sábado, 28 de noviembre de 2015

NEIRA VILAS: SEMPRE NA MEMORIA

Morreu no día de onte, o último dos chamados "renovadores da prosa galega" (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e el), don Xosé Neira Vilas. Sempre entristece a morte, dolorosa lei de vida, dos bos e xenerosos, coma este autodefinido "xornaleiro da palabra e traballador das Letras". Reconforta, porén, a súa traxectoria vital e o seu legado. Afortunado foi o noso pobo con tódolos que no seu seo naceron, viviron, traballaron con dilixencia e dedicación e, finalmente, morreron merecedores do cariño e amor da terra.

"Eu só quería contar o que pasaba na aldea, fronte á visión idílica, bucólica e humorística que había". Sen máis. Así respondía Neira Vilas cando lle preguntaban por Memorias dun neno labrego e pola feliz excepción na nosa literatura que supoñen os seus 600.000 exemplares vendidos. Sobrábanlle as teorizacións. Só quixera -salientaba nas entrevistas- dicir a verdade. Fronte á visión chocalleira e folclórica do rural. Escoitalo a el, na súa casa de Gres, (Vila de Cruces), era, tamén, por momentos, como ouvir o seu personaxe, Balbino, décadas despois. “Coma quen dis, un ninguén”. Un “ninguén” que falou por todos os outros ninguén, que somos nós. Non só os rapaces de aldea. Anos despois, nos 70, chamáronlle literatura social-realista. Denuncia da opresión dos subalternos. Pero el xa o fixera. Coma Blanco-Amor, a quen citaba como referente. E non precisaba etiquetas.


Neira Vilas, sempre na memoria, e inmortalizado por Balbino, representante da súa obra por antonomasia.





              


No hay comentarios:

Publicar un comentario