viernes, 4 de abril de 2025

AS NOSAS TRANSMISORAS CON RICHI CASÁS. LETRAS GALEGAS 2025

Xoves 3 abril 2025. Biblioteca Castelao. De 15:10 a 16:25 



Grazas e parabéns tamén a vós. Tiñades todo  o tema moi traballado, como non vin en ningún outro centro educativo, e os rapaces atenderon con moito interese as miñas explicacións, videos e música. Valoro máis que ningunha outra cousa o feito de que tocarades e cantasedes durante a sesión, pois por moita teoría que se expoña, ó final o que conta é seguir cantando e tocando xuntos. A razón de ser do canto é a xuntanza, e esta música ancestral chegou ata nós porque serviu para xuntar á xente durante miles de anos. Seguide así, fomentando o canto, e quen sabe, se as institucións educativas nos dan pulo, tamén o baile, outra manifestación, se cadra máis corporal e liberadora, do noso ser. Anímovos moito a facer esa foliada en Casa Lourán, e a que sexan os alumnos e alumnas quen organicen e se mova para formar esa festa. Eu estarei encantado de vos recibir se me é posible, e poñer en práctica outra vez todo o falado na sesión de onte. Aproveitade ao máximo a ese alumnado que tedes no centro que son alumnos de grupos folclóricos. É un tesouro e unha sorte contar con eles, e son un exemplo magnífico para o resto. Unha forte aperta a alumnado e profesorado do CPI Virxe da Cela. Richi.




1 comentario:

  1. "O Día das Letras Galegas de 2025 está dedicado ás cantareiras. Personificouse en seis mulleres, catro delas figuran no Cancioneiro de Dorothé Schubarth cun número elevado de cantigas, melodías e letras, como é o caso de Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; ou o de Asunción Garrido e Manuela Lema, de Mens. A outra cantareira de Mens, Prudencia Garrido, non foi informante de Schubarth pero consérvanse dela documentos sonoros importantes. Igual ocorre con Eva Castiñeira, de Muxía."
    Antón Santamarina, Real Academia Galega
    Nós onte tivemos a sorte de que nos visitase Richi Casás, o neto de Rosa e o afillado de Adolfina. A verdade é que foi un pracer escoitar todo o que nos contou e agradecemos todos os coñecementos sobre música e tradición oral que nos transmitiu, tal e como fixeron a súa avoa e a súa madriña, así como as transmisoras e transmisores da nosa cultura popular que este ano se homenaxean no día das Letras Galegas. É imprescindible seguir mantendo vivo o legado dos nosos devanceiros para reafirmarnos na nosa condición de galegas e galegos, é dicir, para salientar a nosa identidade como pobo. Por iso, nós quedamos cos consellos de Richi que nos anima a recoller contos, lendas, historias, música... da nosa contorna, aproveitando a facilidade que temos na actualidade ao dispoñermos de dispositivos tecnolóxicos para ese labor. Deste xeito, contribuiremos á permanencia da nosa cultura e paatrimonio inmaterial.

    ResponderEliminar