sábado, 28 de mayo de 2016

MAIOS 2016



Xustiños no límite… o último venres do mes de Maio foi o día elixido para celebrar esta conmemoración que da a benvida á primavera (venres 27 de maio de 2016). Coa colaboración de todos e todas conseguimos grande cantidade de fermosas flores que utilizamos para tecer unha alfombra que fai referencia aos 40 anos de historia que está a cumprir o noso centro educativo, o CPI Plurilingüe Virxe da Cela,  e engalanar unha estrutura cónica típica dos Maios. Contamos con varias actuacións musicais do alumnado de educación infantil, primaria e ESO, figurando no repertorio temas tradicionais como “Amoriños collín” ou o xa coñecida danza de paus que tanto éxito ten entre o noso alumnado. Como broche final a esta celebración entregáronse os premios e diplomas aos gañadores do concurso “Preguntón 2016”, que este ano recaeron en “Grupo de Monfero” (1º premio) e “Los Legales” xunto con “Andrea e Alba” (2º premio).








martes, 24 de mayo de 2016

OS NENOS E NENAS DE RELI DE 5º E 6º DE EP EN COLABORACIÓN COS DA ESO AMOSANNOS AS SÚAS PARROQUIAS

Os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria na materia de Reli, coa colaboración de algúns compañeiros/as da ESO, realizaron un proxecto documental a través do cal amósannos as súas parroquias. Neste traballo investigaron, sacaron fotografías... Aquí podedes ver o resultado.

miércoles, 18 de mayo de 2016

OBRAS CHEAS DE GALICIA. LETRAS GALEGAS 2016

Este ano concorren tres situacións culturais interrelacionadas e á vez independentes. Conmemórase o centenario da creación das Irmandades da Fala, que aló polo 1916 botaron a andar nos Cantóns coruñeses; choramos a morte de Neira Vilas, reporteiro do rural; e homenaxeamos a Manuel María, creador da poesía da Terra.

E para dar constancia delo no  CPI Conde de Fenosa realizaron o documental  “Obras cheas de Galicia”, idea de Ana Martínez  alumna de 4º de ESO, en colaboración cos alumnos de 4º que poñen voz a unha escolma de poemas dos autores,  o EDLG e o departamento de lingua galega.  

Aquí vos deixamos este documental que queren compartir con nós os compañeiros de Ares. Esperamos que vos guste.


           

sábado, 14 de mayo de 2016

40 ANOS VIVINDO A ESCOLA



40 anos vivindo a escola…. Canta boa xente pasou neste tempo polo colexio Virxe da Cela, o noso cole do Xestal. Xente dos concellos de Monfero, de Irixoa e mesmo de Andrade pasaron por el. Familias enteiras nas que as distintas xeracións  atoparon na nosa comunidade escolar  non só unha educación de calidade, uns mestres e mestras, profesores e profesoras entregados, un persoal amable e servicial senon tamén un lugar familiar onde compartimos experiencias, vivencias, valores…

Ah, e se queredes saber máis das moitas cousas e experincias vividas en todos estes anos, podedes achegarvos ao noso blog http://40anosvivindoaescola.blogspot.com.es/.


A FAMILIA GRELINDA



          



Este proxecto tivo a súa orixe no obradoiro “Creación de contidos multimedia: video e audio”, impartido pola nosa compañeira Yolanda Castro e dirixido ao profesorado do centro. Grazas á colaboración dunha alumna de 4º de ESO do CPI Conde de Fenosa, Ana Martínez Fernández, quen deseñou estes fantásticos personaxes da “Familia Grelinda”, podemos comprobar a través dunha divertida curtametraxe como é a vida no noso centro e na nosa contorna. Non queremos esquecer as fantásticas voces aportadas polos nosos compañeiros de profesión (Greliño: Yolanda Castro; Mamá Nabiza: Carmen Espiñeira; Avó Nabo: Alfonso Salgado e Papá Grelo: Fernando Espiñeira) e a evocativa banda sonora composta e interpretada polo músico aresán Fran Rey.