viernes, 3 de febrero de 2023

PROPOSTAS DA AELG PARA CELEBRAR O DÍA DE ROSALÍA

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 23 de febreiro, aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web. Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra, ideadas a partir do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, creado nesta ocasión pola escritora Carme Adán.

O lema é: #cumpriuseaxustiza 

Educación Infantil e Primeiro ciclo de Educación Primaria.  Recortade dunha revista, xornal... debuxos e escribide nun papel unha palabra para cada debuxo. Podedes escoller imaxes que teñan relación cos sentimentos, as emocións, ou cousas que están a acontecer no mundo e son importantes para vós. Logo, nunha cartolina co rostro de Rosalía, pegade as imaxes con cadansúa palabra, creando unha colaxe. 

Segundo ciclo de Educación Primaria.  Despois de ler un poema de Rosalía na aula, escollede as catro palabras que máis vos gustaron e compoñede con elas un pequeno poema de catro versos. Así comprobaredes o gran poder que teñen as palabras, xa que dependendo das outras que as acompañan, ás veces mudan o seu significado. 

Terceiro ciclo de Educación Primaria, Educación Secundaria e Bacharelato.  Escribide e describide as inxustizas do mundo que nos rodea. Dádelle forma de poema, de sentenza, de pensamento, de pequeno ensaio, de microrrelato, e pendurádeos das aulas, dos corredores, dos teitos, das paredes. Pendurade en palabras as miradas sobre o mundo. Enviamos dous exemplos indicativos, entre os moitos que se vos ocorran nos centros:
  •  Exemplo 1. Coller algunhas imaxes de conflitos bélicos de hoxe, da inmigración no mundo, da explotación no traballo, os prezos da vivenda... e facer unha colaxe coa pregunta "Que diría Rosalía?" 
  •  Exemplo 2. Recoller información sobre organismos e ONGs que actúan aquí para denunciar e combater as inxustizas ou asociacións que traballan con mulleres que sufriron violencia (a modo indicativo, Médicos do Mundo, Vagalume, Adega, Esculca, ...). 
 A documentación gráfica xerada por estas actividades será compartida nas correspondentes redes ou medios de difusión do centro educativo, arredor do 23 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #cumpriuseaxustiza e #rdc_23. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. A este mesmo correo podedes comunicarnos a vosa intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2022, para a irmos facendo constar na nosa web: https://www.aelg.gal/actividades/dia-de-rosalia-de-castro/2023/2/23/dia-de-rosalia-de-castro-2023 Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario