lunes, 13 de febrero de 2023

CLAUSURA, REFLEXIÓN E VALORACIÓN DE 21 DÍAS CO GALEGO E +


Pouco a pouco chegamos ao final dos 21 días co galego e + 2023. Hoxe tócanos gozar da clausura e realizar a última reflexión e logo, nas vindeiras semanas, deberás realizar o cuestionario de valoración do alumnado participante que has atopar na segunda parte desta entrada.

FALAMOS – REFLEXIÓN 3

Hoxe tócache realizar a túa terceira e última gravación de reflexión: neste caso trátase dunha reflexión especial coa que se pretende que realices unha análise xeral da túa participación no proxecto. Para iso queremos que fagas memoria e que lembres como comezaches. Recorda que, nestas gravacións, que deberás gravar en solitario ao final do día, o que realmente importa é a túa sinceridade e capacidade de análise.

1.- Consideras que nestas tres semanas aumentou a túa competencia oral en galego ou consideras que axudaches a que outras persoas mellorasen a súa competencia oral? Xustifica a resposta.

2.- En caso afirmativo, coidas que aumentaría do mesmo xeito con outro tipo de actividade? Dinos como e dános ideas para mellorarmos.

3.-  Esta experiencia axudouche a coller soltura á hora de te desenvolveres diante dunha cámara?

4.- En calquera acción que emprendamos, os logros relaciónanse directamente co grao de implicación.

Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o desenvolvemento da túa competencia en lingua oral ou os logros que conseguiches con outras persoas?

Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o teu nivel de traballo e o teu grao de implicación?

Que nota che sae de media?

5.- Atopaches algún atranco para falares en galego durante estas tres semanas? Se é que houbo algún, explica cal ou cales foron.

6.- As gravacións de reflexión fóronche útiles? Xustifica a resposta.

7.- Consideras que estás en situación de ser bilingüe? E de ser galegofalante? Xustifica a túa resposta.

8.- Se estivese na túa man a continuidade do proxecto, continuarías con el noutros cursos, modificaríalo ou eliminaríalo?

9.- Que tipo de actividade farías ti para que o alumnado falase máis en galego?

10.- Cres que esta actividade resulta interesante e positiva? Xustifica a túa resposta.

11.- Desexas dicir algo máis?


CUESTIONARIOS DE VALORACIÓN

Gustaríanos que, unha vez que remates os 21 días co galego e +, realices un cuestionario de valoración para nos axudares a mellorar este programa no futuro. Moitas grazas por colaborares connosco.

Preme no cuestionario do teu colectivo. Os formularios pódense cubrir ata o 15 de marzo.

ALUMNADO PARTICIPANTE – Cuestionario de valoración

PROFESORADO PARTICIPANTE – Cuestionario de valoración

PROFESORADO COORDINADOR DE CENTRO – Cuestionario de valoración


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario