martes, 1 de diciembre de 2009

ESPAZO VIRTUAL PARA ENDL

Recentemente foi creado o espazo virtual (http://xunta.es/linguagalega/equipos_de_normalizacion ) que pretende ser o punto de encontro e o escaparate das accións impulsadas polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

A experiencia en materia de dinamización lingüística constata que as múltiples iniciativas deseñadas e organizadas desde ou co apoio dos ENDL, teñen servido para activaren espazos e promoveren usos do galego na escola que axudan a mellorar a competencia comunicativa do alumnado, ampliando os seus recursos competenciais en lingua galega ou introducíndoo nela, independentemente de que esta sexa a súa lingua inicial ou unha segunda lingua.

Actividades encamiñadas ao reforzo desa competencia, do goce do tempo de lecer, ao intercambio multicultural, á recuperación da tradición oral, á prensa escolar, á introdución nos novos soportes de interacción que ofertan as TIC, etc., conforman unha bagaxe de traballo a prol da lingua galega na escola que cómpre difundir.

Dármoslles visibilidade ás iniciativas dos ENDL é o obxectivo dunha ficha de participación directa que xa está ao voso dispor neste enlace: http://xunta.es/linguagalega/iniciativas_normalizadoras_1

Mediante este formulario podes facernos chegar recursos ou actividades de dinamización lingüística desenvolvidas no teu centro que poidan ser coñecidas por todos e partilladas, como iniciativas suxestivas. Unha vez recibida e valorada a acción proposta (unha por cada ficha), inserirémola no apartado correspondente segundo os destinatarios aos que vaia dirixida, as metodoloxías empregadas e os obxectivos traballados.

Agardando que esta iniciativa de comunicación directa sexa ben acollida e permita retroalimentar o traballo común dos ENDL, recibe un saúdo dinamizador.

Mercedes Queixas Zas
Coordinadora territorial ENDL

No hay comentarios:

Publicar un comentario