Como
ben se escoitaba entre a xente do público… “este ano superádesvos”… Este e
outros comentarios similares denotaban unha crítica máis que positiva cara o
Antroido 2015 celebrado no CPI Virxe da Cela. A verdade é que o tema deste ano
tiña moito xogo… o Mar, en todas as súas vertentes e posibilidades. Non faltaron
piratas, capitáns de barco, pescantinas, peixiños, sereas, e incluso un Neptuno
que ollaba impasible o devenir dos acontecementos, hierático co seu tridente e
amosando todo o seu poderío.
Non
soamente se apreciaba todo un traballo de semanas na elaboración dos disfraces,
senón tamén nas coreografías e representacións que os alumnados dos diferentes
cursos levaron a cabo, baténdose en duelo co repiquetear das gotiñas de choiva
que golpeaban o teito do patio cuberto e que non conseguiron “augar a festa”.
Todos e todas, alumnos/as, profesores/as e pais/nais merecían un premio por
colaborar para lograr un espectáculo de tanta talla (aproveitamos para dar os
parabéns ao departamento de plástica pola proposta “Concurso de carautas de
Entroido”, que axudou a decorar o escenario), cousa que fixo suar aos membros
do xurado á hora de deliberar… Eiquí van
os resultados:
“Os
Piratas do Río Lambre” e “Fondo de Bikini” foron as divertidas e
traballadísimas propostas dos máis pequerrechos, os nenos e nenas de Educación
Infantil, que recolleron unha mención especial. Outra mención especial recaeu
no alumnado de 3º e 4º de primaria, polo seu fermoso disfraz “Pesca de peixes”,
ilustrando toda a parafernalia das artes mariñeiras. Simpáticas e moi ben
rimadas estiveron as “Coplas de Entroido baixo o mar”, dos rapaces e rapazas de
6º de primaria, que facían alusión non só ao Entroido en xeral, senón ao noso
universo do CPI Virxe da Cela e que tamén levaron outra mención especial. O
premio á orixinalidade recaeu na vistosa e exótica representación de “A danza
do Dragón”, por parte do alumnado de 1º da ESO, utilizando un espectacular
dragón de varios metros de lonxitude que percorreu o patio cuberto entre os
aplausos do público; os rapaces e rapazas de 2º da ESO recolleron o premio á
mellor coreografía polo baile “Quieto Parao”, perfectamente uniformados e
montados nun simpático carricoche; as rapazas de 3º e 4º da ESO viron
recompensadas tantas horas de dedicación para construír o seu disfraz “Son unha
taza” co premio ao máis traballado; e xa finalmente os rapaces de 4º de ESO
recolleron atropelladamente o premio ao máis divertido co seu breve pero
efectivo número “Tropa de asalto”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario