viernes, 26 de abril de 2019

O ENTROIDO DE SAMEDE



     Boas a todas e todos! O meu nome é Dani, e durante un tempiño, neste curso, estiven facendo prácticas no CPI Virxe da Cela, pois estou estudando na universidade, para mestre de Educación Infantil. Cando me comentaron a posibilidade de escribir unha liñas para esta páxina, aceptei encantado, pois contar a miña experiencia pareceume unha idea estupenda. 
     O primeiro que quero comentar vai sobre o Laboratorio de Radio e Televisión (RTV – Enxebre), no cal participei en distintas ocasións. A iniciativa de realizar radio e tele dende a escola, no horario de clases, pareceme unha gran proposta que se leva a cabo nesta escola. Seguro que todas e todos nós escoitamos a radio e vemos a tele todos ou case todos os días. Estar en contacto con estas canles e crear contidos dende a escola fai que as nenas e nenos aprendan a comunicar e comunicarse coas demais persoas, teñan un pensamento e discurso crítico e desenvolvan habilidades como a escoita activa e mesmo tamén aprender a falar en público. Todas estas cuestións fan que as nenas e nenos aprendan moito á vez que desfruten do traballo que realizan, entre o que podemos destacar: as gravacións, as entrevistas ou a creación de diversos contidos. 
      O segundo que vos quero contar agora vai sobre unha entrevista realizada polo alumnado de segundo de primaria a Anxo Caxiao, unha das moitas persoas que colaboran no Entroido tradicional de Samede. Pero, que é isto do Entroido de Samede? Para que nos ubiquemos, Samede é unha parroquia dentro do Concello de Paderne, que se atopa situado ao carón do Concello de Monfero. Nesta pequena aldea, a veciñanza realizaba fai moitos anos unha festa de Entroido cun baile moi particular chamado “Muiñeira Cruzada” e mesmo aparecían diversas personaxes con traxes moi peculiares. Un grupo de veciñas e veciños comezaron a recompilar información, pois esta festa tradicional perderase no tempo, para conseguir recuperala e poder celebrar de novo, a día de hoxe, o Entroido en Samede. 
      Na aula, e utilizando a información que atopamos na páxina web e páxina de facebook do entroido (http://entroidosamede.gal/ e https://www.facebook.com/profile.php?id=184808045398059&ref=br_rs ), así como cunhas breves explicacións para mergullar na materia, iniciamos na aula este proceso de coñecemento para logo pensar preguntas que facerlle ao noso entrevistado do día: Anxo Caxiao; coa intención de afondar máis no tema. 
      O entrevistado viña cargado con materiais propios deste entroido, entre os que puidemos ver as máscaras, as vexigas ou os sombreiros, que o alumnado tivo a sorte de manipular posteriormente á entrevista, para deste xeito facer moito máis significativa esta actividade. 
      Non coñeciades o Entroido de Samede? Queredes saber máis sobre él? Estades atentas e atentos, pois o alumando de segundo de primaria do CPI Virxe da Cela xunto con Anxo Caxiao aportarán coas súas voces esa información que necesitades. Saúdos!

No hay comentarios:

Publicar un comentario