estampación con selos de cartón con tempera sólida. Desenvolvemos a nosa ruta auditiva, empregando o Makey-Makey tocando un piano virtual. Por último, pintamos paus con temperas e pinceis, facendo centros moi decorativos e significativos.

Por último, no ambiente de lecto, mates e ciencia puidemos empregar a ruleta para xogar cun bingo de letras. Tamén traballamos os números grazas ao dominó ou ao xogo de Cerrar a caixa; lanzamos o dado, no que escribimos nós mesmos as letras, para intentar escribir coa axuda dos selos palabras que comezaran pola letra indicada. Ah! Ao sumo descubrimos o fenómeno da refracción e debuxamos o observado.

Para o vindeiro curso seguiremos! 





miércoles, 11 de junio de 2025

VISITA QUEIXOS CAGIAO. Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

O luns, día 9, o alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria visitaron Granxas Cagiao, situada en Paderne, co fin de coñecer o proceso de elaboración do queixo e tamén facer unha visita pola granxa. 

Os seus produtos recóllense dentro da marca Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo é un distintivo que recoñece aos produtos agroalimentarios e servizos do territorio que ofrecen uns valores acordes co espazo no que que se desenvolven.

Créase coa finalidade de diferenciar, engadir valor, promocionar e difundir os recursos locais, produtos e servizos que potencian as actividades económicas tradicionais e a economía social no marco da sustentabilidade do territorio amparado.

En definitiva, estamos ante unha empresa local baseada na promoción e defensa da calidade, garantía e orixe dos produtos da área da Reserva, obtidos a partir dun saber facer responsable e respectuoso co medio ambiente.

Porque outro futuro é posible!!

Ao rematar foron tomar a merenda á Área Recreativa de Medín e puideron xogar un pouquiño antes de volver para o colexio. 

 



Produto final programa Obseva- Acción. Fase IV. Internalización.

 Chega o remate da nosa participación dentro do programa Obseva- Acción. Esta última etapa (Fase IV. Internalización) deixa un produto final no que quixemos sintetizar as aprendizaxes adquiridas e a sús repercusión nas nosas aulas e na súa calidade educativa. 

Moitas grazas a todos os centros de formación do profesorado (en especial ao CAFI e ao CFR de Ferrol) que fixeron que está experiencia de aprendizaxe sexa inesquecible!!!


OBSERVA ACCIÓN VIRXE DA CELA 2025 de Maria del Camino

Fancine Enraizadas, xa o temos aquí!!!

Enraizadas 2025.pdf de Maria del Camino

O traballado nos tres centros educativos en Enraizadas (CEIP de Andrade, o CEIP Mosteiro de Caaveiro e o CPI Plurilingüe Virxe da Cela Virxe da Cela) ten a súa posta en común neste Fancine en prol da igualdade. 

Observa, pregunta e reflexiona e se precisas máis información non dúbides en consultar ao alumnado perticipante. 

No CPI Plurilingüe Virxe da Cela Virxe da Cela temos o alumnado do 5º curso da Ed. Primaria. 


martes, 10 de junio de 2025

RECOLLIDA DA TRADICIÓN ORAL DA ZONA

Alumnado de 2º e 3º da ESO do CPI Virxe da Cela realizan na materia de música unha recollida da tradición oral da zona. Un proxecto que se leva realizando no noso centro xa en anos anteriores, na que a rapazada vive a experiencia de entrevistar a persoas no seu ámbito familiar ou próximo buscando neses/as informantes material sonoro imprescindible para recuperar o noso patrimonio inmaterial. 

Compartimos a iniciativa dun alumno de 3º da ESO (MGT) que está a divulgar o seu traballo de recollida a través da súa propia canle en youtube, contribuíndo á transmisión da nosa música, a nosa língua e a nosa cultura. Parafraseando a este alumno: "neste primeiro episodio, mergullámonos nas raíces da nosa cultura para descubrir a forza e a beleza da música tradicional galega. Recordaremos cantigas que atravesaron xeracións e que seguen vivas grazas ao pobo galego. Moitas grazas á miña profesora de Música e Educación Dixital que accedeu a que xe fixera esta entrevista. ✨ Aprende sobre os orixes, as historias e os sons que definen unha parte esencial da identidade de Galicia. 💬 Non esquezas comentar cal é a túa peza tradicional favorita! 📌 Suscríbete para non perder os vindeiros episodios!"

 

viernes, 6 de junio de 2025

Hot Wheels velocidad a tope!

Pista empregada neste obradoiro.
 Nos obradoiros de ciencia o alumnado de Física e Química  levaron a cabo unha actividade experimental
empregando pistas e autos Hot Wheels para estudar os diferentes movementos estudados na materia: 

  • o movemento rectilíneo uniforme (MRU), 
  • o movemento rectilíneo uniformemente acelerado (MRUA)
  • e a caída libre e o movemento circular uniforme (MCU).

Esta actividade permitiunos visualizar e medir de forma práctica os conceptos físicos, facilitando a comprensión destes movementos fundamentais en cinemática.


Hot Wheels velocidad a tope! de Maria del Camino

jueves, 5 de junio de 2025

Compostaxe: toda unha experiencia de aprendizaxe

 Unha das premisas da nosa horta escolar é que nos permita adquirir hábitos da economía circular. Vendo que somos quen de aproveitar os recursos propios e os do medio na nosa vida diaria.

Non todo o que tiramos é lixo, podemos aproveitar moitos deses recursos para darlles unha nova vida como materias primas renovadas.

Non se trata que a recollida e xestión de residuos sexa labor industrial senón que na casa, no cole, podemos sumarnos á cultura da sustentabilidade.

Cultura desde a cal podemos aprender a cultivar o horto sen empregar fertilizantes químicos ou como facer compost en casa.

Como estamos aprendendo co coidado da horta non é unha tarefa difícil pero si que require de constancia e de coidado para que os procesos químicos de transformación sexan óptimos.

No cole escollemos a opción de facelo nun compostador, é dicir, un recipiente específico para este labor. Escollemos os embalaxes que nos cedeu Sogama para esta labor. Os mesmo viñeron acompañados dun obradoiro formativo que nos permitiu repasar os conceptos clave da reciclaxe.

Pero, que é o que temos que ter en conta para realizar esta tarefa?

  • A primeira  base será sólida para evitar a podremia.
  • Que os residuos orgánicos depositados sexan adecuados e que entre eles non vaia materia non apta para a compostaxe.
  • Xerar a compostaxe por capas, engadindo niveis intercalados: restos de residuos orgánicos e follas secas ou restos das colleitas.
  • Controlar a temperatura e a humidade para asegurarnos que o proceso de fermentación é o adecuado.
  • Asegurarnos que cando sexa necesario teña unha ventilación adecuada.
Toda unha experiencia de aprendizaxe!!!

Materiais para a compostaxe

Empregaremos materiais húmidos e materiais secos recolléndoos de forma selectiva para que non se convertan nun simple lixo.

Materiais húmidos e secos.

Desta forma, podemos ter o noso propio compost. Anímaste a poñerte mans a tarefa?

Ambientes de aprendizaxe na Ed. Infantil: mes de novembro

 AMBIENTES NOVEMBRO


No ambiente simbólico e construtivo, ao longo do mes de novembro, descubrimos un novo xogo, o Kapla, que conta con tablillas de madeira e unha chea de exemplos para facer e co que deixamos voar a imaxinación e creamos as nosas propias construcións. Aproveitamos tamén para construir torres con cartón traballando o conteo e a numeración. E, fomentamos o xogo simbólico que tanto nos gusta cunha castañeira!! Asamos castañas, preparamos e vendimos os cornetes… Foi todo un éxito!

No ambiente artístico e sensorial, estivemos a argallar a trimensionalidade co lápis 3D e coa obra de círculos de Sonia Delaunay, logo a arquitectura con arame seguindo a Elena Carrigton e tamén a creatividade reutilizando libros antigos para crear novas composicións. Seguindo coas formas xeométricas e empregando cintas, fixeron formas cadradas como en parte da obra de Mondrian. Para rematar e como estamos no outono, usando o frottage e a gama cromática que o caracteriza naceron composicións efímeras. Na mesa sensorial estimulamos o tacto e a motricidade fina, debullaron millo e vaciaron cabazas, usamos variedade de trasvases e a pesa para equilibrar e observar as diferenzas entre os diferentes materiais. Pasárono en grande! 

Por outra banda, no ambiente de lóxica-matemática e ciencia dispuxemos dun espazo no que comprobar o efecto producido ao mesturar auga con gotas de aceite e colorante. Foi fascinante!

Ademais, creamos palabras con letras escritas nas follas típicas da estación do ano na que nos atopamos. Aproveitando os elementos do outono, observámolos a través do microscopio, rexistramos o observado e o seu peso na báscula dixital; con estes mesmos elementos naturais creamos números e realizamos conteo. Ao sumo, construímos figuras seguindo patróns; e como non, aprendemos a xogar ao tres en raia.

No ambiente de luces e sombras, ao longo do mes contamos con diversas propostas como pezas imantadas fluorescentes coas que traballar a tridimensionalidade coa axuda da luz negra, retroproxector con distintos materiais e propostas, mesa de luz con números e figuras xeométricas para traballar o pensamiento computacional e por último, tamén dispuxemos de un cubo xigante con materiais de refugallo como CDs, caixas transparentes, papel celofán…os cales nos permitieron experimentar coa luz e as sombras, a superposición de cores…sen dúbida non tivemos tempo para aburrirnos!



A horta ecolóxica; aprendizaxe cooperativa e experiencial

Este curso seguimos traballando no horta ecolóxica que creamos en cursos anteriores. Traballamos na súa preparación, na plantación de plantas autóctonas e nos coidados, fixemos sementeiros, xeramos compost cos restos de froita das nosas meren-das e cos da comida do comedor.

Para o seu coidado empregamos ferramentas e recursos do día a día primando a reutilización en os novos usos (economía circular).

Mediante este traballo, o alumnado achegouse a ecosustentabilidade  desenvolvendo as súas competencias e tendo claro o importante que é o coidado e o respecto do medio ambiente.

Planificación das tarefas

A planificación do traballo é trimestral en colaboración coa Asociación Euroeume e dentro dela, co apoio de Ángel e de Chus, esta última unha das nosas nais. Comeza cunha reunión entre o profesorado e as persoas especialistas de EuroEume para concretar propostas, compromisos e responsabilidades. A mesma, realizase tamén co alumnado para identificar inquedanzas e motivacións cara o traballo na horta escolar e o coidado sostible do centro e dos seus recurso.
Desta forma, concrétanse para cada trimestre temos unha serie de tarefas fixas:
  • organizar os talleres de plantación
  • elaboración de compost 
  • reciclaxe dos residuos das aulas.
  • reutilización de materiais e recursos.
Isto complementase cos obradoiros formativos sobre produción ecolóxica realizados nas aulas con cada grupo das etapas implicadas. 

Imaxe autoeditada dos obradoiros formativos.

Actividades
1º trimestre
  • Setembro: organización de actividades, responsabilidades e tempos.
  • Outubro: comezamos un curso máis co proceso de compostaxe (cun obradoiro inicial para 4º da Ed. Primaria para coñecer a importancia e as características deste proceso). Limpeza de sementeiros. Recollida de sementes. Obradoiro sobre plantacións (6º da Ed. Primaria: plantas autóctonas, proceso rexenerativo da terra, rega).
  • Novembro: contamos cunha segunda composteira ocupándonos do seu coidado. Control e rexistro da temperatura e humidade do primeiro composteiro. Preparación dos bancais para os sementeiros. Control de pragas. Identificacións das necesidades: estrutúrante. Pechamos o primeiro composteiro e  abrimos o segundo.
  • Decembro: Sementeiros: transplantamos dous. Obradoiros sobre o crecemento das plantas. Creación de microcompostaxes. Control e rexistro da temperatura e humidade do primeiro composteiro.
Experimentamos os diferentes procesos dunha horta ecolóxica.

2º trimestre
  • Xaneiro:  mantemento da horta. Plantación dos cultivos restantes. Instalación dos invernadoiros. Montaxe do 3º e 4º composteiro. Contro do 1º e do 2º composteiro. 
  • Febreiro:  Obradoiros formativos  (tipos de cultivos: agroecoloxía e agricultura industrial). Avaliacións do proceso de compostaxe. Elaboración de carteis informativos. Control e rexistro da temperatura e humidade dos composteiro.
  • Marzo: Obradoiros formativos (5º de Ed. Primaria) sobre os procesos reprodutivos das plantas. Preparación de bandeiras con esgallos. 
3º trimestre
  • Abril : Distribuímos o estrutúrante en big bags para unha mellor conservación. Coidados das plantacións.
  • Maio: Coidados das plantacións.
  • Xuño: Mantemento da horta e dos composteiros.
Traballo cooperarivo e desenvolvemento competencial en conexión coa natureza.

Proxecto Terra: Obra de teatro. Contos de Ratos en Lonxe de todo


 Hoxe, o alumnado de Educación Infantil disfrutou dunha sesión teatralizada, no marco do Proxecto Terra. Nesta sesión, a Ratiña de Biblioteca presentoulles o pobo Lonxe de Todo. Contoulles a historia do seu pobo e a historia dun pobiño que se converteu nunha cidade chea de acero, cemento e grandes edificios, sen natureza algunha.... 

Grazas á obra achegáronse á realidade dos bosques galegos ameazados polo cemento e acero.



Imaxes da actuación cun público super entregado.




miércoles, 4 de junio de 2025

TEEN SIDE Nº 3

Atención rapazada!! Está a pundo de saír do forno un novo número da revista Teen Side (este sería xa o nº 3 da revista, xa que o curso pasado editouseo o nº 1 e 2) , elaborada polo alumnado de 1º da ESO con colaboracións doutros mozos e mozas do CPI Virxe da Cela. Aínda quedan os retoques finais, esperamos que antes de que finalice o curso podamos marchar con esta revista debaixo do brazo para gozar da súa lectura nas vacacións de verán. Esta revista está escrita en lingua galega e para a súa impresión contaremos co apoio do Equipo de Dinamización Lingüística e coa Biblioteca Castelao. 



lunes, 2 de junio de 2025

CONTACONTOS ILUSTRADO: AS CANTAREIRAS E POESÍA POPULAR (LETRAS GALEGAS 2025)

 O día 2 de xuño o alumnado de Ed. Infantil e o 1º, 2º e 3º curso de Ed. Primaria puideron desfrutar dun contacontos ilustrado baseado no libro Cantareiras. A poesía popular nas Letras Galegas 2025. 

Como sabemos, este ano a Real Academia Galega decidiu homenaxear ás cantareiras, mulleres que a través do canto e das pandeiretas foron transmitindo de xeración en xeración a nosa lingua e cultura. 

Para a realización desta actividade contamos con:

- Quique, de Polo Correo do Vento, que foi o encargado de contarnos a historia. 

- Tania Solla, a ilustradora. 

- Patricia Faro, a encargada de cantar e tocar diferentes instrumentos como a pandeireta, botella de anís...

O obradoiro finalizou coa realización dun debuxo guiado dunha cantareira. 

Desta forma o alumnado puido recoñecer o valor da muller na cultura galega. 

Imaxe autoeditada da proposta. 



Temos dereito!!!: Cinema con perspectiva.

Deseño de Maria del Camino

                         Temos dereito!!! Curta realizada polo alumnado de 5º curso da Ed. Priamria pola igualdade.

Este curso participamos no programa “Cinema con perspectiva”, unha proposta da Consellería de Educación da Xunta de Galicia creada para dotar de recursos aos centros educativos públicos para á consecución da igualdade efectiva e de dereitos entre homes e mulleres, á prevención da violencia de xénero e ao respecto pola diversidade afectivo-sexual.

Toda unha oportunidade para o alumnado de 5º de primaria para aprender a través da creatividade audio-visual con perspectiva crítica. 
A proposta ven da man da Asociación FICBUEU que ademais de organizar o Festival Internacional de Cine de Bueu, promove numerosas accións relacionadas directamente coa cultura cinematográfica e co seu potencial educativo. 
Desta forma, o alumnado de 5º curso fixo a súa primeira produción audiovisual desenvolvendo as súas competencias persoais e sociais cunha proposta creativa e crítica ante situacións que non son xustas nin éticas.

O primeiro paso para evitalas é ser conscientes de que suceden na vida cotiá.

                        

jueves, 29 de mayo de 2025

Xornadas de deporte inclusivo: Ponte no seu lugar (CPAP de Bergondo)

Este  27 de maio, contamos coa presencia da CPAP do @imserso de Bergondo para unha xornada deportiva moi especial.

Persoas usuarias e profesionais compartiron co alumnado de 3º a 6º da Ed. Primaria unha xornada de  deporte adaptado demostrando que a diversidade funcional non é un impedimento so unha forma diferente de interactuar nunha sociedade que moitas veces non é quen de adaptarse a diversidade das persoas. Ademais, esta actividade resalta o deporte como unha ferramenta clave para a autonomía e o benestar das persoas.

Así, esta xornada ademais de sensibilizar sobre a diversidade funcional permitiu dar a coñecer os deportes adaptados e paralímpicos, mediante a participación social.

Un día cheo de aprendizaxe e respecto!

Para isto, as catividades se realizan ao redor de tres bloques: Boccia, Baloncesto en cadeira de rodas e Ponte no seu lugar.

Para isto dividimos o pavillón do Concello en tres partes e organizouse  alumnado de 3º a 6º da Ed. Primaria en  4 grupos: 2 grupos na primeira quenda e os outros 2 grupos na segunda.

As rotacións duraron aproximadamente 20 minutos para que os 4 grupos de alumnas e alumnos podan interactuar nas tres actividades.

Antes de comezar as rotación realizamos unha breve explicación práctica e teórica de como se van a levar a cabo cada unha das actividades e as normas oficiais.

Estamos ante unha proposta na que alumnado xoga, aprende e interactura coas persoas usuarias vendo como a diversidade é igualdade de dereitos e oportunidades.




Imaxes da actividade. A capacidade de esforzo e de superación foi pura inspiración!

miércoles, 28 de mayo de 2025

ESPECIAL RADIOFÓNICO EDUCATION4THEPLANET

Compartimos convosco esta interesante entrevista realizada polo alumnado de 1º da ESO a Alberto Cortizas, teniente alcalde do Concello de Monfero, que visita o noso centro para a inauguración da nosa exposición de “Aritivismo” e tamén con Laura Gómez Vales (técnica da Fundación Ayuda en Acción para o proxecto Education4ThePlanet) o pasado martes 27 de maio de 2025, aproveitando a visita de ambos para a inauguración da exposición de "Artivismo". Este faladoiro estivo centrado no cumplimento da Axenda 2030 e a consecución do Obxectivos do Desenvolvemento Sustentable, especialmente o 11 e 12,  enfocados no medio ambiente, abordando temas como o cambio climático e a sustentabilidade.

lunes, 26 de mayo de 2025

16 de maio: Foliada das Letras Galegas e alfombra floral.

 O alumnado e profesorado está a celebrar esta semana o Día das Letras Galegas cunha programación especial dedicada ás Pandereteiras de Mens, protagonistas desta edición 2025.

Este grupo de mulleres, naturais da parroquia de Mens, no concello de Malpica, foi recoñecido pola súa importante contribución á preservación e difusión da tradición oral galega, especialmente a través dos cantos populares e do uso da pandeireta. Co seu exemplo, as Pandereteiras de Mens lembran a importancia da cultura popular e da transmisión xeracional das músicas e cantigas que forman parte do patrimonio galego.

Durante toda a semana, o equipo docente, xunto co responsable da biblioteca escolar, organizou distintas actividades para o alumnado.

O Día das Letras Galegas é unha oportunidade única para poñer en valor a nosa lingua e a nosa identidade como galegos e galegas. Celebrar a tradición oral e a música das nosas devanceiras é tamén unha forma de dicir que o galego está vivo e ten futuro.

Dende o centro animamos tamén ás familias a participar nesta celebración na casa, recuperando cancións tradicionais, falando en galego e compartindo historias e lembranzas da súa infancia. 






martes, 20 de mayo de 2025

Espazos seguros: obradoiros sobre sexualidade

Queremos que o noso centro sexa un espazo seguro no que o alumnado poida falar con tranquilidade sobre os cambios que se están a dar na puberdade. Non só cambios físicos, senón tamén psicolóxicos, emocionais e sociais.

Para isto, organizamos estes obradoiros para o alumnado de 5º e 6º da Ed. Primaria.

Para isto contamos co centro de sexoloxía “Con Mucho Gusto” cunha ampla experiencia en centros educativos.

  
Imaxe do centro de sexoloxía contratado para impartir estes obradoiros.

Así, quedaron fora de xogo un montón de dubidas das que tiña a rapazada!

E ademais contamos cunha guía de recursos para empregar na escola e na escola no intre de afrontar esta temática coa nosa rapazada. 



Materiais Complementarios 23_24.docx (2) (2).pdf de Maria del Camino

Exposición fotográfica do artista Irving Penn

 A semana pasada, o alumnado de 5º de Educación Infantil, realizou unha visita a exposición fotográfica do artista Irving Penn, na fundación de Marta Ortega da Coruña.

Nela, realizaron unha visita guiada e interactiva, onde os alumnos e alumnas observaron datos relevantes sobre determinadas fotografías, como adiviñar oficios, reflexionar sobre o que transmiten...

Con anterioridade, traballaron dende a aula o retrato, os bodegóns e a beleza da flora cando esta comeza a marchitarse, entre outros moitos.

Logo, realizaron un obradoiro interactivo por grupos onde crearon as súas propias composicións para posteriormente fotografialas.


Irving Penn na Coruña.

Foi un día moi creativo!





https://abalarbox.edu.xunta.gal/index.php/s/AQBpFmkxtpm8fzM

lunes, 19 de mayo de 2025

Proxecto Florín, Maleta Viajera de la Educación Financiera.

Este curso participamos do proxecto Florín, la Maleta Viajera de la Educación Financiera do ICO e da Universidade de Barcelona. Contamos con diferentes obradoiros nos que o alumnado da Ed. Infantil e da Ed. Primaria experimentaron con situacións de aprendizaxe onde se simulaban contextos reais. Toda unha experiencia que pensamos incluír nas actividades de aprendizaxe de vindeiros cursos escolares.

domingo, 18 de mayo de 2025

ENTREGA DE PREMIOS CERTAME DE POESÍA E RELATO CURSO CANCIONEIRO DE MONFERO

PREMIO `CANCIONEIRO DE MONFERO´ DE POESÍA E RELATO CURTO DO CPI VIRXE DA CE_20250429_221541_0000 by veracruces


Este ano, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, en colaboración co departamento de Lingua Galega e Literatura, decídese organizar un certame literario no centro co fin de seguir poñendo en valor a nosa lingua e achegar o alumnado aos distintos xéneros literarios. O I Certame Cancioneiro de Monfero de Poesía e Relato Curto pretende ser o primeiro de moitas edicións vindeiras nas que as rapazas e os rapaces do centro poidan expresar a súa creatividade a través da literatura en lingua galega.


Aproveitando a ocasión da celebración do Día das Letras Galegas e a xornada festiva no centro,  entregamos os premios deste I Certame Cancioneiro de Monfero ao alumnado galardoado:


2º premio da categoría 5º e 6º de Primaria para:
EVA OTERO GARCÍA
(30 euros para material escolar e un detalle do centro)


1º premio da categoría 5º e 6º de Primaria para:
ICÍA SECO ABEAL
(60 euros para material escolar e un detalle do centro)


1º premio da categoría SECUNDARIA B para:
MARCOS GARABANA TOJEIRO
(60 euros para material escolar e un detalle do centro)

Ademais, este día de celebración da transmisión da nosa cultura e do noso patrimonio inmaterial, tamén quixemos facerlle un pequeno recoñecemento á nosa Auxiliar de conversa, Valeria Lía, pois con ela tamén viaxará a nosa cultura alén do mar despois de beber das nosas fontes máis tradicionais.
Que vivan as transmisoras da cultura galega!!!


sábado, 17 de mayo de 2025

PODCAST - Día das letras galegas

Dende 5º de EI elaboramos un podcast  "Os soños que cantan" para o día das letras galegas achegando información sobre as pandereteiras de Mens.

Coñecer as cantareiras na educación infantil é fundamental para transmitir ás novas xeracións o valor da tradición oral galega, favorecendo o desenvolvemento da identidade cultural dende os primeiros anos. A través das súas cancións, as crianzas achéganse á lingua galega dun xeito lúdico e afectivo, reforzando a aprendizaxe e o apego pola nosa cultura. 

No contexto das Letras Galegas, recuperar e poñer en valor figuras como as cantareiras permite honrar a memoria colectiva do pobo galego e fomentar o respecto pola diversidade lingüística e musical de Galicia. 

 A continuación, neste podcast coñecerás mais detidamente aspectos sobre a historia desta pandereteiras dende o punto de vista infantil do noso alumnado.


Agardamos que vos guste.

viernes, 16 de mayo de 2025

Con Lingua Propia: teatro para conmemorar o Día das Letras Galegas

 

Dentro das actividades de celebración das Letras Galegas hoxe contamos co espectaculo Con Lingua Propia promovido polo concello de Monfero dentro do programa cultural da Deputación da Coruña. Del participaron  o alumnado da Ed. Infantil e da Ed. Primaria.

Estamos ante un espectáculo  da compañía Peter Punk Pallaso pensado para ampliar a oferta de ocio en lingua galega dirixida a público infantil e familiar. Combina as máis variadas técnicas circenses cun humor adaptado á realidade e á lingua galegas, cuns diálogos e números pensados especialmente para presentar o idioma de Galicia como parte esencial da vida cotiá dos galegos e galegas. Nel se repasan aspectos da nosa lingua cun coidado vocabulario combinado con xogos malabares e humor.

       

                                                                                                            Imaxes de Peter Punk Pallaso. 

CELEBRACIÓN DOS MAIOS E DAS LETRAS GALEGAS 2025

 Todos o anos aproveitamos para festexar conxuntamente no CPI Virxe da Cela dúas datas moi significativas: o Día das Letras Galegas e a Festa dos Maios. Este ano, máis que nunca, esta celebración estivo totalmente fusionada, xa que O Día das Letras Galegas 2025 céntrase na poesía popular oral, concretamente nas "cantareiras" (cantantes). Esta celebración é unha homenaxe á tradición oral de transmisión da música e as cancións galegas, así como ás mulleres que mantiveron viva esta tradición ao longo dos séculos.  Igualmente a  festa dos Maios, unha celebración tradicional que conmemora a chegada da primavera e o final do inverno, baséase na participación da comunidade nunha atmosfera festiva co canto de coplas e cancións e na exbibición de estructuras e alfobras vexetais. 

Comezamos a xornada do venres 16 de maio 2025 baixando por quendas ao patio para poder dar forma a unha fermosa alfombra floral de forma circular como as pandeiretas e a ilustración dunha cantareiras, así como para a decoración dunha estructura cónica con motivos vexetais. Ambos elementos situáronse no escenario do Festival, que dando comezo ás 12:30 horas coa sucesión de números musicais e as interesantes intervencións dos presentadores, serviu para difundir entre o alumnado e profesorado do centro a importancia tanto das persoas que transmitiron esta riqueza do noso patrimonio (Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro dás Pandeireteiras de Mens, Malpica) como a figura de Dorothe Schubart, quen compilou o seus cantos no Cancioneiro Popular Galego