lunes, 30 de mayo de 2011

OS MAIOS: A FESTA DAS FLORES

Como xa vén sendo toda unha tradición no noso centro dende hai catro anos, o pasado venres 27 de maio celebramos a festa das flores, tratando de recuperar a tradición dos maios que xa estaba a desaparecer nesta zona. O alumnado de educación infantil, primaria e secundaria reuniuse no patio cuberto para participar nunha festa adornada con frores e amenizada por música e danzas. Xa desde primeiras horas da mañá un grupo de mozos e mozas de secundaria, axudados por un grupiño de nenos e nenas de infantil, elaboraron un fermoso maio a base de pétalos e ramas, todo un festival de cores que vestiu o chan do patio. O alumnado de primaria tamén estivo realizando un maio en formato bidimensional coa mestra de educación artística, que está situado na entrada do edificio de primaria. Non faltou a música, empapando a atmósfera con melodías tradicionais ao ritmo do tamboril, o bombo, a pandeireta, e cálida melodía das frautas e o acordeón. E, como non, o baile grupal, con estructuras de danza a base de rodas e filas enfrentadas, do xeito máis tradicional.




miércoles, 25 de mayo de 2011

ZOOLOXÍAS DOMÉSTICAS






"Zooloxías domésticas" é o atractivo título do obradoiro impartido por Alberto Barreiro ao alumnado de 5º e 6º de primaria o pasado martes 24 de maio en horario de 15:00 a 16:15 horas. A biblioteca escolar foi o espazo ideal para desenvolver este obradoiro de escritura creativa e ilustración proposto pola Editorial Kalandraka, baseándose no libro "Imaxina animais", de Xosé Ballesteros e Juan Vidaurre.
Alberto amosou aos rapaces e rapazas as claves para convertir un simple obxecto (un abrelatas, unha lámpada, unha trompeta, unhas tesouras) nun ser vivo único e peculiar, e bautizalo co nome que ilustre tanto os seus rasgos materiais como animais, e inventar unha descrición do mesmo que aporte datos sobre o seu modo de vida, o seu hábitat, a súa alimentación... deixando en todo momento voar a imaxinación. Os resultados foron espectaculares, acadando una coleción de curiosos seres: gaivofón, palur, canchán, pimbo, cuchamari, cuchipé, tartacás, peixabre, galixés, etc...

No blogue "PALABRAS NO AR"podedes consultar orientacións didácticas para facer obradoiros de ilustración e escritura creativa.



PALABRAS NO AR é unha campaña de dinamización lingüística deseñada por KALANDRAKA EDITORA para a Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco do seu programa BOCABERTA,

viernes, 20 de mayo de 2011

OLLOBOI: III CONCURSO AUDIOVISUAL GALEGO



Varias das propostas audiovisuais de Xesteira Films (Produtora do EDLG do CPI Virxe da Cela)participarán no certame OLLOBOI. Podedes visitar a páxina que contén os traballos que foron pasando o proceso de preselección, entre elas "Os trece anos de Branca", "Os dereitos humanos" ou "A taberna de Antonio", protagonizados polo alumnado do noso centro.

OLLOBOI

O grupo Rodaxe (GT Obradoiro Audiovisual) convoca o III Concurso Audiovisual Galego “OlloBoi” que se rexerá polas seguintes

BASES

A modalidade de participación é a video-edición, xa sexa en formato documental ou en curtametraxe (de duración non superior aos 20 minutos).
O produto final deberá aloxarse nun servidor web, como por exemplo Vimeo, Youtube, DailyMotion, etc.
A temática e lingua dos traballos será libre, aínda que se valorará o uso ou referencia ao idioma galego.
Aceptaranse traballos realizados nos últimos 3 anos que non se presentaran en edición anteriores do concurso.
Poderase participar individualmente ou en grupo, con ou sen tutela do profesorado. O xurado terá en conta que a autoría do traballo sexa non profesional.
Os alumnos menores de idade que participen deberán contar co consentimento paterno para seren gravados ou fotografados, así como para a promoción do traballo realizado.
A entidade organizadora poderá divulgar os traballos presentados nas súas páxinas na rede.

PARTICIPACIÓN: Vías e prazos

Os traballos deberán pendurarse nun portal web antes do 10 de xuño, incluído, indicando no formulario de inscrición (aínda non dispoñible) a dirección (URL) onde están albergados.

TRIBUNAIS e PREMIOS

Os traballos de todos os participantes estarán enlazados dende o día 10 de xuño no sitio web http://rodaxe.info dende onde se poderá acceder a un formulario para votar online. A votación conlevará a participación no sorteo dun lote de camisetas.
Establécense as seguintes categorías con cadanseu tribunal e premio:
1º Premio Rodaxe (300 €) ao mellor traballo, concedido polo grupo Rodaxe Obradoiro Audiovisual.
2º Premio Rodaxe (100 €) ao segundo mellor traballo, concedido tamén polo grupo Rodaxe.
Premio Impinxidela (100 €) ao mellor traballo en lingua galega, concedido por Impinxidela, EDNL do IES Leliadoura de Ribeira.
Premio especial OlloBoi do público (100 €) de acordo cos votos recollidos online e en papeletas nas proxeccións previas á gala de entrega de premios.
Non se descarta a inclusión de novas categorías de premios en función dos posibles patrocinios conseguidos.
A organización resérvase o dereito a declarar deserta unha ou as dúas categorías.
A data e lugar de entrega de premios confirmaranse no mes de maio, na páxina http://rodaxe.info

jueves, 19 de mayo de 2011

CERTAME OUFF-ESCOLA



A GASTRONOMÍA GALEGA


Coa charla e os obradoiros sobre a comidia india realizados o luns 23 de maio de 2011 no horario de 14:45 a 16:25, damos por finalizado a elaboración de actividades enmarcadas no proxecto School to School da Fundación Vicente Ferrer, que este curso académico 2010-2011 está centrado na temática da gastronomía. Por tanto o último paso consistirá no envío de todo o material gráfico e audiovisual que se realizou no noso centro á Pinnandari School, situada no distrito de Atmakur, (Anantapur, a India).

O alumnado de 3º da ESO foi o encargado de impartir tanto a charla como os obradoiros ao alumnado de 5º e 6º de primaria. En primeiro lugar, tivemos unha proxección de diapositivas sobre a alimentación e os hábitos alimenticios na India, explicada por varios alumnos/as de 3º da ESO. Posteriormente realizouse un pequeno obradoiro para aprender os nomes dos alimentos na lingua telegu, que é falada en Anantapur, a zona onde se desenvolve as accións da Fundación Vicente Ferrer. Tamén o alumnado de 3º da ESO dramatizou un pequeno diálogo para explicar frases básicas na lingua telegu. Xa na biblioteca escolar os rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria realizaron un divertido obradoiro no que tiñan que clasificar as diferentes especias, así como facer unhas fichas avaliativas sobre a información recibida durante a charla.


Circular profes as especias
View more documents from satelite1.










miércoles, 18 de mayo de 2011

XORNADA DAS LETRAS GALEGAS E INTERNET

A Secretaría Xeral de Política Lingüística infórmao de que a celebración da xornada Letras Galegas e Internet, terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro xoves, 19 de maio. Tamén colaboran a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Secretaría Xeral de Medios.

A coincidencia no 17 de maio da celebración do Día das Letras Galegas e do Día de Internet constitúe unha boa oportunidade para facer dialogar estes dous elementos decisivos hoxe para o futuro dos galegos e das galegas. As novas tecnoloxías e a lingua son ferramentas básicas para o noso desenvolvemento social e persoal e, cada vez máis, forman parte da configuración da nosa identidade.

A información e as tecnoloxías derivadas das telecomunicacións e da informática como medio para transportala precisan do vehículo lingüístico para chegar ás persoas. A lingua galega, como elemento definitorio da comunidade humana que conformamos, constitúe un valor engadido para que esa chegada sexa efectiva, próxima, empática. Para a lingua galega, pola súa parte, a canle da Internet e das novas tecnoloxías ofrece un novo pulo para a súa difusión, para o seu prestixio, para a multiplicación das súas funcións sociais. Para os falantes, ese diálogo en marcha entre lingua galega e tecnoloxía abre as portas á posibilidade de facer vida en galego.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística quere aproveitar esta data de festexo para contribuír a difundir entre a sociedade os novos recursos lingüísticos dispoñibles a través da Rede. Con este obxectivo organiza a xornada Letras Galegas e Internet, que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro 19 de maio, na que tamén colaboran a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Secretaría Xeral de Medios. Boa parte destes recursos lingüísticos que se presentan na xornada son aplicacións nas que a secretaría xeral está a colaborar para contribuír á calidade da lingua e ao seu prestixio social, que lle ofrecerán á cidadanía novas oportunidades para sentirse máis segura traballando e comunicándose en galego no lecer e nas relacións a distancia.

A xornada poderase seguir por Internet en directo, de 10:30 a 13:30 h, en
www.cmg.xunta.es/emision/directo/directo.htm

jueves, 12 de mayo de 2011

A LECTURA, UNHA PORTA ABERTA AO MUNDO

Alumnado de 3º da ESO amosando o seu libro




Presentación do día das Letras Galegas na Biblioteca



Alumnado de 1º da ESO exhibindo o marcapáxinas




Co galo da celebración do Día das Letras Galegas 2011, o vindeiro Venres 13 de maio de 2011 realizarase unha actividade para o fomento da lectura en lingua galega. Todo o alumnado do centro será agasallado cun libro de contos en galego e un marcapáxinas conmemorativo. O acto terá lugar na Biblioteca Castelao, onde se realizará a entrega. Os grupos, acompañados polos seus titores/as visitarán a Biblioteca no seguinte horario:

•De 12:35 a 12:45: alumnado de 2º Ciclo de Educación Primaria.
•De 12:45 a 12: 55: alumnado de 3º Ciclo de Educación Primaria.
•De 13:00 a 13:05: alumnado de 1º ESO
•De 13:05 a 13:10: alumnado de 2º ESO
•De 13: 10 a 13:15: alumnado de 3º ESO
•De 13:15 a 13:20: alumnado de 4º ESO

O alumnado de Educación Infantil e 1º Ciclo de Educación Primaria recollerán os seus agasallos o mércores 18 de maio en horario de 12:35 a 13:00 (motivo: saída extraescolar o venres 13 de maio)

O alumnado de PCPI recibirá o agasallo a través do seu titor.

Agradecemos ao Concello de Monfero a doazón dos libros.

Esta actividade de fomento da lectura en lingua galega está promovida pola Biblioteca Escolar, o EDLG e o Departamento de AAEE.


martes, 3 de mayo de 2011

LETRAS GALEGAS 2011

Este ano o Día das Letras Galegas  está adicado a Lois Pereiro. 
Lois Pereiro, nado en Monforte de Lemos en febreiro de 1958, está considerado un mito da poesía galega contemporánea. Formou parte do denominado Grupo de Amor e Desamor, un conxunto de dez poetas da talla de Pilar Pallarés, Lino Braxe, Manuel Rivas, Mato Fondo, Xavier Seoane, Fenán-Vello... A súa obra fai del un autor de culto e representa a renovación e o achegamento aos lectores máis novos.
Para saber mais sobre Lois,  tedes aquí unha serie de ligazóns coa súa biografía, recursos didácticos e demais. Só tedes que picar enriba deles.




 Aquí vos deixameos unha presentación sobre a vida e obra de Lois Pereiro. Picade enriba dela  para vela en grande.