Froito da colaboración dos departamentos de música de primaria e secundaria, e xa constituíndo toda unha tradición instaurada desde fai máis dunha década no noso centro, o venres 13 de maio de 2022 a música e a danza amenizou e enriqueceu unha xornada especial para a nosa cultura galega, xa que paralelamente celebramos o Día das Letras Galegas, adicado este ano a Florencio Delgado Gurriarán. O espazo do aparcamento dos buses converteuse nun auténtico escenario no que se conxugou a tradición e a modernidade.
Os nenos e nenas de 6º de EI bailaron a tradicional Danza de Fitas, ao son do Pasodoble de Meira (utilizando unha gravación deste tema realizada pola Asociación Musical Folclóricos de Virxe da Cela e acompañados polas percusións en directo de alumnado de EI e EP). Acto seguido o alumnado de 2º da ESO bailou a ben coñecida Muiñeira de Lugo, e posteriormente o público aplaudiu e animou os nenos de nenas de 1º de EP, que axudados e acompañados por alumnado de 4º da ESO, realizaron unha vistosa coreografía da mediática e famosa Terra de Tanxugueiras. E que mellor que unha actuación multitudinaria para pechar o festival, onde alumnado de varias clases de EI e EP bailaron e fixeron acrobacias á par que se escoitaba o Pasodoble de Beo (gravación Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre).
Entre número e número o alumnado de primaria aproveitou para dar unhas pinceladas sobre a vida e obra de Florencio Delgado, recoñecendo a súa figura e visibilizando a súa contribución na valoración e promoción da nosa lingua e cultura galegas.
Ao final desta xornada aproveitamos entregar diplomas acreditativos ao alumnado de EP participante no programa Digicraft (especialmente destacando o proxecto de 2º EP, gañador a nivel autonómico do Super Reto Digicraft, e que viaxará a Madrid o 14 de Xuño á final Estatal). Noraboa a todos e todas!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario