jueves, 22 de enero de 2015

VISITA DE ELENA GALLEGO ABAD AO CPI VIRXE DA CELA



      A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dá un paso máis no desenvolvemento da segunda edición do proxecto de dinamización lingüística Dragal ao organizar entre o 19 e o 29 de xaneiro visitas da escritora Elena Gallego Abad, autora da triloxía en que se basea o proxecto, aos 11 CPI e institutos participantes, duplicando case o número do curso pasado. Os encontros coa escritora son unha das novidades con que conta o Proxecto Dragal este ano, pero non a única. Entre marzo e maio os centros de secundaria participantes recibirán a visita dun contacontos profesional que lle poñerá o ramo á actividade “detective de lendas”, coa que o alumnado se achegará á investigación arredor da Galicia máxica. Ademais, o wiki do proxecto, onde os estudantes realizan e comparten os seus traballos, renóvase este curso incorporando novas funcionalidades que o fan máis atractivo, áxil e eficaz. 

         Da man do Proxecto Dragal, a escritora Elena Gallego visitou este luns 19 de xaneiro o IES de Valga e o IES A Pobra do Caramiñal, o martes 20 estivo no IES Alfoz-Valadouro e o mércores no IES de Becerreá. Esta mesma tarde, visitará o CPI Virxe da Cela de Monfero e, na vindeira semana, o IES Castro Alobre e o IES Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa (27 de xaneiro), o CPI da Cañiza (28 de xaneiro), o IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia e o IES Taboada Chivite de Verín (ambos o 29 de xaneiro). O percorrido pecharase coa participación da escritora nunha videoconferencia que poñerá en contacto o alumnado dos 11 centros educativos que participan no Proxecto Dragal. Durante as visitas, a escritora é presentada no instituto polo coordinador ou coordinadora territorial dos equipos de dinamización da lingua galega, percorre o centro para apreciar o labor de ambientación ou dragalización realizado polo alumnado no primeiro trimestre e mantén un encontro cos estudantes no curso do cal comparte co alumnado as razóns que a levaron a abordar na triloxía Dragal a temática dos dragóns e analiza elementos da cultura galega en que esta está presente. Refírese tamén a autora ao labor de documentación previo á escrita das novelas en que se basea o proxecto.


No hay comentarios:

Publicar un comentario