sábado, 20 de abril de 2013

OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN CON ANTONIO SEIJAS






Tal como mencionou Pedro García, encargado da Biblioteca Escolar, "que mellor que traer ao noso centro a un dos ilustradores con máis proxección en Galicia para conmemorar o día de hoxe, 23 de abril, Día do Libro". Falamos de Antonio Seijas, aresán de nacemento,  que a pesares de ter uns inicios un tanto difíciles no mundo da ilustración, conseguiu salvar todos os obstáculos coa fórmula máxica: traballar con paixón e facer da creación toda unha forma de vida. Recordou a todos os asistentes a grande importancia do acto da lectura. De feito máis que grandes maestros da ilustración Antonio Seijas bebe da enriquecedora fonte da lectura, tratando de vivir e de desglosar cada capitulo e cada escea dos libros nos que se mergulla para tratar de se apropiar da súa esencia, que nun proceso posterior deixará plasmado nunha imaxe. De aí a importancia de sentir e comprender, moito máis importante que o acto do debuxo en si. 

Antonio Seijas fixo un percorrido visual por toda a súa traxectoria, explicando moitísimas das claves do seu traballo, e desglosando paso por paso ese rico proceso creativo. Parada obrigada as viñetas de "Cartas de Inverno", obra literaria de Agustín Fernández Paz, ou de "Un home feliz", da súa propia autoría. Descubriunos todo tipo de recursos, expresivos e narrativos, dende a utilización das cores, a mestura con técnicas fotográficas, as claves de localización, a psicoloxía das súas personaxes, e a vinculación de todos estes elementos no seu propio universo persoal, dende a observación e análise da realidade e de fontes literarias, musicais, cinematográficas e artísticas en xeral. Amosounos tamén as súas colaboracións con diversos grupos musicais, revisando as cubertas e os libriños de traballos discográficos, e tamén mencionou a inclusión dalgunhas das súas obras visual como elementos do decorado en algunhas series televisivas, así como as súas aportacións á Fundación do cineasta americano David Lynch. 

Igual de enriquecedora foi a segunda parte da charla, na que Antonio Seijas respondeu con grande naturalidade e humildade á ampla batería de preguntas realizada polo alumnado e profesorado alí presente. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario